Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Manuel Antonio

Manuel Antonio

Manuel Antonio Pérez Sánchez (nunca empregou os seus apelidos para asinar os traballos literarios) naceu en Rianxo o 12 de xullo do 1900, no seo dunha familia conservadora. 

Aos dous anos vai vivir a Padrón por cousa da tuberculose que padece seu pai, e da que morrerá cando Manuel Antonio só ten catro anos. Vive primeiro na casa da avoa materna e despois cun tío que exercía, daquela, como sochantre da catedral de Iria Flavia. 

As primeiras ensinanzas recíbeas neste ambiente dominado polo conservadorismo e a relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combaterá o seu espírito inquedo. Con só once anos escríbelle unha carta á súa nai na que lle comunica a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matrículase en 1913 nun instituto de Santiago de Compostela para estudiar o bacharelato. Alí vai vivir a partir do 1914 durante os meses que dura o curso escolar. Santiago ha quedar na súa memoria coma o lugar máxico onde comeza, xunta algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relaciónase con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que ha de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos. 

Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba; sen embargo, as cuestións políticas e literarias atráeno cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opón frontalmente ao ambiente no que pasou a infancia, vivindo e participando con intensidade o momento social e político xa que Manuel Antonio non se limitou nunca a ser un simple espectador. A súa primeira rebeldía é contra o conservadorismo carlista e, por extensión, a xermanofilia. Cando en 1918, durante a I Guerra Mundial, os alemáns atacan barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pídenlle ó embaixador francés na Coruña que os aliste na Lexión Estranxeira. Ante a imposibilidade de facelo na embaixada, decide ir el mesmo a Francia, pero detéñeno na fronteira e bota uns días no cárcere. Posteriormente tentará, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de outubro e mais nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua. 

Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, envía os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chega a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións. Pouco a pouco comeza a concienciarse na loita anticaciquil que van espallando os movementos agraristas e fai dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía da súa familia; por iso algunha vez solicita que ao pé do poema só consten as iniciais. En 1919 envía un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O seu director rexéitao porque os versos empregados non son hendecasílabos, como marcan os canons clásicos, sen embargo aconséllalle que siga escribindo textos en prosa (sic) de contido civil e anímao no seu interese polo movemento agrarista. A partir dese momento as súas preocupacións vanse centrar na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa producción literaria, que, agás algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego. 

En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escríbenlle a Castelao para que actúe como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guieiro teórico dos membros do grupo Nós e mais daqueles mozos que tiñan inquedanzas nacionalistas e literarias, pois era, sen dúbida ningunha, a persoa máis informada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa. Vai ser tamén o ourensán quen lle envíe noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España; pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista na nosa lingua no ano 1920, recoméndalle a Manuel Antonio que repare nalgúns aspectos que son, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega coma o folclore (aspecto sobre o que Manuel Antonio ha manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, tentando ver cál sería a maneira máis axeitada de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo); o saudosismo portugués (este sentimento, extrapolable á mentalidade galega, tiña como máximo representante a Teixeira de Pascoais, autor moi relacionado cos intelectuais e mais cos artistas de vangarda galegos, entre eles, Álvaro Cebreiro; os haiku xaponeses (composicións de tres versos nas que se capta o instante e que procuran provocar emocións no lector por medio da xustaposición de imaxes) e, sobre todo, vaille recomendar a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias. 

A súa información literaria e política procede, amais das informacións dos mestres, dun amplo abano de lecturas. Recibe case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento (A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria, Alfar... ) e intercambia recomendacións e libros cos seus amigos, combinando os clásicos cos autores máis modernos. 

No ano 1919, seguindo os consellos do seu curmán Roxelio, comeza os seus estudios de náutica en Vigo, unha cidade que describe parodicamente ("Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas") e na que non se dá. Sen embargo, vai ser nesta cidade onde terá ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista (celebrouse en 1921) e de coñecer persoalmente os membros máis sobranceiros do galeguismo, entre eles, Risco, co que mantivera só trato epistolar. Dela vai saír un Manuel Antonio fortemente convencido polo ideario nacionalista e moi combativo, o que lle ha provocar discusións cos seus amigos de infancia (Roxelio e mais Rafael Dieste) por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu co galeguismo. Comeza a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Cabanillas, pero que soubo recoñecer e admirar o facer poético do rianxeiro e a súa novidade, como demostra unha carta na que lle pide información sobre a poesía moderna. A partir de 1921 Manuel Antonio comeza unha intensa actividade literaria. Colabora en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e xornais, e mesmo forma parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo. En 1922 publica, xunta o debutante Álvaro Cebreiro, o manifesto ¡Máis alá!, que eles mesmos se encargaron de espallar por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto, o único que aparece na literatura galega da época, foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, coma o que daquela leva as rédeas das Irmandades da Fala, que viu nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, pero non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os autores. 

No 1923 remata os estudios de náutica e aínda se matricula en filosofía e letras na Universidade de Santiago, levado pola atracción que sobre el exerceu sempre Compostela, mais nunca chegará a rematar estes estudios. 

Á espera de facer as prácticas de piloto, segue a actualidade literaria a través da prensa (lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras) e do intercambio de lecturas cos seus amigos, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios, máis propios da cidade ca dunha vila mariñeira coma Rianxo, onde non tiña xa con quen compartir as inquedanzas artísticas (dille a Dieste nunha carta que Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna). A soidade vital vaise acentuando cada vez máis. Xa non envía tan a miúdo poemas á prensa e a súa producción literaria vaise construíndo con máis vagar, máis coidada e persoal. Intensificase o individualismo na obra e na súa vida, e cultiva a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo. 

Entre 1926 e 1927 fai as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do paquebote Constantino Candeira, do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro, o poemario concibido durante as travesías nese barco. Na publicación do libro participan Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e mais Maside, que o ha ilustrar. Nos anos 1928 e 1929 fai tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarca en Cádiz por mor do agravamento da tuberculoso que padece, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro do 1930 falece na aldea de Asados (Rianxo). 


Fonte :   Mil primaveras máis (Roberto Abalde)