Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Manuel Antonio

Manuel AntonioDe catro a catro (1926)


INTENCIÓNS.

Encheremos as velas
c´a luz náufraga da madrugada
Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
d’ o pailebote branco.
C’ as suas mans loiras
acenan mil adeuses as estrelas. 

Inventaremos frustradas descubertas
a barlovento d’ os horizontes
pra acelerar os abolidos corazóns
d’ os nosos veleiros defraudados. 

Halaremos polo chicote 
d’ un meridián innumerado 

N’ a illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso d' a cidade 

Ela noitamula desfollará
como unha margarida prostibularia
a Rosa d' os Ventos d' o noso corazón. 

Encadearemos adeuses d’ escuma
pra tódalas prayas perdidas
Xuntaremos cuardernos en branco
d' a novela errante d' o vento
Pescaremos n' a rede d' os atlas
ronseles de Simbad 

E cazaremos a vela
sobre o torso rebelde d' as tormentas
pra trincar a escota d’ unha ilusión. 

A FRAGATA VELLA

Tes os ollos distantes 
decorados de rostos xoviaes
que os vellos mariñeiros
permutaron polos climas antípodas 

Levas n’ o leme
un pulo de brazos tensos
que retorceron os largacíos
horizontes d' o mar
O vento
atortorando
desfollou d' os velamios
outonos de mocedades 

Mercabas colares circunmeridiáns
n' os bazares d' estrelas
Amarrabas faros dispersos
c’ o simblador calabrote d' o ronsel 

Floreceches n' o Mar
primaveiras amargas
de foulas e escamallos 

Inda que o vento encalme
tremela n' as tuas velas
unha rafega de transmigracións 

N’ ese teu corazón innumerábel
tamén enchen e debalan
as mareas d' o meu corazón. 

TRAVESÍA.

Troqueles reiterados
o reloxe o Sol
alcuñaron moedas efímeras
que repetían todas
a mesma cara e a mesma cruz. 

A costa e o Mar
escamotearon unánimes dorsos
permutadores d' a mesma
lonxincua evasión. 

Temos un estrangoado diagrama
repasado por tódolos novelos d' o horizonte
que viraron a proa e a Rosa d' os Ventos 

N' a fasquía d' os barcos anónimos
postos a flote pola madrugada
estraviados n' o roteiro d' o serán
persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel 

Este intertroque de radiogramas
que reeditaron os faros e as estrelas
dounos a multiplicación monótona
d' as mesmas letras d' o mesmo morse 

Foi a derradeira rafega de vento
quen n' os desfollou de tódalas lembranzas? 

O Mundo 
que xa non sabe
mais que repetir unha volta consabida
rachou clandestinamente
as follas imprevistas d' os almanaques 

C’ as nosas mans suicidades
espallaremos n' o carrusel d' os ventos
os catro puntos cardinaes 

Mentreas
o timoel
arrumbará proa a Ningures 

Repetiremos os nosos corazóns
cronometrando monotonías 

N' as velas indecisas
folle o vento un indelébel
álbum de leit-motivs 

O minuteiro
(tic-tac)
asumeu o compás d' as travesías. 

OS CÓBADOS N' O BARANDAL

Atopamos esta madrugada
n' a gayola d' o Mar
unha illa perdida. 

Armaremos de novo a gayola
Vai a sair o Sol
improvisado e desourentado 

Xa temos tantas estrelas
e tantas luas sumisas
que non caben n' o barco nin n' a noite 

Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c’ as distanzas
d' as suas aas amplexadoras 

E os adeuses d' as nubes
mudos e irremediabeis 

E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c’ o seu viaxe feito
polos oucéanos d' o noso corazón. 

SÓS

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós 

Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco 

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa d' o horizonte 

Este oucéano destracou d' as costas
e os ventos d' a Roseta
ouretáronse ao esquenzo 

As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d' o reloxe 

Pero tamén sabemos a maniobra
d' os navíos que fondean
a sotavento d’ unha singradura 

N' o cuadrante estantío d' as estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre d' o Mar
fixo d' o barco un cadaleito 

Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós. 

AO AFOGADO

Xa che levaron os ollos 
relingadores de lonxanías
e pescadores de profundidades 

Xa che levaron a voz
enmallados n' a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades 

Xa che levaron os azos
enmallados n' a rede sonora
d' os cordaxes ereutos 

O vento aínda escovaba
c’ as poucas d’ escuma
n' a xerga
mais cadaleitos 

Ibas xuntando soedades 

Por un burato d' o Mar
chopaches un día a buscarte 

A noiva goleta
enloitada de branco
que cose roitas esquencidas
acena n' o vento as suas velas
como ese pano d' as despedidas. 

GARDA DE 12 A 4

Envergada n’ un mastro d' a Lua
agárdanos a meia noite 

O sino de proa
emoveita voz astral
zarpou bogando despedidas 

Estraviáronse os pasos d' o Mar
n' os vieiros d' o vento desertor
E perdeuse pola popa
desamarrado 
o ronsel 

Fómonos transbordando
ao cabotaxe d' as constelacións 

Inventores de pseudo continentes
que imos a descubrir
esculcamos as roitas
balizadas de loceiros. 

C’ un faro n' a man
cronometramos o pulso d' as tormentas
que predín os semáforos astraes
- Prepárase un naufraxo
c’ a ausenza cómplide d' o Sol! 

Vente ventiño d' o mar
vente ventiño mareiro
Vente ventiño d' o mar
vente noso compañeiro
(popular) 

E as horas a sotavento
van desviándose de nós 

A alba intrusa
bateu as catro horas
Era o sino de proa
que tornaba d' o Mar
a voz desarbolada
o velamio frustrado. 

RECALADA

Atoparemos n' o peirán
as follas evadidas
d' o almanaque d' os nosos soños 

As novas ruas de sempre
eishibirán o escaparate
d' as mesmas noivas inéditas 

Fumaremos n' as pipas despeitivas
tódalas transeuntes
hostilidades mudas 

O vaso desbicado n' o outro porto
rematarémolo eiquí n' o mesmo bar
cabo d' o mariñeiro descoñecido
que n' os repite a mesma
ubicua sorrisa loira 

N' os burdeles xa saben
que a nosa moeda
ten o anverso de ouro
e o reverso sentimental 

Os ecos imprevistos
d' o noso cantar sonámbulo
apagarán os focos d' a madrugada 

Mañán despertaremos
n' a ausenza d’ esta xornada
Esquivouse unha folla
d' o diario efusivo 

Éramos os espeutadores
n' a prestidixitación
d’ unha hora artificial. 

NAVY BAR

Este bar ten balances
E tamén está listo
pra se facer á vela 

Encheremos o vaso 
con toda a auga d' o Mar
para compor un cock-tail de horizontes 

Pendurados d' as horas
atlas xeográficos d’ esperantos
están sin tradución
E tatexan as pipas
c’ o ademán políglota d' as bandeiras 

Ese cantar improvisado
é o mesmo
que xa se improvisou n’ algures 

Quen chegou avisándonos
d’ esa cita noiturna que temos
c’ o vento ao N E
n' a encrucillada d' as estrelas apagadas? 

Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Descoñecido
- sin xeografía nin literatura-
A noite d' os naufraxos
c’ o seu brazo salvavidas
aferrará con nosco unha vela de chubascos 

O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas 

Polas ruas dispersas
ibamonos fechando
cada un dentro d’ a súa alta-mar 

N' o repouso d’ algún vaso
tódalas noites naufraga o Bar. 

BALADA D' O PAILEBOTE BRANCO

Escoitábamos o vento
ríndose malévolo
debaixo d' o seu disfraz
E tamén contou o barco
a hestoria d' o piloto
a d' o gavieiro e a d' o rapaz
Vós xa sabedes todo
Eso que din as estampas
d' o libro de Simbad
Pero el contounos o resto
Estreaba o horizonte
unha largacía audaz...
O barco foi percorrendo
as cicatrices sentimentais
que lle deixaron vellos navegantes
E os adeuses que leva n' a vela
grabados por miradas
tristes definitivas e distantes 

Un día fíxose ao mar
c’ a parola ceifada n' os beizos
E xa nunca volveu
Agora eu busco un vello mariñeiro
ou unha hestoria d' o pailebote branco
ou calquer outra cousa...
¡que sei eu! 

Escoitábamos o vento
ríndose malévolo
debaixo d' o seu disfraz
Pero a hestoria d' o pailebote branco
non a sabía o piloto
nin o gavieiro
nin o rapaz. 

O CARTAFOL D' O VENTO

O vento perdeu as follas
d' o seu cartafol
- Esas que os chubascos
mecanógrafos
tecolean n' o manual d' os matros? 

As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
polo aramio transparente
de tódalas ortodrómicas d' o ceo 

O pailebote sin velas
- serán esas que o vento
levou n' o seu cartafol?
tamén fai equilibrios n' o ronsel 

C’ a boca aberta
- caille a baba -
está mirándonos o babión d' o Sol. 

LIED OHNE WORTE

Aboya un esbardar de marusías
tentando os ceos sin atopar a Lua
Pera a Lua esta noite
desertou d' os almanaques
Murcha antre duas follas
- violedas pensamentos -
d' o manual póstumo
- outono madrigaes -
que versifiquei eu 

Mansas vagas unánimes
reorgaízanse detrás d' o vento 

Cando pase a rafega derradeira
deiranos adeus
c’ o pano branco d' o gaf-tope
Alude a un fracaso
de follas amarelas
e renóvase a sorrisa d' os mastros
sempre c’ as ponlas novas e xoviaes 

Noiva miña
vestida de lua
que romantizas
¡tan cursi
polo xardín! 

Senteime a proa
fumando a miña pipa
Pero outra noite pensarei en ti 

A ESTRELA DESCOÑECIDA

En vinte decote acobadada
n’ aquela fenestra
- tan a trasmán!
que penduraches d’ unha constelación 

O horizonte arrincaba cada día
pra ti
a folla d’ almanaque d’ unha vela 

Pero nunca s’ enmallou
n' a falsa rede d' os mapas celestes
a túa loira vinxinidade
Cómplice a noite
engayolaba o sestante d’ os mariños
inxénuas perversións catalogadas 

Viuva reiterada de tódolos vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan 

Endexamais souberon os cadavres sin
rumbo
que ti os amortallabas c’ o teu ollar 

Emproáramos a meia noite
A sotavento d' a nosa singladura
vai decote unha nuve desarbolada
C’ a súa esponxa de sombra
borrou pra sempre o teu mudo perfil 

A alba nova sorprendeume
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu. 

CALMA DE 6 A 8

N' a xerfa esbara o sol
tras d’ os ausentes oleaxes
As velas frouxas
póstumo rompeolas d' os chubascos
cosen os farrapos con fíos de sol morno 

Unha gatova ventrílocua
peteirando n' o ouro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboyando 

O sol-por fecharase
dentro d' o mais intauto disco 

As nosas pipas atentas
acobadadas ao lecer
Un intre o vapor intruso
coseu de presa a relinga d' o horizonte 

Alén d' o mundo
está o castelo de proa 

Hai un mariñeiro vello
que ven de volta de tódolos naufraxos
E trai o fio d' as aventuras
- non se sabe o remate-
que as dársenas estantías
viron evadirse a bardo d' as bric-barcas
- O capitán Pardeiro
non afogou
Perdeuse canda o bergantín- 

Axustouse a xordina
largacía coma unha nosa ollada
a buguina d' o Mar
Tremela n' a mareta levián
un remorso ou pesadelo
O navío
as mans trincadas
vai borrando c’ os pes o ronsel 

Xa non virá o vento
por que a noite fechou tódalas portas
- Esa luz desvelada
n' a fenestra d' a Lua- 

Ao bater a hora imprevista d' o relevo
coseu as adoas soltas
d' o toque d' as Trindades
O ceo foise abuado e friorento 

Todo finou?
Oh miragre!
As mesmas estrelas
aínda están
aínda están alí. 

DESCOBERTA

Quen fechou esta noite
a fenestra azul d' o Mar?
Este Mar fuxitivo
de tódalas ribeiras
Náufrago d' o neboeiro
que desviou o rumbo
d' os puntos cardinaes 

Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
Desourentáronse os arroaces
intrusos e impunes 

Hoxe ninguén dá c’ a relinga
pra aferrar os panos d' o horizonte
E este serán tampouco
engayolaremos o Sol 

O Sol era un paxaro triste
que se pousaba n' o penol. 

LECER

Gavotas que levan n' o peteiro
as cartas d' os mariñeiros namorados
Vapores burgueses
que n' os ofrecen o remborque d' o seu fume
Pero as nosas velas encalmadas
espantan a bandazos
as horas como moscas 

Vigo está tan lonxe
que se desourentaron as cartas mariñas 

Unha pipa mais
de vagar
deicar ve a hora que dá o reloxe 

Entra unha fría de vento?
- moi ben! 

Enrolarase a pausa
n' as suas espiraes 

E non sabemos
(abonda xa de paréntesis)
engadirnos outra volta
a todo eso que se nos esquenceu. 

S.O.S. 

Todos presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro estraviado
daba o S-O-S
n' o morse
- clave Orión -
d' as estrelas 

Eses brazos abertos d' a vela
son os mesmos d' o vento
que se despreguizou
N' a man d' o Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela d' os cabarets
c’ un cigarro n' os beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai c’ o seu farol 

Que dan os almanaquees
pra esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S-O-S. 

AO REVERSO D' A NOITE

Loceiros degolados
desangranse de ouro n' o Mar
De par de nós
a Lua
fai ronseles infecundos 

Mentres sonea a mareta
vai folleando n' o libro d' as velas 

Irredentos velamios eshaustos
resiñados a pendurar d' a cruz 

Estrelas inconscentes
mecanizan o ouseso tic-tac 

A auga toda d' os oucéanos
ensumeuse n’ unha bágoa 

E o pano branco d' o novo día
enxogará os ollos d' o ceo. 

ADEUS.

Antre a calima
traspondo o meu ollar
esquivouse o velamio
Deixounos a badía
chea d' a súa aunsenza
e a mañán sin perspeitiva 

Agora en terra
arredado de min mesmo
por un oucéano de singladuras
o vento d' a Ría
vai virando a folla de cada emoción 

- O Sol indiferente
Sirena augardentosa d' os vapores
Un retrayo de fume
n' o rompeolas d' as paisaxe
Os engranaxes d' a grua
esmoen a mañán morna - 

Debaixo d' os meus pasos
xurde o ronsel d' a Vila natal
Ela c’ os brazos cheos de sono
teima salvarme d’ un naufraxo antigo
E os meus ouvidos incautos
queren durmir n' o colo
d' as cantigas vellas 

Eu cacheaba tódolos segredos
d' as miñas mans valdeiras
por que algo foi que se me perdeu n' o Mar
- alguén que chora dentro de min
por aquel outro eu
que se vai n' o veleiro
pra sempre
coma un morto
c’ o peso eterno de tódolos adeuses.


 Fonte :   Mil primaveras máis (Roberto Abalde)