Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

XESÚS LORENZO VARELA VÁZQUEZ

 

Volver

Lorenzo Varela

               

POEMAS SOLTOS

 

CASTELAO

Feito pra o libro Castelao na voz dos poetas, de Ediciós do Castro, 1969. 

Cando cheguen os tempos non chegados
cando canten as mans traballadoras
nas doídas manceiras dos arados
e nas salgadas redes pescadoras,

Galicia ceibe tallará o teu nome
nas outuras do Pórtico da Groria
pra que falen os anxos con un home
que leva a patria enteira na memoria.

Unha nova Galicia sen cadea,
que non esportará mais sangue humán
nin asoballará unha man allea:

Unha Galicia nova, a de mañán,
que xa ven alborando, xa clarea,
no peito arrolará teu soño irmán.

 


*****

CASTELAO

Irmán,
olla por nós.
Dende o vento do alén, 
olla por nós, irmán. 

Irmán,
sigue dándonos hoxe, 
como cando vivías, 
un rir que estale en lóstregos
de libertade e de xusticia. 

Irmán,
olla por nós.
Dános hoxe tamén a forza enxebre
pra loita xerminal de cada día.
Até que a nosa sangue acenda
labaradas en guerra contra a morte, 
lumieiras que canten nos outeiros
os poderes da fouce i-os poderes da frol, 
os poderes do pranto, do traballo e do pan, 
i-os poderes da pólvora viva
que nos arreventa no corazón.
Irmán,
dende a nova semente dos teus eidos
as mocedades d'ouro que soñaras,
olla por nós, irmán, irmán.


 

*******

ERAMOS TRES IRMÁNS


(incluído no libro "Homaxe" , Editorial: Ediciós do Castro, 1979,  Sada

(A X. X., que dábamos por morto na forca
franquista, i-a outra noite déronme novas d'il,
vivo e loitando por Galicia i España.) 


Eramos tres irmáns
mariñeiros os tres, cada un no seu mar.
Tiñamos a misma pel de péxegos novos,
cada un dos tres no seu albre lixeiro,
a navegar pol-as augas do tempo.
Mais fixemos un barco de carballo e piñeiro,
e cada un deixou a sua estrela nas gavias,
pra non ter mais que un mar, un barco, un ceo.

Eu era o capitán, ti eral-o santo,
i-o outro irmán maior era o tolo d'abordo,
tolo de terra leda e de lus e d'orvallo.

Queimou o barco o demo:
do tolo nada sei,
a ti como eras santo non te rachou o vento,
i-eu lonxe, lonxe, lonxe,
ardendo eiquí, no inferno.
Reza por min, amigo, e pol-o noso irmán,
¿aquel cervo ferido, pacerá no seu lar?

¡Ay, miña carballeira!
¡Ay, meu piñeiral!
¡Miñas estrelas verdes
de pastor n'outra mar!
Cando saia do inferno,
¿saberei navegar?
¿Dirasme ti, irmao santo da miña mocedade,
como fan os madeiros pra se ter sobre o mar?

¡Vinde chousas sagradas,
carballeiras de meus pais,
agárdovos nestas praias
pra min sin terra e sin mar!

 

Feito pola suposta morta de R. Piñeiro ó remate da guerra civil, en 1940. 

 

****

 

 

EMIGRANTES 

 

Pra Galicia Hoy, Editorial Ruedo lbérico, Buenos Aires, 1966.

 


Centos, miles de galegos 
foron a buscar o pan, 
fora, lonxe de Galicia, 
que perto xa nono hai; 
que toda a fariña nosa 
non se sabe pra quen vai. 
Centos, miles de galegos, 
empuxados a emigrar, 
oxe viven coas galiñas 
porque outra casa non hai 
en París, Ginebra, Hamburgo, 
en ninguna capital.

Nun galiñeìro d’Europa, 
Galicia, tés o teu Lar. 
¡Poñamos un galiñeiro 
na bandeira de Breogán! 
Son boa xente as galiñas, 
millor que moitos irmáns:
sua merda é menos merda 
si vos poñedes a pensar. 
E sendo veciños d’elas 
poderánnos crecer ás. 
Tataranetos de condes 
¿saberán tatarescar 
sobor dun pao europeo 
os fillos de Breogán? 
¿Saberán cacarescar 
istes galegos de oxe, 
botados por seus irmáns 
os banqueiros e almirantes, 
os xueces i os capitás? 
¡A Patria éche un galiñeiro, 
en terra alléa, pra mais! 
¡E millor que ser galego 
ser porco, cabalo ou cán!
Nun galiñeiro d’Europa 
Galicia, tés o teu Lar. 
¡Poñamos un galiñeiro 
na bandeira de Breogán! 
E que cada Casa ilustre 
de Galicia, d’oxe en máis, 
poña merda de galiña
no seu blasón galiñán. 
Mais ouvide ben ó galo, 
señorítos galiñás:
un día ou outro, moí cedo, 
¡outro galo cantará! 

 

 

 

   

 

 

 

 

Castelao

Fonte  : Biblioteca Virtual Galega e Afonso Vázquez Monxardín e Vicente Santos no IES AS Lagoas de Ourense

 

Imaxe da portada do libro:  IES AS Lagoas de Ourense