Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

LETRAS GALEGAS 2008 - XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ - ANACOS DA SÚA OBRA

Xosé María Álvarez Blázquez

 

Elexía a unha muller do campo

Pepa de Cascallar, eu ben quixera
agora que xa estás — cinza na cinza —
a descansar pra sempre, dar ao mundo
razón cabal de tí.
Lle falaría
daquelas duras mans, rexas gadoupas
pra termar do legón e da manceira,
mans de escrava da terra,
non afeitas a máis regalo e mimo
que o dos ubres da vaca... Eu loubaría
aquiles pés ispidos, mouros, fortes,
coma poutas de boi, que agatuhaban
polos montes atal que dous teixugos.
¡ Teus pés de ferro, ai Pepa !

E logo, si tivese a gracia que me falla,
eu faría un retrato verdadeiro
da túa face —¡ que che estóu lembrando
ao craro sol do meu ollar de neno !—

¡ Qué estrana face a túa, tan laida e tan
[amiga,
enrugada i escura coma codia de broa !
Aquila face dos olliños pitos,
dos beizos murchos, dos cabelos raros,
dos catro dentes e do narís torto.
Aquila face, ¡ ai, Pepa !
que á nosa nai lle daba cuasi espanto
e a nós, os nenos, nos aloumiñaba...

Porque eras tí, quero que agora o saibas,
agora que xa podes escoitarme,
a fala cariñenta do misterio
que enchía os nosos corazóns inxeles.
Cando, á noitiña, viñas tí co leite,
oubeada de cans polos camiños,
xa o sono que nos tiña derrubados
fuxía, coma o fume do fumeiro.
E tí falabas...
Ben escoito aínda
o parolar aquil, tan sospirado,
que a nosa nai seguía brandamente
co asentimento da fermosa testa.
—¡ Ai, señora, parécelle unha historia !
Non se pode creer...
Pero sabías
que todo acreditábamos os nenos...

¡ Pepa de Cascallar, eu ben quixera
pagarche, ao cabo de tan longo tempo,
o falar cantareiro que aínda sinto
cando, ás veces, a vida se me fende,
sin eu pensalo, por mitá do peito !

 

Ise neno da rúa

Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.


E ben vos vexo andar nos vosos coches
ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas, - ¡ viva, beba, baba, buba ¡ -
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.

Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida
- ¡ Non, home, non ¡ - lle dixen a un de aqueles -
A xente pasa leda......¡ Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes ¡

Probes e ricos

   

Era un airiño soave

Era un airiño soave
que se erguéu pol-a mañán
e viña de non se sabe.


Era un recendo de rosas
da roseira de ningures,
que se metéu pol-a porta.



Era unha cantiga leda
que nascía non sei onde
e petaba na fiestra.



Era unha gracia sotil
que baixaba das estrelas...
¡ Eras tí !  

Polo laranxal



Polo laranxal,
tres avelaíñas andan a voar.
Unha, dúas, tres,
de presa que voan, vense e non se ven.


Polo laranxal,
tres avelaíñas andan a chuchar.
Unha, dúas, tres,
de tanto que chuchan, borrachas de mel.

¡ Caídas no chan,
tres avelaíñas polo laranxal !

 

   

Saudade

Iste delor da terra, que me aruña
na outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor;
ista percura
de vieiros sin termo para o esprito
esligante de terra non andada;
iste voar ás toas polos ares
do degaro, do afán, da señardade...

Iste querer e non querer, aeito
loitando por abrirse na fiestra
do pensamento; ista doente arela
dun día lumioso; iste desleixo
do corpo que me leva manseliño;
ista fondal anguria
de brétemas, en roda dunha espranza...
Ista saudade, ¡ ai, Deus !, si Tí ma deches,
non a tires de min, pois nela vivo.

 

WWW.galiciaespallada.COM.AR