Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

17 de Maio :  Día das Letras Galegas

galego

HISTORIA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o dia 17 de maio de cada ano "Dia das Letras Galegas" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega".

Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos CANTARES GALLEGOS de Rosalia de Castro", a Academia deberia consagrar, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.

Estimaban que o libro rosaliano editado en 1863 "foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea" e que "a súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria", concluindo que representa "un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia".

Propuñase o dia 17 de maio, ó ignorarse a data da publicación do libro, por ser nese dia cando Rosalia de Castro llo adicou á tamén poeta Fernán Caballero. Capa da primeira edición de Cantares Gallegos

 


PORTADA DA PRIMEIRA EDICIÓN DE "CANTARES GALLEGOS", 1863.


E, dende aquel momento,  foi instituida como festa anual do Día das Letras Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque CANTARES GALLEGOS foi o primero libro galego que tivo unha significación universal. 

Xa ese primeiro ano (1963) se editou un libro, unha edición crítica de CANTARES GALLEGOS realizada por Bouza Brey. A festa tivo un alcance e unha significación extraordinaria, e foi moi ben acollida non só a nível literario senón nos ambentes populares.

Despois -a partir de entón- fóronse celebrando cada ano días da Letras Galegas adicados cada un deles a unha figura significativa das letras galegas.

 

O día das Letras Galegas

Francisco Fernández del Riego

por Francisco Fernández del Riego 

 (Ensaista, narrador e destacado galeguista)

Do mesmo xeito que, a nivel da lingua castelá, anda a se celebrar o "Día do Libro", queríamos establecer unha conmemoración semellante consagrada á lingua galega. Para isto tentamos a procura dunha data significativa. Parécenos a máis axeitada a do 17 de maio que figura na dedicatoria de "Cantares Gallegos" a Fernán Caballero. 

Era o ano 1963, no que se cumpría o centenario daquela dedicatoria impresa no sonado libro rosaliano. O 20 do mes de marzo, os membros numerarios Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego dirixíndolle á Real Academia Galega un escrito solicitando a consagración da data devandita con perdurabilidade anual. Baseabámonos nos seguintes motivos: Que "Cantares Gallegos" fora a primeira obra de prestixio universal coa que contou a Literatura galega contemporánea. Que a celebración do acontecemento convidaba a considera-lo significado da mensaxe transmitida no volume centenario. Que o mellor xeito de acadalo sería que a Corporación académica acordase declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano. Que a data conmemorativa serviría para enaltecer e difundir o libro escrito no idioma propio. 

Na Xunta Xeral Ordinaria do 28 de abril, a Academia resolveu aprobar por unanimidade a proposta. Comunicouse o acordo ao Ministerio de Información e Turismo, instando a correspondente autorización para cumprimentalo. Como resultado, o Director Xeral de Información deu por autorizado a iniciativa académica. O feito supuxo, sen dúbida, unha amosa de valor histórico. Porque con el non se ía celebrar só a calidade eximia da grande poeta. Tamén a virtude daquela lapa que ela acendeu coa súa delicada e ferida voz: a que tódolos galegos amamos como luz inmorredoira. A autora identificárase moralmente co seu país. Mercede a esa dobre fusión puido darnos, e darlle ao mundo, a primeira mensaxe espiritual de Galicia. Converteu, ademais, a nosa lingua oral popular en lingua literaria. 

Galicia enteira celebrou no 1963 o "Día das Letras Galegas" por vez primeira. Ao sartego rosaliano, en San Domingos de Bonaval, aos monumentos que as cidades do país lle ergueran á poeta, chegaron ramallos de flores da primavera galega. Lecturas rosalianas, conferencias, exposicións conmemorativas, tiveron lugar na sinalada data: un 17 de maio que quedaría xa, para sempre, como a xeira de exaltación e esparexemento das letras autóctonas. Pero non foi só nas cidades onde se conmemorou a festa. Nas pequenas vilas e nos centros de emigración realizáronse tamén sesións recordatorias, conferencias, recitais, exposicións e vendas de libros. 

A partir do 1963, o "Día das Letras Galegas" veu adicándoselle cada ano a unha figura sobranceira da nosa cultura. A primeira delas, despois de Rosalía, foi a de Castelao. Seguíronlle trinta mais, entre as que se contaron Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Noriega Varela, Lamas Carvajal, Cabanillas, Viqueira, López Ferreiro, Villar Ponte, Manuel Antonio, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Iglesias Alvariño, Cunqueiro, Luís Pimentel, Amado Carballo...

A xornada , oficialmente consagrada a honrar os libros e escritores de lingua galega, non só acadou eco notorio nos medios intelectuais no tempo decorrido entre 1963 e 1999, senón tamén no ambiente popular. A festa literaria do idioma noso, xa institucionalizada, vén representar un dos camiños de achegamento do nivel cultural e de compromiso das xentes do país coa lingua propia.

Francisco Fernández del Riego, 1999.

 

Homenaxeados no Día das Letras Galegas

1963 Rosalía de Castro


1964 Alfonso Daniel Rodriguez Castelao

1965 Eduardo Pondal

1966 Francisco Añon Paz

1967 Manuel Curros Enríquez

1968 F. López Cuevillas

1969 Antonio Noriega Varela

1970 M. Valladares Núñez


1971 Gonzalo López Abente


1972 Valentín Lamas Carvajal

1973 Manuel Lago González

1974 X. V. Viqueira Cortón

1975 X. Manuel Pintos Villar

1976 Ramón Cabanillas

1977 Antón Vilar Ponte

1978 Antonio López Ferreiro

1979 Manuel Antonio

1980 Alfonso X, O Sabio

1981 Vicente Risco

1982 Luis Amado Carballo

1983 Manuel Leiras Pulpeiro

1984 A. Cotarelo Valledor

1985 Antón Losada Diéguez

1986 Aqullino Iglesia Alvariño  

1987 Francisca H. Garrido

1988 Ramón Otero Pedraio

1989 Celso Emilio Ferreiro

1990 Luís Pimentel

1991 Álvaro Cunqueiro

1992 Fermín Bouza-Brey

1993 Eduardo Blanco-Amor

1994 Luís Seoane

1995 Rafael Dieste

1996 Xesús Ferro Couselo

1997 Anxel Fole

1998 Martin Codax, Johan de Cangas e Mendinho

1999 Roberto Blanco Torres

2000 Manuel Murguía

2001 Eladio Rodríguez González

2002 Frei Martín Sarmiento

2003 Antón Avilés de Taramancos

2004 Xoaquín Lorenzo "Xocas"

2005 Lorenzo Varela   >>>

2006 Manuel Lugrís Freire

2007 María Mariño Carou

2008 Xosé María Álvarez Blázquez

2009 Ramón Piñeiro

 


Os suliñados levan a "Galicia, terra de poetas", onde atoparedes biografías e escolmas das obras dos homenaxeados.
 

 

VOLVER A:  17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 FONTE DE INFORMACIÓN: www.dialetrasgalegas.com, www.crtvg.es