Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A Santa Compaña

A SANTA COMPAÑA quizais sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego. Coñécese tamén en Galicia con varios nomes  : Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo dos vivos.

Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande parte dos autores ó se referiren a ela: "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia".      

Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de tódalas ánimas con velas acesas, non sempre visibles, notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso.     

A Santa CompañaO portador da cruz non pode en ningún momento volve-la vista atrás nin renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña. 

Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro.

Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo.

Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. 

A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o  patrón da súa parroquia é santo ou santa.

En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.

Dentro nas crenzas galegas, existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son pantasmas de mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome de "procesión das Xans". 

Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos.

Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que fan con el é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha gran malleira e arrástrano polas silveiras. Son poucas as persoas que ven a procesión das Xans, pois para iso precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve,  rezase mal o credo cando o bautizaron, ou que o crego cambiase os santos óleos confundindo os da extrema unción cos do bautismo. Tal erro pódese remediar bautizándose de novo

Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas, onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade  

              

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "Breviario Enciclopédico", Eladio Rodríguez Gónzalez.

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA:  ENTRA AQUÍ 

 

CURTAMETRAXE "A ESTADEA"

Cortometraje integramente gallego,realizado en el año 2010, grabado sus exteriores en Sarandon,Vedra, Galicia.

Sinopsis: As vidas da familia de Roi e dos rapaces Xoan e Fran, veranse atopadas polos misterios que agochan os camiños dos bosques de Galicia.

Reparto: Julio Cela, Miguel Canalejo, Sheyla Fariña, Rubén Prieto, Brais Abad

Dirección: Pablo Cacheda
Producción: Carmen Rey
Musica: Julio Montero