Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Lendas : a Lagoa de Antela

A Limia é unha comarca situada ó sur da provincia de OURENSE e comprende as terras bañadas polo río Limia e os seus afluentes. A paisaxe é unha ampla chaira arrodeada de montañas non moi altas.

Neste enclave xeográfico atópase a Lagoa de Antela, que foi un dos espellos de auga máis importantes de Europa, logo desecado e hoxe está en proceso de recuperación. Foi o maior lago de auga doce da península, con 7 km de longo e 6 km de ancho.

Os atrancos que supoñía para os traballos agrícolas e mailos perigos para a saúde dos ribeiráns (?), "aconsellaron" a súa desecación. Esta foi principiada no século XIX , a partires do ano 1827. Posteriormente unha dona francesa, a marquesa de Longeville, fixo algunhas obras de desecación para a exportación a Francia das ancas de ra, que abondaban nas xunqueiras da lagoa, mais a desecación definitiva encomezou no ano 1958. Pero hoxe está en proceso de recuperación.

LENDA DA LAGOA DE ANTELA

Lagoa de AntelaA lenda conta que antigamente no lugar que hoxe ocupa esta lagoa houbo unha cidade chamada Antioquía, coñecida porque os seus veciños carecían de calquera mostra de caridade. 

A lenda narra que Deus quixo castigalos pero Xesús propuxo redimir ós máis xustos baixando á cidade en forma de mendigo. Percorreu así tódalas casas pedindo esmola sen que ninguén se apiadase del. 

Xa de volta, aflixido, e mentres estaba cruzando unha carballeira, viu unha casa habitada por unha muller anciá á que tamén lle pediu esmola. A muller ofreceulle unha cunca de leite e un anaco de bica e tamén abeiro para pasa-la noite.

Á mañá seguinte Xesús amosoulle á anciá o que fora da cidade de Antioquía. A muller quedou sorprendida ó ver que a cidade desaparecera e que no seu lugar había unha lagoa. Ninguén se salvara, agás ela...

Nas mañanciñas de San Xoán, co primeiro raio de sol, aínda se pode ver no fondo o campanario da igrexa. E na Noiteboa, ás doce en punto, óese o canto dos galos.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ