Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Lendas : A trabe de ouro e a trabe de alcatrán

O concello do Pereiro de Aguiar, emprazado na marxe esquerda do Miño, ten un pouco máis de 5000 Escudo Pereiro de Aguiar habitantes.  Pertence á provincia de OURENSE, e linda cos municipios de Ourense e Coles polo oeste; polo norte coa Peroxa e Nogueira de Ramuín; ó sur co de San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz e polo leste co municipio de Esgos.

Nesta beira do Miño, na parroquia de Vilariño do Pereiro de Aguiar consérvase a crenza sobre a existencia dun castelo asolagado e de pasadizos subterráneos que o comunican co antigo castro do outeiro. 

Esta lenda aparece ligada á coñecida da trabe de ouro e a trabe de alcatrán, así como ós restos arqueolóxicos alí atopados, pertencentes segundo a memoria popular ós 'mouros'' ou trasnos que poboaban a zona. 


A LENDA DA TRABE DE OURO E DA TRABE DE ALCATRÁN


Esta lenda que pervive hoxe na memoria dos máis vellos da Ribeira Sacra, tamén foi relatada por varios autores, coma Vicente Risco.

Esta historia está relacionada coa xeografía de penas rochosas , en "forma de castelo", así como co universo máxico de trasnos, pasadizos subterráneos e marabillosos tesouros que forman parte do mundo da tradición oral celta.

Pereiro de Aguiar Segundo conta a lenda , na parroquia de Vilariño, en terras do Pereiro de Aguiar, existe unha rede de pasadizos subterráneos que unen os restos do monte do castro coas ruínas dun castelo asolagado polas augas do Miño en tempos tan remotos que ninguén os lembra...

Estes túneles están habitados por un 'mouro' ou trasno que acocha alí un tesouro inmenso, rico en pedras preciosas e xoias de ouro, que ten tentado a moitos a procura-la entrada ós pasadizos. Sen embargo, a "historia" advirte ás xentes da existencia de dúas trabes que sustentan todo o conxunto de túneles e cuxa disposición constitúe unha trampa para aqueles ousados que vaian na busca do tesouro.

Nos arredores houbo un mozo que xa hai moito tempo tentou chegar ás riquezas que estas covas gardaban e quen contou ós veciños como conseguiu atopa-la entrada ós pasadizos. Despois de camiñar un anaco por eles atopou unha sala sustentada por unha gran trabe de ouro e outra escura, que segundo lle pareceu estaba feita de alcatrán. O enorme valor da trabe de ouro cegou o bo sentido do mozo, que axiña tentou tirala para fóra do seu lugar e levala consigo, sen decatarse de que cando comezou a tirar por ela accionou un resorte preparado polo 'mouro' que fixo que o lume prendese na veciña trabe de alcatrán.

As lumaradas foron tais no interior da cova que o mozo só conseguiu saír dos pasadizos logo de arrastrarse polo chan, seguindo unha corda que levaba á cintura e que deixara atada fóra a un penedo. 

Pouco antes de que a trabe de alcatrán que sustentaba o teito dos pasadizos fose consumida polas chamas e a cova comezara a derrubarse, o mozo lograra saír para o exterior. Sen embargo, para el todo semellaba aínda o interior do máis escuro dos túneles, decatándose de que o lume da trabe de alcatrán que ardera tan próxima a el o deixara cego.

Aínda que feitos como este disuadiron a moitos de procura-la a fortuna do tesouro, algúns dos máis maiores do lugar aínda confesan que de mozos pasaron días escavando e tentando atopa-la entrada ás covas do mouro.

No mesmo sito do que conta esta lenda foron atopados restos dun castro e dunha importante inscrición que rezaba unha breve lenda : "sicenata pacata" , e que algúns teñen interpretado como conmemorativa da victoria romana do castro do Medulio, suxerindo algúns o seu emprazamento na zona.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez