Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

ALMANZOR E A LENDA DAS CAMPÁS DE COMPOSTELA


No século X da nosa era, o Apóstolo Santiago, era para os árabes un símbolo da reconquista dos cristiáns no norte da península Ibérica. Esta importancia simbólica, atraeu os desexos de destrucción do caudillo árabe Al-Mansur Bi-Llah, coñecido polos cristiáns como Almanzor.

Almanzor emprendera varias expedicións de saqueo e invasións contra outras cidades cristiás coma Barcelona, León ou Salamanca. Pero a importancia que Santiago tiña como símbolo dunha fe que era inimiga da súa, foi o que o levou a deixar Córdoba e emprende-la expedición de castigo a Compostela. 

Santiago de Compostela O día 10 de agosto do ano 997 Almanzor toma Compostela e as súas tropas saquean a cidade. A crueldade que este caudillo demostraba en tódalas cidades por el saqueadas, viuse soamente conmovida pola presencia dun vello monxe que impasible ante a brutalidade dos saqueadores, permanecía inmóbil, orando, fronte á tumba do Apóstolo Santiago. Dise que este vello monxe era o bispo San Pedro de Mezonzo. Entón, Almanzor quizais conmovido por esta actitude, prohibiu ós seus soldados que non danasen nin o sepulcro, nin ó ancián. 

Pero o castigo divino caeu sobre as tropas musulmanas e sobre Almanzor…Este castigo tomou a forma de cegueiras e trastornos varios de saúde. Dise que ata o caudillo árabe, foi atinxido por unha destas cegueiras transitorias, quen na súa desesperación pediu favor ó Deus dos cristiáns, nese momento renegando de Alá e de Mahoma. Pero ó recobra-la vista, Almanzor esqueceu a súa promesa e emprendeu o camiño de volta a Córdoba, levándose un cuantioso botín, incluídas as campás da catedral compostelá, que foron levadas á “cidade dos califas” a ombros de prisioneiros cristiáns tomados cativos. Do mesmo xeito leváronse as portas que despois servirían como teito para a mesquita cordobesa. Soamente respectaran o sepulcro de Santiago…

Despois desta destrucción masiva da cidade, o templo do Apóstolo Santiago foi reconstruído baixo os auspicios do Bispo Pedro de Mezonzo. A construcción da actual catedral iníciase durante o reinado de Afonso VI no ano 1075, ficando rematada entre os anos 1122 e 1128.

Pero para os cristiáns este fora un duro golpe que ficou gravado na súa memoria…

En tempos de Fernando III o Santo foron reconquistadas as cidades de Sevilla e Córdoba…Entón, as campás que foran roubadas e levadas a Córdoba máis de 230 anos antes, foron devoltas a Compostela pero segundo conta a lenda, esta vez levadas a ombros de prisioneiros musulmáns, seguindo como rota unha antiga calzada romana que comunicaba Andalucía con Estremadura e Castela…Era a chamada Vía da Prata, e que logo, foi aproveitada polos peregrinos a Santiago seguindo esta antiga vía cara ó norte, tomando ese mesmo traxecto cás campas de Compostela ó seu regreso.

Existe outra lenda que di que Almanzor morreu ó ser castigado por Deus por provoca-la destrucción de Santiago de Compostela. Algúns historiadores pensan que o árabe morreu como consecuencia das feridas recibidas na batalla de Calatañazor (1002), aínda que posiblemente a verdadeira causa da súa morte fose unha enfermidade, a que forzou a súa retirada ata Medinaceli.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba


VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ