Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A importancia do lume na cultura galega

O lume ocupa un lugar moi importante na cultura galega. Foi o protagonista en moitas cerimonias que funden quizais as súas raíces na prehistoria. Ten un carácter sagrado.

Antigamente o lume debía permanecer prendido todo o ano no lar, procedía do lume da igrexa parroquial prendido o sábado santo á noitiña. O lume presidía as veladas das noites de inverno, a onde podían acudir tamén as almas dos mortos a través da cheminea, momento que se apreciaba nos lixeiros movementos das chamas. Por iso non se podía varre-la cociña cara á fóra, nin cuspir no lume. Debía permanecer aceso a noite do velorio dun cadáver. Prendíanse velas ou lámpadas de aceite na mesa de noite de enfermos graves. 

A candela traída da igrexa o día da Candeloria (2 de febreiro) prendíase para espanta-las tormentas e para encomenda-la alma dun agonizante. Con tormentas fortes prendíase o lume e queimábanse follas de loureiro, que é árbore protectora.

lumeEn moitas comarcas de Galicia, a noite do 29 de abril ó 1 de maio invocábase o lume recitando himnos para que protexese as sementeiras e dese froito abundante, ó tempo que se esparexían cinzas arredor das leiras e se portaban na man feixes de palla de centeo -fachicos- prendidos.

Na petición de voda o noivo era recibido no lar da casa da noiva co lume prendido. O día da voda, antes de entrar na casa dos pais do marido, collía este á muller no colo na porta e levábaa ata o lar, onde estaba o lume prendido, para que os sogros lle desen a benvida e lle ofrecesen a casa á nora.

Prendíase lume no curral en caso de morte ou de enfermidade dun animal. Na Candeloria prendíase ó lado dun romeiro tantas velas coma nenos morreran sen bautizar, o romeiro é planta funeraria, que atrae as abellas, que son almas procedentes da lúa. Tamén se acendía na horta no momento de enterrar un animal e en días sucesivos. O lume é bo para escorrenta-los animais que devoran as colleitas.

A crenza no lume de san Telmo supón que é unha aparición milagrosa que anuncia bonanza. Os lumes fatuos son almas ouveantes dos mortos. A Santa Compaña tamén porta velas prendidas.

Habitualmente, prohíbeselles ós nenos xogar con lume por ser perigoso, sen embargo, permitíaselles xogar co lume de certas festas cíclicas: magosto , enterro da sardiña (celebración para concluí-lo entroido e inicia- la coresma) ou San Xoán.

Nas aldeas hai dous lumes moi importantes: no primeiro período nos días de defuntos-magosto e entroido; no segundo período, o lume de San Pedro Mártir (1 de maio) e o de San Xoán, sen dúbida o máis importante.
O lume de sábado santo é o lume novo, orixe de tódolos lumes, xa que representa a Cristo resucitado, aínda que sobre aquel existan adherencias pagás alleas ó cristianismo.

Os momentos fortes do primeiro período son propicios á circulación e comunicación entre os dous aspectos do mundo. Os tempos fortes do segundo período son privilexiados para a convivencia entre ámbolos mundos xa que atraen sobre os vivos a protección dos antepasados.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia.