Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A DESTRUCCIÓN DA VILA DE CANGAS POLOS TURCOS

En 1617, tiveron lugar os feitos máis dramáticos que coñeceu Cangas ó longo da súa dilatada historia. Un 4 de decembro, os habitantes da ría de Vigo vían espantados como once navíos corsarios turco-berberiscos fondeaban nas illas Cíes. Os seus propósitos non podían ser máis sanguinolentos: causa-la maior desfeita posible nas posesións da Coroa Española, e practica-la rapina e a pillaxe.

Escudos de CangasA primeira poboación atacada foi a vila de Bouzas, á que deixaron totalmente destruída con máis de cen mortos. Logo tentaron desembarcar en Vigo por varios puntos, pero a teimuda resistencia que atoparon fíxolles desistir do seu principal obxectivo. Así foi como o día 8 decidiron poñer rumbo á marxe norte da ría, moito máis desprotexida. Na praia de Domaio (Moaña) unha defensa tan heroica como inútil deixou sete cadáveres sobre a area, ó que lle seguiu o espolio desta pequena parroquia.

Aínda trataron novamente os piratas de apoderarse de Vigo, infructuosamente, antes de dirixir as súas proas contra Cangas, que daquela era unha humilde vila de pescadores, totalmente desprotexida. A escasísima milicia non dispuña de recinto fortificado algún no que resistir, nin tampouco de artillería. A primeiras horas da mañá, tras un intenso bombardeo, uns 1.000 homes desembarcaron en Rodeira e na Punta de Balea, ante as aterrorizadas xentes do lugar. Ás minguadas tropas uníronse numerosos veciños mal armados, dando lugar a unha loita desesperada, cunha grande inferioridade numérica. O maior heroísmo daqueles homes e mulleres estivo en que foi o sentido da honra o que lles impediu abandona-los seus fogares ante o invasor, pois en tales condicións era impensable a victoria.

Ás poucas horas, os que conseguiron fuxir ós montes pretos puideron contemplar un espectáculo arrepiante: a vila ardía polos catro costados, incluída a Colexiata e o Hospital, e ducias de cadáveres sementaban as rúas. Aínda se dedicaron os turcos a saquea-los arredores durante tres días (nos que queimaron tamén a igrexa de Darbo) antes de desaparecer co seu rastro de morte. Con eles levaron un farturento botín, pero tamén a ducias de persoas cara o cativerio de Alxer.

O pobo de Cangas tardou moito tempo en recuperarse daquel desastre. A súa poboación quedou dezmada; a súa economía, estragada. Un novo azoute, a fame, cebouse cos máis desfavorecidos, o que se vería agravado polas malas colleitas durante os anos vindeiros. E logo tamén os tristes sucesos provocados pola Inquisición 

Aqueles terribles sucesos pola invasión dos turcos, deixaron na memoria colectiva de Cangas fondas cicatrices de dor e de medo, que ó final quedaron inmortalizadas pola tradición oral. É o caso dun famoso poema anónimo da época, que nos di nunha das súas estrofas:

"…Viñeron os mouros arrenegados,
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe.
Todo arrasaron e estaba el
Ala para moi lonxe, lonxe, lonxe,
¡Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento!".

.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "historia de galicia", ramón villares.

 

 

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ