Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A batalla naval de Rande

Lugar: a ría de Vigo... Ano:1702.... Nesa data librouse a Batalla Naval de Rande, na que a flota anglo-holandesa afundiu á armada española...

En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis cruentos combates navais que lembra a historia de Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun conflicto de grandes dimensións, no que estaba en xogo a sucesión á Coroa de España. A posibilidade de que Felipe de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ó trono español, provocou a enérxica reacción das demais potencias, temerosas de ver unidos o poderío militar e económico francés co inmenso potencial do Imperio colonial español.

RandeO 11 de xuño deste mesmo ano levaba áncoras da Habana, rumbo a Cádiz, a Flota de Indias: 19 galeóns españois, escoltados por 22 navíos franceses, transportaban o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico.Pero mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima escuadra anglo-holandesa os estaba agardando no Cabo San Vicente.Así que o almirante Manuel de Velasco, seguindo os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría de Vigo, na que entraron o 22 de setembro.O convoi buscou refuxio na Enseada de San Simón, comezando inmediatamente os preparativos para a defensa: o paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, á vez que se recrutaban apresuradamente milicias para reforza-los dous pequenos fortes existentes a cada lado do estreito.Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados para transporta-las mercadorías a Madrid.

Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en descubri-lo paradoiro da Flota da Prata, e o 22 de outubro entraba na ría a escuadra máis grande que por aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos anglo-holandeses era toma-los castelos de Rande e Corveiro, o que lograron o día seguinte sen grandes dificultades.Entón, comezou a gran batalla. A artillería francesa conseguiu conter ó adversario nos primeiros embates.Así foi ata que o "Torbay", buque insignia británico, e armado con picos, logrou rompe-la barreira que impedía o paso do estreito. A flota rival puido xa penetrar no fondo da ría, onde a falla de espacio para as manobras non deixou outro recurso que a abordaxe. A encarnizada loita corpo a corpo combinouse co uso de numerosos materiais incendiarios, provocando un espectáculo dantesco e arrepiante.A diferencia numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e aínda que os franceses se bateron valorosamente, a derrota fíxose inevitable.Foi entón cando o comandante da flota mercante española, que carecía de medios de defensa, ordenou afundi-los buques para evitar que caesen en mans inimigas.

Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os galeóns españois se fosen a pique cargados de incontables riquezas, cimentando así a lenda do "Tesouro de Rande". Ata o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o buscaron. É probable que a parte máis valiosa do cargamento tivese partido xa cara a Meseta, durante o longo mes que estivo a flota na ría. Sen embargo, non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro millóns de pesos que levou o inimigo, e que xunto cos sete buques de guerra capturados e seis galeóns, constituíron un considerable botín.

Galeones de RandeO que si está fóra de toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha carnicería.Do bando franco-español caeron 2.000 homes, mentres que os mortos ingleses e holandeses foron uns 800.Tamén está claro que foi un desastre para os derrotados.Os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedáronse sen barcos para face-la carreira de Indias.E mentres o noso país procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ó que contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total da guerra, que permitiu a consolidación dos Borbóns no trono), a victoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo tempo.A "Rúa de Vigo", en pleno centro londiniense, segue a lembrar ós británicos a gran transcendencia que este feito de armas tivo, ó igual que Xulio Verne inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela "20.000 leguas de viaxe submarina.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "historia de galicia", ramón villares.

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ