Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

BREOGÁN NA MITOLOXÍA GALEGA

Anxo S. Porto Ucha

Raquel Vázquez Ramil


De acordo coa Enciclopedia libre de Wikipedia e segundo as tradicións irlandesas recollidas nunha compilación do século XI, o Libro das Conquistas ou das Invasións, o Lebor Gabála Éren, Breogán é o nome dun mítico rei celta da Galiza. O tamén chamado Leabhar Gabhála Érenn é o libro das invasións de Irlanda, a verde Eirín (Irlanda, en gaélico), que constitúe o máis antigo testemuño da mitoloxía celta, a través dos primeiros monxes da igrexa céltica irlandesa. O conxunto dos manuscritos, que relata a construción nacional de Irlanda, foron escritos entre os anos 800 e 1200. O texto, de carácter cosmogónico, está dividido en dez partes, que van dende a creación do mundo, o diluvio, a diáspora, a cristianización, até as dinastías de Irlanda despois do Cristianismo.Torre de Hércules, A Coruña

Segundo a lenda, o rei Breogán construíu na vella Gallaecia, a antiga terra nai, o pequeno país do fin da terra (o Finisterre peninsular), na cidade de Brigantia, unha torre tan alta, que os seus fillos, Ith e Bile, podían outear dende o seu cume a distante e vizosa ribeira do outro lado. A visión desta lonxana terra, levounos cara o norte de Irlanda, onde Ith foi asasinado. En vinganza, os fillos de Mil, cun neto de Breogán á fronte, navegaron dende Brigantia a Irlanda e a conquistaron. Constrúese, así, na tradición de ambos os dous povos, Irlanda e Galiza, "a épica dunha travesía polo antigo Mar Celta".

Os monxes que fixeron a compilación relacionaron Brigantia (latinización do "excelso", "alto", que nos leva á deusa celta Briganti) coa cidade galaica de Brigantium, que algunhas versións fan coincidir coa Cruña. O mito, difundido polos historiadores románticos do XIX, identifican a torre de Breogán coa torre de Hércules, xunto á cal hai hoxe unha estatua dedicado ao rei Breogán, o pai mitolóxico do povo galego. Coma sempre, estamos no marco das sagas, cheas de significados, do pensamento máxico, onde conflúen a historia, a lenda ou o mito, moitas veces transmitidos de forma oral, que constitúen verdadeiros arquetipos fixados nas mentes, que superan a intemporalidade, ás veces "con incoherencias no imbricado dos acontecementos remotos". Na procura de fontes sobre este tema, centramos a nosa atención na Historia da Literatura Galega Contemporánea, de Ricardo Carvalho Calero, no capítulo dedicado a Eduardo Pondal.

A Galiza do bergantiñán de Ponteceso, nado o 8 de febreiro de 1835, é a Galiza celta, no amencer da historia, esa materia telúrica que Pondal informou de forma substancial. É a Galiza anterior á romanización. Os antigos celtas non coñecían a civilización urbana. Pondal chega a Santiago pouco despois da revolución de 1846, que dispersara aos promotores do renacemento provincial (Faraldo, Romero Ortiz, Añón). A universidade, que fora severamente depurada, acolle unha mocidade motivada, na que fermenta o liberalismo. No "Liceo de la Juventud" representan o seu papel os mozos intelectuais. Murguía recibe as confidencias do bardo en Rumores de los pinos, onde se fala da amada, do eido, do fogar. Pondal remata a carreira de Medicina en 1860. Non era o seu. En 1862 publica "A campana de Anllóns", no Album de la Caridad. A aparición de Follas novas, de Rosalía, anima a Pondal a publicar os Queixumes (1886).Breogán

Na Cova Céltica, Pondal sería o Bardo, o poeta da patria galega; Murguía, o Patriarca, que obtiña noticias do Leabhar Gabhala para a súa Historia de Galicia. Semella que foi o P. Álvarez Sotelo, profesor do Colexio de Irlandeses de Compostela, o primeiro historiador galego que utilizou as fontes irlandesas referentes ás expedicións dos galegos á illa de Eirín, das que Murguía bota man para falar da historia de Breogán o dos seus fillos. Segundo D. Ricardo Carvalho, temos que admitir que Pondal coñeceu a Breogán por intermedio de Murguía, na tradución inglesa. Pero na biblioteca de Pondal non faltaban tampouco os textos de Homero ou de Anacreonte, literatura en francés e tamén orixinal. A Grecia de Pondal é unha Grecia arcaica, dórica, máis que clásica ou ática.

Como sucede lamentabelmente en moitas outras ordes da vida, non existía unha literatura nin unha tradición épica galega. Soamente nas mesmas sagas irlandesas achábanse lembranzas, poboadores de España, denantes de se establecer en Eirín, como foron os descendentes de Fenius. Por falta de material lendario, Pondal non puido intentar unha épica ao xeito de Macpherson. Renunciou, pois, ao "epilion macphersonián", pero intentou ser fiel á historia para construír o seu poema de épica culta. Os heroes de Pondal móvense dentro dunha néboa de orixes: "A carón dos guerreiros están os bardos... O bardo é un home superior... carregado de responsabilidade, o seu sofrimento é o prezo de súa superioridade moral... Non fixo o epilion celta: só o himno heroico ou a pura canción lírica", no que latexa unha intención patriótica, de defensa dos valores da nosa terra, unha vontade de superación colectiva. É o poeta cívico.

Así, pois, o poeta de Bergantiños non dispuña dun repertorio de heroes históricos cos que poboar a territorio. Ten que inventalos: "Dos topónimos agroman bardos, guerreiros, fadas, pastores, carpazonas e espritos ... Modificando con sufixos, por exempro, os nomes de lugar, e cruzándoos con reoancias ossiánicas, crea novos nomes. Pero cicáis moitos que foron xulgados como invención do poeta responden a lugares pequenos, a denominacións escuras e iñoradas da terra de Pondal".

Do Leabhar Gabhala procede Breogán. Como fundador de Brigandsia (Brigantia), Breogán é o ligame da Galiza céltica, relacionada co ciclo mitolóxico irlandés, tan de moda na época en que foi escrito por Pondal. Breogán chegou así a ser "patriarca" da xente galega. Pero Pondal non fala só da "raza de Breogán" (termo manexado a miúdo naquel tempo), senón tamén da "fala de Breogán". É posíbel que Breogán falara nunha lingua moi distinta do galego. Ou non, no fondo. Porén, Murguía coidaba que a achega celta na formación da nosa fala fora substancial. O poema, "Os pinos", convertido en himno galego, fixo voar nos azos do vento, musicado por Pascual Veiga, por todos os ámbitos da galeguidade, o nome de Breogán, o "fogar de Breogán" e a "nazón de Breogán", unha composición en compás de 4/4 ou "de compasillo", na escala habitual da gaita, estreada o 20 de decembro de 1907, curiosa ou quizais significativamente, non na Galiza deste lado, senón no Gran Teatro da Habana.


Documentación e Bibliografía

Á parte doutras fontes actuais, como Wikipedia, Galicia Encantada, os traballos de Jorge Tejera Soengas, a Guía da Galiza Máxica, de Vitor Vaqueiro, As tribos calaicas, de Higino Martins, a Historia de Galicia, de Murguía, ou a entrada do "Himno Galego" na EGU, utilizamos, basicamente, a Historia da Literatura Galega Contemporánea, de Ricardo Carvalho Calero.

Quedámoslle moi recoñecidos a Mónica Beatriz Suárez Groba, dende o outro lado do mar Atlántico, na Galiza Arxentina, pola súa fidelidade ao pensamento celta, e tamén lle agradecemos o envío, ao instante, de material lendario sobre esta temática.

Porto Ucha, A. S. (2011). "Breogán na mitoloxía galega", Hermes & Atenea, xuño, pp. 13-14.
Porto Ucha, A. S. (2011): "Breogán na mitoloxía galega", Fogar de Breogán, Revista da Asociación "Fogar de Breogán", de Lira (Salvaterra de Miño), novembro.