Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Enrique Heraclio Botana


por Nancy Pérez Rey

 

Tipógrafo e medio irmán de Portela Valladares, Enrique Heraclio Botana, foi unha das principais cabezas dos inicios do socialismo galego, e unha vida truncada máis nos primeiros días da Guerra Civil.

Enrique Heraclio BotanaEnrique Heraclio Botana naceu en Mourente (Pontevedra) no ano 1875, fillo dunha moza solteira e de Xoán Portela Dios pai de Manuel Portela Valladares. Aínda que seguiron camiños ben distintos ó longo das súas vidas, os dous irmáns mantiveron unha relación fraterna e cordial.

Xa desde moi novo H. Botana instalouse en Vigo onde comezou a traballar nunha imprenta e participou da organización do socialismo vigués animado polas visitas que a Galicia viña realizando, desde 1896, a máis grande figura do socialismo do momento: Pablo Iglesias. Parte dese activismo tivo os seus froitos no nacemento, en 1899, dun dos órganos xornalísticos máis importantes do socialismo en Galicia, o semanario Solidaridad, dirixido nun primeiro momento por Benito Feijóo, pero xa entre 1901 e 1936 é o noso protagonista quen asume a dirección. Por outro lado, esa reactivación tivo tamén o seu reflexo na creación dunha rede de sociedades obreiras en moitas vilas galegas. Así o expresou Heraclio Botana nun informe do ano 1903 sobre a situación do movemento obreiro en España e Galicia: "...la región gallega, a pesar de su escaso desarrollo industrial con relación a otras, no es de las más atrasadas en el movimiento de emancipación del proletariado español", pois contabilizaba ó redor dunhas 123 sociedades para Galicia.

No ano 1900 foi presidente da Agrupación Socialista de Vigo e en 1904 presidiu o Congreso Constitutivo da "Federación Socialista Gallega" como principal líder do Comité Rexional dos socialistas galegos. Dous anos despois, e no IIº Congreso celebrado en Ourense, Botana foi reelixido como presidente do Comité. Así mesmo, participou destacadamente na Unión Galaico-Portuguesa para evitar o enganche de traballadores portugueses por parte dos patróns galegos, que buscaban no país veciño man de obra máis barata e pouco consciente do ideario da loita obreira. 

A exitosa folga de tipógrafos de 1905 en Vigo, veu reforza-la figura de Botana aínda máis, a pesar de ser detido e condenado ó cárcere. A presión exercida polo propio Pablo Iglesias dende as páxinas de El Socialista fai que se lle conceda o indulto ó tipógrafo, chegando a acadar certa fama a expresión xurdida no ámbito da patronal: "En Vigo manda Botana". Deste xeito, a súa intensa carreira político-sindical tivo como unha das consecuencias máis salientables a elección en 1913 como o primeiro concelleiro socialista en Galicia.

Pero Botana non foi tan só un obreiro e líder político, senón que tamén se dedicou a tarefas empresariais como propietario da imprenta La Nueva Prensa. A partir da década dos 20 a súa actividade política seguiu cobrando forza, xa que na altura do ano 1922 foi elixido novamente como concelleiro polo 5º Distrito nas eleccións municipais en Vigo; así se expresaba en Solidaridad: "...en el 5º Distrito el número de votos que tuvo el compañero Botana superó al de hace dos años en el mismo distrito y le dió el primer lugar en el orden la votación [...] La elección del candidato [...] representa un triunfo para las asociaciones de agricultores de Sárdoma, Freijeiro y Castrelos y para nuestro Partido"

Importantes foron as súas actividades en prol das alianzas cos republicanos antimonárquicos previas ás eleccións municipais de abril de 1931, comicios que finalmente desembocarían nun trunfo republicano. Botana, que naquel momento era presidente da Casa do Pobo, foi un dos encargados de proclamar a chegada da República en Vigo. Pouco máis tarde, será un dos catro deputatos socialistas elixidos pola provincia de Pontevedra nas eleccións constituíntes do 28 de xuño dese mesmo ano.

Na altura de 1932, e preto dos sesenta anos, seguía a ser un dos principais líderes do socialismo galego exercendo, daquela, como presidente da "Federación Regional de Colectividades Socialistas". Desempeñou tamén un papel importante nas eleccións municipais de 1933 como defensor da coalición do PSOE cos republicanos para mante-lo réxime. Coa revolución de outubro de 1934, e as conseguintes folgas convocadas polos traballadores - contrarios á dereitización do goberno -, Heraclio Botana foi detido xunto con outros dirixentes vigueses, aínda que parece que este paso polo cárcere foi novamente moi breve. Afastado das posturas radicais que o socialismo adquire a partir de entón a súa actividade política vai minguando, fronte o xurdimento de novas figuras políticas no ámbito dos socialistas galegos.

Finalmente, o golpe militar do 18 de xullo de 1936 acabou coa segunda experiencia republicana, así como tamén coas vidas de moitos homes e mulleres. 

Enrique Heraclio Botana foi fusilado, xunto con outros destacados esquerdistas da cidade de Vigo, o 27 de agosto de 1936. No cemiterio civil de Pereiró, lugar onde se produciu a execución, repousan os seus restos.


O persoeiro no seu contexto

O OBREIRISMO NA GALICIA DE ANTEGUERRA

A poboación activa dedicada ó sector secundario en Galicia experimenta un crecemento nos primeiros trinta anos do século XX, aínda que o peso do rural será destacado ata os anos sesenta. Dentro do mundo industrial temos que destacar ó sector pesqueiro e conserveiro, centrado na Coruña e Rías Baixas. Xunto a isto, as manufacturas dependentes do Estado, como a Fábrica de Tabacos da cidade herculina e o sector naval de Ferrol. É lóxico que os primeiros gromos de mobilización obreira fose neses lugares, e a cidade departamental é a primeira galega que establece unha sección do PSOE en 1891; e en 1913 Vigo ten en E.H. Botana o primeiro concelleiro socialista nunha vila galega. Ambos acontecementos prodúcense tardiamente, o que fai constatar un claro atraso na organización dos traballadores galaicos, sobre todo ó comparalo con outras zonas do Estado. As mobilizacións son destacadas desde 1917, co triunfo da revolución rusa, e o remate da Primeira Guerra Mundial. O clima reivindicativo desembocará en dúas folgas xerais en 1916 e 1917 seguidas con desigual éxito nas cidades galegas. Os sindicatos están minimamente estructurados en Vigo, Coruña e Ferrol, no resto da xeografía galega a presencia era difícil, e nalgún caso imposible. Destacará a U.G.T e a C.R.G -C.N.T- , cunha mínima presencia do P.C.E desde 1920. 

Non podemos esquecer as mobilizacións no sector agrícola, a través do agrarismo, destacando o sucedido no Baixo Miño na década de 1920 -Sobredo e Guillarei-. Aínda que socialistas e anarquistas se preocuparán polo campo, sempre hai que enmarcar os seus movementos no espacio do agrarismo, que desde sempre foi interpartidista, tentando establecer unha colaboración entre as diferentes agrupacións existentes en Galicia, como foi a experiencia de Solidaridad Gallega en 1907-08.

En 1931 o movemento obreiro galego xa levaba medio século asentando unha cultura propia, que repercutirá nunha leve mellora da súa condición de vida; como afirman moitos especialistas, "xa estaba preparado para a revolución". 

Nun número destacado moitos dos líderes proletarios dos anos trinta proviñan da emigración americana onde adquiriran coñecementos na loita sindical, como por exemplo Jesús Blanco en Lalín. A crise económica de 1933 provoca a radicalización dos obreiros, exemplificado no apoio á loita dos mineiros en Asturias en 1934; observando así mesmo como as forzas da C.N.T e da U.G.T íanse equilibrando. Entre 1935 - 1936 prodúcense en Galicia 60 folgas, coincidindo ambas centrais nas mesmas reivindicacións. Xunto a isto tamén é digno de destacar como as tensións ían aparecendo no outrora dócil agro. 

De novo o 17 de xullo e 1936 supuxo a desaparición de todas estas experiencias dentro do mundo laboral galego.

 

 

Fonte: www.culturagalega.org