Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

MARÍA MARIÑO, HOMENAXEADA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2007

 María Mariño

No centenario do seu nacemento, que se celebrará en 2007, o plenario da Real Academia Galega decidiu, na súa reunión do venres 7 de xullo,  dedicar o Día das Letras Galegas do ano 2007 á poeta noiesa María Mariño Carou, "unha figura que aínda hoxe é preciso descubrir porque as circunstancias sociais e persoais nas que viviu fan que a súa poesía sexa de difícil acceso para o gran público". 

Nun comunicado, a RAG destacou que a obra literaria de María Mariño, falecida en Parada de Courel no 1967, está marcada polas circunstancias vitais que a rodearon, de tal xeito que a súa condición de muller e a pertenza á clase humilde fixeron que o acceso á cultura fose francamente difícil. A súa poesía inspírase na tradición popular "onde non é allea a inevitable presenza de Rosalía de Castro", e enríquecese coa intimidade profunda dunha muller madura. 

 

MARÍA MARIÑO CAROU (1907-1967)

FONTE: Album de Mulleres, culturagalega.org, www.vieiros.com. 

 

 

Naceu en Noia no ano 1907. Filla de Xosé María Mariño e Filomena Carou, era a segunda de cinco irmáns. A súa infancia e xuventude nesta localidade están marcadas polas dificultades económicas da familia, uns anos -poucos- de escola e logo traballa como costureira polas casas. As amigas lémbrana como unha persoa estraña e solitaria. O traslado a Boiro da súa familia polas difíciles circunstancias económicas e o empezo da guerra civil, permítenlle un primeiro contacto coa literatura porque unha tía súa traballaba de cociñeira no Pazo de Goián no que había unha boa biblioteca. Ese descoñecemento da cultura libresca é dos un aspectos subliñados por Uxío Novoneyra, ao insistir na orixinalidade da súa escrita. 
    
Casa en Boiro co mestre Roberto Posse Carballido e despois dun breve período tempo no País Vasco, onde morre o seu único fillo ao mes e medio de nacer, regresan a Galicia. Instálanse, por motivos de traballo, primeiro en Romeor do Courel e logo en Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Neste lugar pasará María Mariño o resto da súa vida, fai algunha viaxe a Noia e Monforte e as vacacións nos últimos anos na cidade da Coruña. 

 

No ano 1957 iníciase como escritora, no Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro. Palabra no Tempo edítase no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. No prólogo Ramón Otero Pedrayo saúda a "revelación dunha intimidade impresionante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento e senso tráxico do ser do tempo na serra". María Mariño comezara a escribir seis anos antes, primeiro en castelán, logo en galego. 

Uxio Novoneyra, Mariña Mariño, Saleta Gai, Manuel Maria e Roberto Posse Carballido. En Parada do Courel. 1960Na súa vida do Courel, María Mariño tivo relación con figuras tan importantes da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Sixto Seco, Augusto Assía, etc., todos engaiolados pola irrupción no mundo das letras dunha voz desacougante e insólita.
 
Xa enferma, e nun último esforzo, comeza a escribir de novo e compón a totalidade dos poemas que conformarán a súa obra póstuma, Verba que comeza, onde a poeta amosa a súa angustia existencial ante a presenza da morte. O libro remátase en marzo do sesenta e sete e a escritora morre en maio a causa dunha leucemia.
 
A súa obra literaria está marcada polas circunstancias vitais e sociais que a rodearon, a condición de muller e a pertenza a unha clase humilde fixeron que o acceso á cultura fose francamente difícil. A súa poesía inspírase na tradición popular onde non é allea a inevitable presenza rosaliana, e enriquécese coa intimidade profunda dunha muller madura.
 
Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas. Creación singular no contexto da literatura galega, a escrita de María Mariño non obedece ás normas, a súa é unha poética crebada que tensa e racha a lingua á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo mundo escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a súa obra.
 
Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no Tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro; unha edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume Verba que comenza recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia. Antes, de acordo cos datos facilitados por Uxío Novoneyra, escribira dúas obras en castelán que non se coñecen: "Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra" e "Más allá del tiempo". No ano 1994 Edicións Xerais publica a Obra Completa.
 
Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra.
 
Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.

 

 

Si o Outono non crebara o tempo
non se erguía en verso longo o poeta,
o troveiro que en liña chega á meta
arrola a cume, espaia a néboa, achega o vento.
Os cantores esquecen o seu día
e dóense do que saben que lles chega.
Quece o zoco no ourizo e na nebra.
Vela o arbre a súa en lousa compañía.
Alumea o souto a esperanza soia,
a que onte viveu na súa sombra amiga,
espera hoxe o que dela quedou fóra.
Roda do carro que, entre lousa e folla,
vas trocando por mañán cantiga
¡atopas noite, atopas día e quedas soia!


(María Mariño, Palabra no tempo)

   

 

OBRA EDITADA

 

Palabra no Tempo,  Editorial Celta, (1963) 

    

OBRA LITERARIA   Palabra no tempo

No 1963 publicara Palabra no tempo, libro que espertara grande atención da critica de doutros poetas, ainda que o público en xeral a penas o percibiu. Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noía publicou o seu inédito Verba que comenza. 

Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o seu libro dicia: «En M. M. confírmase o mito da profundidá da alma galega. Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo do esprito. Unha poesía de son esencial— muitas voces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala—donde o misterio nos chega».

 

POESÍAS:

 

De "Palabra no Tempo" :  "¡Inda vou na misma meniña..." 

De "Verba que comenza" :   "Verba que comenza" 

De "Verba que comenza" :   "Son a suma total"