Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

PROVINCIAS GALEGAS: DE SETE A CATRO


De cinco a sete provincias: 

 

A Galicia Moderna comeza no 1480 e aparece estructurada en cinco "provincias": Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Ourense. Estas eran as únicas cidades de Galicia e, polo tanto, as únicas favorecidas co dereito de representación na "Xunta do Reino". Esta división persiste ata mediados do século XVI. Tui e A Coruña acadan o acceso á Xunta do Reino. nacen así as sete provincias de Galicia, aínda que sería máis exacto falar das sete cidades que, cos seus representantes, procuradores ou deputados integran dende entón a Xunta ou Deputación do Reino. 

O territorio que abarcaba cada unha destas sete provincias non estivo en principio fixado de forma precisa. Só no século XVIII se abordou a súa delimitación.

Estas eran desiguais en extensión, poboación e número de vilas. Frecuentemente sóese comparar as vellas sete provincias coas actuais nacidas do constitucionalismo pero temos que dicir que o seu sentido é moi diferente. Galicia, no século XVIII, é un reino e como tal estructúrase e goberna baixo formas típicas do Antigo Réxime.

Por iso fálase de Galicia como provincia aínda que mellor sería denominala reino-provincia, desta forma as sete provincias históricas perden transcendencia. Estas sete "provincias" son a extensión xurisdiccional abarcada por cada unha das cidades que teñen procurador na Xunta do Reino. 

Antigo mapa de Galicia

ANTIGO MAPA DE GALICIA

 


Necesidade dunha verdadeira división provincial de España 



Coa invasión napoleónica e a subseguinte reacción popular española, chega a hora de convocar Cortes. No caso de Galicia preséntase a cuestión de a quén se debía chamar a Cortes, ¿asumiría este papel representativo a vella Xunta do Reino? O levantamento popular creara xa os seus instrumentos de representación e goberno: As Xuntas Revolucionarias. 

Galicia contaba xa no 1808 cunha Xunta Suprema abocada agora a se converter no instrumento básico para a representación de Galicia nas Cortes de Cádiz. Esta Xunta non monopolizou a presencia galega nas Cortes, senón que se arbitrou un sistema mixto que daba acceso tamén a deputados escollidos polas cidades e polas vellas provincias: Xunta, cidades e "provincias" formaron a representación galega nas Cortes de Cádiz, ampliándose así a representación ata agora vixente. Mais isto era tan só algo temporal. Unha vez restaurada a normalidade en España e expulsado o invasor e preciso imaxinar un procedemento novo.  É entón cando se deseña un instrumento de representación: A PROVINCIA. É preciso dividir racionalmente o territorio español en provincias que serán a base da futura representación e Cortes. División provincial e Cortes convértense así en elementos inseparables que se xustifican mutuamente. 

Este radical cambio vai afectar ó vello instrumento de representación galego, a Xunta do Reino e a arcaica división en cidades cabeza de provincia. Estes elementos están chamados a desaparecer. Pero a Constitución de Cádiz foi incapaz de afrontar unha operación tan complexa e todo foi aprazado. Galicia aínda viviu moito tempo considerada como unha provincia- reino perdurando a súa vella Xunta como canal de representación dos intereses galegos ante as Cortes ata 1834. 

 


División de Galicia en catro provincias 



As Cortes comezaron pronto os seus traballos para a división provincial ordenando levantar a Carta Xeográfica de España imprescindible para unha exacta delimitación territorial. Créase a Comisión Especial de División do Territorio (1820). O resultado do decreto en 1822 foi a división de Galicia en catro provincias: a Coruña, Lugo, Ourense e Vigo (fixada nesta cidade a capital provincial tras longa discusión): 


Configuración definitiva do territorio galego 

Pero un novo retroceso na consolidación da división provincial galega opérase no 1823. Vólvese ás vellas institucións. Galicia volve a concibirse como unha unidade provincial.O Real Decreto do 30 de Novembro do 1833 consolida a partición de Galicia en catro provincias cun cambio substancial: O traslado da capitalidade de Vigo a Pontevedra. Esta división de 1833 resulta bastante equilibrada. As provincia galegas eran relativamente parellas en extensión e aínda en poboamento. Dende estas datas a división provincial de Galicia non sofre modificación. A extensión fixada no 1833 é a actual: As catro provincias galegas



A Coruña : 7.876 km2
Lugo : 9.881 km2
Ourense: .7.278 km2 
Pontevedra: 4.477 km2 



As provincias van vivir durante todo este século unha profunda mutación do seu carácter que vai dende a súa inicial configuración, como instrumento centralizador ó servicio dunha administración racional regular e eficaz, ata a súa definitiva personificación como entidades locais. 

Fronte a esta división provincial do territorio galego houbo intentos de superación: un deles foi o sistema autonómico do estatuto do 1936. Outro foi o suscitado polo Real Decreto do 18 de Decembro do 1913 polo que autoriza a constitución de Mancomunidades Provincias. 

Aínda tendo en conta estes intentos de superación, a división física do territorio operada no 1833 non vai experimentar ningunha modificación.

 

 

     - BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA: "Historia de Galicia", Ramón Villares.