Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O xornalismo galego

Podemos dicir que Blanco Torres é o primeiro xornalista sensu estricto ao que a Real Academia lle adica un Día das Letras (no ano 1999), en trinta e sete anos de celebración, se exceptuamos a outros autores que tamén destacaron no xornalismo como Castelao, Risco ou Lamas Carvajal. Isto pode ser se cadra un síntoma do profundo vencellamento que nas nosas letras sempre existiu entre o xornalismo e a literatura, e máis cando falamos da prensa escrita en galego, se temos en conta que a nosa lingua moitas veces só ocupa nos xornais o espacio que ocupa a información cultural ou os suplementos literarios.

Antes de que en 1876 aparecese o primeiro periódico integramente escrito en galego, a presencia do galego nos xornais Tío Marcos da Portela era pouco menos que anecdótica, e correspondía a colaboracións literarias -na súa maioría poéticas- a seccións de carácter satírico -para reflectir as opinións do pobo máis humilde- ou mesmo a pasatempos de ton máis folclórico. 

O semanario O Tío Marcos da Portela, editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, é pois o primeiro periódico monolingüe en galego. De marcado carácter literario, esta publicación acadou un grande éxito en todo o país e chegou a tirar catro mil exemplares. Nas súas páxinas incluíanse seccións de opinión e de actualidade, mais aínda predominaban as colaboracións poéticas.

O Tío Marcos deixou de publicarse no 1888, pero ese anos nacéronlle uns cantos continuadores, dos que se coñecen unhas dez publicacións escritas en lingua galega: A Fuliada, O Galiciano, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego ou A Monteira son algunhas delas. Nesta última, editada en Lugo entre o 1889 e o 1890, predominaban os artigos sobre cultura, historia ou política por riba das colaboracións de tipo literario.

Non fai falla salientar a relación destes xornais co movemento rexionalista galego, que agromaba naqueles momentos. Así, as cabeceiras de moitos deles autodefiníanos como "semanario galego de intereses e literatura rexionales (sic)", e nas súas páxinas dábanse cita moitas das grandes plumas rexionalistas. Lembremos tamén que o contexto político da época, tras o intento fallido da I República e a Restauración en España, favorecía a aparición de publicacións, voceiros a maioría delas dos partidos e dos movementos políticos que ían xurdindo no Estado.

As cousas seguen así ata o 1916, ano no que sae ao prelo A Nosa Terra. Nace na Coruña como boletín decenal e comoNós "Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias galegas de América e Portugal", para logo converterse en quincenal e en voceiro oficial do Partido Galeguista en 1932. 

A política fundamental dos seus promotores era a da lingua, coa convicción de que o galego era capaz de tratar os máis diversos temas de actualidade, e non só a literatura. Deste xeito, en ANT aparecen por primeira vez artigos políticos, económicos, de reflexión sobre política internacional, etc., tratados en galego e con seridade, e da man dos máis prestixiosos escritores galegos do momento. Esta liña continúaa a revista Nós (1920), na que se escribe sobre arte, xeografía, histora, etnografía, polìtica, arqueoloxía, lingüística... aínda que non se descoida -máis ben todo o contrario- a producción literaria.

Co levantamento do 36, as publicacións monolingües en galego desaparecen por completo, e durante o franquismo os únicos atisbos de prensa escrita na nosa lingua corresponden a xornais clandestinos ou feitos desde o exilio ou a emigración. Este silencio ráchase no 1963, ano no que nace a revista cultural Grial, editada pola recén creada Galaxia, que foi bilingüe nos seus primeiros tempos e avanzou progresivamente cara ao galego. Dous anos máis tarde aparece Terra e Tempo, voceiro da Unión do Pobo Galego (UPG), que se ditribúe en Galicia e en toda a comunidade galega do exterior. Ao mesmo tempo, no exilio mantense a prensa en galego, impulsada na súa maioría polos nacionalistas, con publicacións como Loita, Adiante (Buenos Aires), Vieiros(México), A Nosa Galiza (Xenebra), etc.

Tras este paréntese de corenta anos que supuxo o réxime franquista, co conseguinte retraso cultural e lingüístico para o noso país, había que empezar de novo a publicar en galego. Isto supuña partir de cero ou ben retomar as publicacións que se frustraron coa guerra. Foi o caso de A Nosa Terra, que volveu saír á luz en 1977 baixo a dirección de Margarita Ledo Andión e con periodicidade semanal. Na súa nova etapa mantén a tendencia naionalista e inclúe información de actualidade nacional e estranxeira, á vez que lle dá grande importancia á información cultural.

Un ano antes nace en Compostela Teima, a primeira revista salientable en lingua galega da transición. Dirixida por Ánxel Vence e de periodicidade semanal, ofrecía información de carácter xeral e estaba escrita integramente en galego, incluída a publicidade. Ademais dunha morea de publicacións locais que nacen e desaparecen nestes anos, detrás de Teima xorde unha boa cantidade de revistas temáticas importantes, moitas das cales aínda perduran: as relixiosas Encrucillada (1977) eIrimia (1981), as cultural-literarias Luzes de Galiza (1985) e A Trabe de Ouro (1990), a reintegracionista Agália (1985), a Revista Galega de Educación (1990), Andaina(1991), Dorna (1991),Artesán(1991), Animal (1991), Tempos Novos(1996), etc.

Mais o paso máis importante cara á normalización do galego na prensa escrita dáse o 6 de xaneiro de 1994, cando sae á rúa o primeiro número de O Correo Galego, publicado pola Editorial Compostela, que é a mesma editora de El Correo Gallego. Por primeira vez temos un diario en lingua galega que ofrece información de actualidade sobre Galicia e as súas comarcas, sobre o Estado español e o mundo, sobre economía, deportes, cultura, sociedade, etc. Se ben é certo que os seus contidos son practicamente os mesmos que os de El Correo Gallego e a súa venda é moito menor, a súa aparición supón un paso imprescindible para a normalización do noso idioma, malia que polo momento ningunha empresa de comunicación lle tomou o exemplo.


A radio e a televisión

A primeira emisión televisiva na nosa lingua data de 1974, cando o Centro Rexional da Televisión Española en Galicia, baixo a dirección de Luis Mariñas, bota a andar os primeiros Telexornais en galego, en desconexións para Galicia de unha hora como moito. Teremos que agardar once anos ata que poidamos ver unha televisión enteiramente en galego, xa que a televisión autonómica de Galicia (TVG) nace o 24 de xullo de 1985, baixo a responsabilidade do goberno autonómico.

Canto á radio, a historia do galego neste medio remóntase bastante máis atrás, xa que se empezan a emitir programas na nosa lingua no 1969 feitos por asociacións culturais de Vigo e da Coruña. A primeira emisora que emite unicamente en galego será a municipal Radio Fene en 1984. Un ano despois, parella á TVG créase a Radio Galega, de emisión pública para toda Galicia.

Pero antes disto, igual que aconteceu coa prensa, xa na emigración se facía radio en galego. De feito, a primeira emisión en lingua galega nunha radio data de 1947 e levouna a cabo a BBC de Londres, nun intento de mellorar as relacións con Franco dedicándolles pequenos espacios ás nacionalidades históricas. O Galician Programme durou ata 1956. Paralelamente, no 1950 comezaba o programa Sempre en Galicia en Radio Carve de Montevideo, aínda en emisión. E en Buenos Aires iniciaba a súa andaina en 1954 Galicia Emigrante, dirixida por Luís Seoane e por Xosé Fernández. Máis recentemente, naceu Radio Celta en Barcelona (1984), e unha morea de programas que se foron incluíndo nas grellas das emisoras de todas as capitais do mundo con presencia importante de galegos.


Bibliografía:


- Blanco Campaña, X.L, Radio e prensa na Galicia exterior, Xunta de Galicia, Santiago, 1995
- Barreiro Fernández, X.R, Historia de Galicia IV. Edade Contemporánea, Galaxia-Historia, Vigo, 1981
- Fernández del Riego, Francisco, "Breve historia da prensa periódica en Galicia", en Grial, número 100, 210-222, Galaxia, Vigo
- Hermida Gulías, Carme, "Contribución á historia do galego nos medios de comunicación. A prensa no século XIX", en A Trabe de Ouro, Sotelo Blanco, Santiago
- López García, Xosé, A prensa local e comarcal en Galicia, Edicións Lea, 1992
- Santos Gayoso, Enrique, Historia de la prensa gallega. 1800-1993, Ediciós do Castro, Sada (A Coruña), 1995 


FONTE DE INFORMACIÓN: http://www.vieiros.com (especial Letras Galegas do ano 1999)

 

 · VOLVER A:  17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS