Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Frei Rosendo Salvado

Un galego nas costas de Australia a comezos do 1844...

Extraído da web www.culturagalega.org

 

A ventura 

En 1844 un inquedo monxe benedictino de Tuy chegaba ás costas australianas atraído pola paixón evanxelizadora que sempre aparecía, no século dos descubrimentos despois das pegadas dos exploradores e militares que descubrían novas terras lonxe de Europa. Era emprendedor, cheo de sangue vital, curioso, músico, negociante e capaz de moverse con habilidade polos sinuosos terreos do poder eclesiástico e laico.

Rosendo SalvadoFoi un dos protagonistas da defensa dos dereitos dos aborixes nun momento de plena efervescencia colonial e mentalidade racista. Coñecemos a Fray Rosendo Salvado por outra máis polémica faceta. Na viaxe que realizou en 1860 a Europa para recadar fondos para a súa Abadía de New Norcia, Ó oeste de Australia, trouxo un agasallo que segue a levantar agrias polémicas hoxe en día: a semente dos eucaliptos, que plantou no seu xardín e que agasallou ós seus amigos. 

Frai Rosendo Salvado naceu en Tui en 1814. Sería unha cidade que sempre tería en mente, e á que volvería de Australia nunha ocasión entre mostras de fervor popular. En 1898, continuaba recibindo o xornal tudense La Integridad, e pedía que non se lle deixase de mandar. De alí, pasou ó mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, con 15 anos, onde destacara pola súa habilidade coa música como organista ós 20 anos e a súa capacidade de aprendizaxe, unha actitude na que o seu pai, Pedro Salvado, destacara como cantor da catedral de Tui.  

A chave que marcou boa parte do destino de Rosendo Salvado veu dada por causas políticas. En 1835, un novo goberno comeza a mandar en España e un ministro con gran influencia na Corte, Mendizábal, decide adoptar unha nova política con respecto á Igrexa e desamortizar os mosteiros para poñelos á venda nun proceso que se coñece como a Desamortización. Non só isto: as ordes monacais, cunha tradición secular, son disoltas. Fray Rosendo era monxe benedictino que non puido ver rematado o seu desexo de tomar os hábitos e ten que volver á súa casa familiar en Tui.


eucalipto

O eucalipto, a árbore 

que Salvado trouxo a Galicia

 

Coa mochila 

En 1838, Fray Rosendo Salvado recibe unha mensaxe dun compañeiro catalán que coñecera en San Martiño Pinario, José Benito Serra, que cos anos acabaría por converterse no seu alter ego e un amigo íntimo. Benito Serra pedíalle que se incorporara ó mosteiro de Cava dei Tirreni, no de aquela Reino de Nápoles.
Para os benedictinos, Nápoles era terra liberada, o que significaba que os mosteiros especializados na formación de novicios estaban ata os bordes de mozos chegados de todos os países de Europa que estaban a secularizar. Malia todo, Salvado consegue ingresar no convento. 

En 1843, ten lugar o feito que marcaría de xeito definitivo o futuro misioneiro de Salvado; tódolos días paseaba con Serra polo bosque do mosteiro. No transcurso da conversación, Serra exprésalle o seu anceio de ir ás misións e, o máis relevante, confésalle que se se decide a ir con el, non o pensaría dúas veces. E iso é o que fan. 

En Roma entrevístanse con Monsignor Brunelli, secretario da Congregación para a Propaganda da Fe, unha  especie de Ministerio para a Evanxelización dos Estados Pontificios. Brunelli ábrelles unha posibilidade: a Igrexa Católica quere introducirse no nacente mercado australiano, un remoto e enorme territorio dominado polos ingleses e no que a Igrexa anglicana leva, evidentemente, unha boa ventaxa na conversión dos indíxenas. Que o fenómeno era clave indícao tamén outra cuestión: a expedición a Australia é preparada polo bispo irlandés Joseph Brady. El, Salvado e Serra son recibidos polo mesmo Papa. A expedición prepárase para saír dende Londres.  Frei Rosendo Salvado

Comeza a misión 

O 7 de setembro de 1844, o veleiro Elizabeth deixa o porto de Gravesend, no estuario do Támesis. Nas súas memorias, Salvado non agacha a emoción que lle produce entregarse a unha viaxe de meses polo medio dos océanos: "cando entramos no estreito de Calais, a furia infernal e os pérfidos elementos, cando as ondas do océano, agora elevándose como montañas brancas de escuma, agora afundíndose e mergullándose o máis profundamente posible, semellaban amenazarnos cunha morte certa en cada bandazo", ata que chegan o 8 de xaneiro ás costas de Australia e se hospedan en Fremantle. 

Os primeiros paseos polo lugar dan idea das angueiras dos misioneiros, ávidos de atoparse coa poboación indíxena. 

No primeiro paseo que dan pola colonia de Fremantle xa observan un bo número de aborixes e ocurre unha escea curiosa, que Fray Rosendo relata deste xeito: "estando ansiosos de tomar contacto falámoslle ós dous primeiros que coñecimos. ¿Pero como entendelos?

igrexa
A primeira palabra que escoitamos foi maraña, que repetían  continuamente. Maraña no meu dialecto galego significa 'decepción', e pregunteime se esa xente estaba preocupada de que fosemos a facerlles algo malo. Dinme a volta e pregunteille ó noso anfitrión que significaba. 

"Simplemente, comida", replicou. Así que eu collín unha gran barra de pan, repartino entre eles, e anotei a palabra no meu caderno, de acordo co método que decidín seguir". 

No deserto 

O primeiro obxectivo que tiñan os monxes era atopar indíxenas. Falando cos colonos, decatáronse de que os aborixes tiñan un estilo de vida nómada. A primeira pegada deulla un dos terratenentes da zona, quen lle indicou que ó sur da súa prantación existían grupos de individuos movéndose. Cunha compañía en expedición dirixíronse á zona e camiñaron varios días ata que as reservas de auga comezaron a esgotarse. 

Coa axuda de dous guías, conseguiron chegar a fontes de auga e instalar un campamento provisional. Aí produciuse o primeiro contacto coa poboación indíxena, non sen medo. Existía a crenza na colonia de que os aborixes eran caníbais. 

Se o eran, dende logo non deron mostras. Os primeiros días nos que se instalaron,  os monxes fixeron continuos oficios relixiosos e cantaban a toda voz salmos. Non se trataba, posiblemente, dunha cuestión litúrxica, senón máis ben de atraer a posibles curiosos. Algo que conseguiron, cando un día, á tardiña, observaron como un reducido grupo de indíxenas contemplaba a aquel grupo de homes barbudos e vestidos con roupas cerradas no medio da calor da campiña australiana. De aquela, nunha distancia prudencial, prenderon unha fogueira e pasaron a noite observándoos. Ó día seguinte, apareceron homes armados a esa distancia, e os monxes puxéronse en garda, pero os indíxenas limitáronse a sentar ó redor dunha fogueira. 

O contacto viría con posterioridade, cando un fato de homes, mulleres e nenos achegouse ata o campamento e comezou a curiosear o que facían e deixaban de facer. … de supor a ledicia dos misioneiros. A confianza mutua increméntase. Frai Rosendo nárrao este xeito: "con eles, comimos, bebimos e marchamos, e fumos voluntarios para as tarefas que eles estimaban máis pesadas. A miúdo levabamos ós nenos sobre os nosos ombreiros coas súas pernas randeándose na fronte e descubrimos que preferían a nosa compañía á dos seus pais".

Sen embargo, as enfermidades e outros sinsabores fixéronos retroceder de novo á zona europea, ata que quedaron unicamente na expedición Frei Rosendo Salvado e Serra.. Despois destes contactos iniciais, os dous monxes decatáronse de que era moi difícil establecerse e realizar unha acción efectiva se non se establecían nun lugar concreto e fundar un mosteiro. Os obxectivos non eran outros que sedentarizar á poboación indíxena e facela vivir da agricultura. é dicir, "occidentalizala". 

Na mentalidade do século das colonizacións, os europeos que chegaban a novas terras, foran os que fosen os obxectivos que se buscaran, plasmaban nos novos lugares descubertos o modelo de vida occidental. Deste xeito, foi como os dous benedictinos asentáronse nas inmediacións de New Norcia. O labor misioneiro traía consigo paradoxas. En New Norcia, eles crearon unha escola e tiveron que superar os recelos da poboación, que cría ver extraños poderes nos libros e papeis escritos. Pero o proceso de aculturación comezaba. 

Un exemplo aconteceu en 1849. Salvado foi enviado a Europa para recadar fondos e capital humano para a misión, e levou con el a dous indíxenas, que mesmo chegaron a ser investidos cos hábitos de monxe polo Papa Pio IX. Despois foron a Nápoles, ó mosteiro de Cava, e alí os indíxenas manifestáronlle que preferían non volver aínda. ¿Por que? Salvado transcribe unha resposta deles que xa nos di moito sobre isto: Indíxenas australianos
"Porque aínda non estudiamos. Así que se volvemos agora, os nosos parentes e amigos nos preguntarían se entendemos os papeis que falan, e se nós sabemos como facelo, e sabemos como facer cabalos e árbores, e cando lle contestemos que non, eles dirán que nós somos coma eles, jun-ar (homes da selva)".  


Os indíxenas como estranos 

Rosendo Salvado foi clarividente á hora de evaluar a problemática indíxena en Australia. Neste senso, a súa curiosidade fíxolle recoller e, en moitos casos, respectar a cultura local. O que era extraño na súa época en Australia era a consideración que tiña polos indíxenas..

Afirmar que calquer indíxena tiña a capacidade, con educación, para aprender calquer tipo de disciplina e ciencia, era bastante extraño no contexto colonial. Pero había algo que fallaba. A idea orixinal de Salvado de que os indíxenas foran propietarios de terras e viviran delas en Nova Norcia, de feito, nunca chegou a triunfar. Nun informe que remitiu ó goberno británico, Salvado desvelou cales podían ser as claves. 

Dicía que os indíxenas estaban afectados de "nostalxia", o cal quería dicir inadaptación ás novas estructuras occidentais creadas no medio da selva. O estado "nostálxico" dos indíxenas caracterizábase por períodos de gran fortaleza e de debilidade que se sucedían, o cal os facía incompatibles co traballo occidental e coa aprendizaxe na escola da Abadía de Nova Norcia. E, dicía Salvado, se os indíxenas atopaban extraña a civilización occidental porque xa tiñan unha de seu. Deste xeito, Salvado potenciou máis a agricultura que os estudios académicos.

Salvado visitou Roma á avanzada idade de oitenta e seis anos. Hospedouse no mosteiro de San Pablo Extramuros, onde se convertira nunha figura de referencia para os novos cregos polas súas historias da misión. 

Morreu o 29 de decembro de 1900 e o seu corpo foi levado de volta para ser enterrado baixo o altar da pequena Catedral de Nova Norcia. A súa memoria segue a ser motivo de investigación nas universidades australianas para comprender a formación do seu país. Na memoria popular, convertiuse nunha figura case lendaria. 

Francis Conaci e John Dirimera

Francis Conaci e John Dirimera, os primeiros novicios aborixes

Salvado: mapa de viaxe

Mapa da viaxe 

 

 

 

 

 

 

 

 

        

Fontes de información: www.culturagalega.org e  "O señor abade do ermo", George Russo, Edición do Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2001.-