Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

OS MAIOS EN GALICIA

maio

 

 

ORIXES DA FESTA DOS MAIOS

OS DISTINTOS TIPOS DE FESTEXOS DOS MAIOS

OS MAIOS EN GALICIA

O CICLO DE MAIO E AS SÚAS MANIFESTACIÓNS

 

 

 

ORIXES DA FESTA DOS MAIOS 

 


A Festa dos Maios, naceu na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío facía abrota-la semente e revestía os campos de variadas cores. Nunha sociedade neolítica a dependencia do ciclo regular das estacións, da forza da natureza provocan o nacemento do culto   a "deidades" do mundo vexetal coma ás árbores. Debíalles sorprender a aqueles homes a coincidencia da estación primaveral coa fecundidade animal que non tardaron en relacionar, tamén, coa fertilidade da especie humana; de aí nacerá o culto á fecundidade e ós amuletos máxicos.

 

Os gregos, unha das máis avanzadas culturas mediterráneas, foron máis inxeniosos creando un mito para explica-lo cambeo estacional: " Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra ( Deméter para os gregos, Ceres para os romanos) que foi raptada polo señor do escuro e friorento mundo subterráneo, cando ,como tódolos anos ,volta á terra despois do inverno que pasa co seu esposo Hades , a súa nai recibea cunha explosión de ledos verdes e frores multicores " . Esta eclosión primaveral celebrabana as mulleres da Atenas clásica coas festas mistéricas ,de carácter secreto e prohibidas ós homes , adicadas a deusa dos cereais.


Os cidadáns romanos, pola súa parte , xa antes de ter escravos que lles traballaran as terras, festexaban á Maia, nai do nome do mes ( que desde os romanos está no calendario dos pobos conquistados por eles ) durante a que se purificaban os campos coa realización de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán , en grande medida , estas festividades no seu santoral transformando o nome , pero non os contidos. 

 

Mais chegará a Idade medieval na que as novas técnicas agrícolas fan medrar tanto a producción coma a poboación. Nestas sociedades xerarquizadas nos que guerrean (reis e nobres) , os que oran ( monxes e bispos) e os que laboran para eles, os labregos, sufrían ,ademáis de guerras e pestes , as malas colleitas; e ,do mesmo xeito , bricáballes o corazón no peito co bo tempo, doado para as mellores colleitas. Por iso, pódese asegurar que na etapa medieval a celebración de rituais propiciatorios do espertar da natureza , expresión cultural dunha sociedade agraria na que xogan un papel fundamental os cambios estacionais para o seu traballo, para a súa existencia, experimentou ,sen dúbida, un notable desenrolo. Dos festexos transmitidos polos vellos labregos ós seus fillos e netos estarían , sen dúbida , os do mes de Maio ( tras da sementeira) e os do tempo da colleita, preferentemente a do pan. 

 

Como exemplo do vencellamento do mes de Maio coas colleitas serva a cita do Libro de Alexandre: " Sedie el mes de Maio coronado de flores afeitando los campos de diversas colores, organeando las Maias e cantando d' amores espigando las mieses que siembran labradores "... Precisamente as colleitas, é dicir, a fecundidade dos campos ,víronse interrelacionadas inevitablemente coa fertilidade do gando, e , cómo non ,perto dos fruitos propios dos amores entre homes e mulleres. Este tópico da literatura popular e culta sitúa con nítida claridade ó mes das frores como " locus amoenus" ( lugar e momento ideal ) para o froreceren dos amores humanos. 

 

Para os estudiosos do tema , como Xosé Filgueira Valverde, o sustrato preromano ,de certa tradición celta, pervivíu nas prácticas heterodoxas de Prisciliano e os seus seguidores (século IV d.n.e. ), herexía que atopou un gran número de seguidores no que é hoxe Galicia,norte de Portugal e terras próximas.  Sabemos , por outra banda , que o culto ás árbores estaba , entre os Suevos ( poboadores da Provincia Gallaecia romana), estreitamente emparellado co deus Thor ou Donnar, a quen cosagraban árbores grosos e vellos. A catequización do reino Suevo de Galicia, tentando de paso eliminar as prácticas naturísticas dos priscilianistas, encargarase a San Martiño de Dumio no século VI d.n.e., gracias ó que dispoñemos das primeiras referencias escritas da celebración destes ceremoniais nestas terras pola súa obra De correctione rusticorum . 

 

Mais é tamén no século VI cando o Papa Gregorio Magno , segundo nos comenta Clodio González Pérez no seu libro sobre os maios en Galicia, recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa fin de que , conservando algunhas groserias , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ." Aínda que non remataron as prohibicións dos maios e das xuntanzas campestres, foise impoñendo esta tendencia de sacralizar as festas estacionais. 


Clodio González Pérez danos unha relación altamente clarificadora dos días do Santoral vencellados coas plantas e que aparecen arredor do 1º de Maio: 
 

    
ABRIL 
Domingo seguinte ó 23.....................................  San Xurxo. 
día 25......................................................... San Marcos. 
día 29......................................................... San Pedro Mártir. 
último domingo.............................................. San Alberte. 
 

    
MAIO 
día 1.......................................................... San Felipe e Santiago, o Menor, apóstolos ( " Santiago o Verde"). 
día 3.......................................................... Invención da Santa Cruz, Santa Elena. 
día 9.......................................................... San Gregorio,San Martiño. 

 

A todos estes deberemos engadir o día 15 adicado a San Isidro labrador, e datas coma Ascensión ou , xa propia dos primeiros días de Xuño, o Corpus Christi, que sendo variables de sempre conlevan variopintas manifestación florais. Non podemos esquecer nesta relación a advocación que se lle da a todo o mes de Maio como mes da Virxe. Este carácter mariano enmarca unha das composicións máis antergas do galego-portugués, as Cantigas de Santa María do rei Afonso X, o Sabio.  O certo é que todas estas condenas quedaron reducidas na práctica a aparición das coñecidas cruces de maio , que hoxe seguen vivas , por exemplo , nun bo número de vilas galegas. 

 

Curiosísima é a testimuña de Phillip Stubbes, membro destacado da secta puritana de Inglaterra, que en 1.583 describe as festas de Maio en Anatomía das Ofensas do seguinte xeito: "En Maio, tódolos mozos e mozas, vellos e casados , corretean pola noite nos bosques, lomas e montañas, onde pasan tódala velada en alegres pasatempos; e pola mañán voltan traendo ramas de bidueiro e outras árbores para adornar as súas xuntanzas ...E non hai que asombrarse ... que estea presente entre eles , como superintendente de tódolos xogos e pasatempos, Satán, príncipe dos Infernos...." e , pouco máis adiante, engade que " homes de reputación e gran seriedade declaran que do centenar de doncellas que van ó bosque esa noite, menos da terceira parte volve inmaculada a súa casa". Esta licencia recriminada por algúns sectores da sociedade parece ser a clave das repulsas dos máis conservadores durante unha longa etapa incidindo , máis adiante, nas molestias causadas pola intención petitoria de moitas destas manifestacións. Mais as prohibicións tamén tiveron carácter civil en Portugal . Nos séculos XIV e XV son frecuentes na lexislación a advertencia de que non se canten " nem Janeiras , nem Mayas...". 

 

Máis pola contra nas cortes reais foron estes festexos de fonda raigaña e ata a chegada da Ilustración non xurdirán estas prohibicións civís. As razóns esgrimidas son as que xa denunciaba con gracia no entremés titulado La Maya Luis Quiñones de Benavente no século XVII : No sé por dónde vaya que no me tope una maya y otra maya Maya aquí, maya allí ¡ donoso talle! mayando está en Madrid cualquiera calle. O conde de Aranda recrimina o carácter petitorio das que "con el nombre de mayas se ponen en las calles causando irrisión y fastidio a las gentes" estas e outras Reais cédulas de Carlos III reiteradas en anos consecutivos tampouco lograron erradicalas. 

 

Será a finais do século XIX cando como consecuencia dunha nova sociedade baseada cada vez menos no sector primario da economía , fenómenos como a caída do Antergo Réxime, o éxodo campo-cidade , os propios avances tecnolóxicos, científicos e ideolóxicos da sociedade , escomeza a decadencia do mundo rural e, paseniñamente , con ela perderán forza estas manifestacións estacionais. Tan solo se manterán naqueles núcleos de poboación onde ainda haia un continxente de mozos dispostos a conserva-lo costume. Tamén nas vilas prodúcese o fenómeno de quedar reducido a festas de rapaces , cecáis polo carácter petitorio que proporcionaba a mocedade alguis cartos cousa nada desdeñable , e, como non , pola dimensión lúdica e de sátira social na que se foran especializando estes maios vilegos (Pontevedra, por exemplo).

 

Veremos nacer concursos que premian as coplas máis audaces e graciosas. Pero tamén por iso son reprimidas novamente en tempos das dictaduras , como a de Franco , nos que non se toleran críticas polo que van esmoecendo obxecto da censura e da prohibición. Chegan ,pois, tremendamente esgotadas estas tradicións ós nosos días producto dunha nova sociedade que ten mecanismos moi potentes de uniformización da cultura, causando o desarraigo das expresións culturais seculares propias, específicas de cada pobo. 

 

Mais recentemente vívese un espertar esperanzador destes festexos, adaptados ás novas realidades. Colectivos semellantes ó noso , conscentes da necesidade de pasar o relevo deste legado cultural as xeneracións que veñen detrás , seguros de que a variedade cultural é un signo distintivo da humanidade. 

    


OS DISTINTOS TIPOS DE FESTEXOS DOS MAIOS


Abordemos agora a clasificación das distintas modalidades existentes en Europa e na península para poder así mellor catalogar o noso. Servíndonos dos datos que o etnógrafo J. Frazer ofrece no seu coñecido libro A rama dourada veremos como os distintos tipos de manifestacións primaverais que tamén aparecen se dan no Estado español. O caso das "enramadas" sobre portas das cortes , preferentemente, están tan extendidas en Irlanda como en Galicia buscando a protección do gando de calquera mal vencellado co inverno e propiciando a fecundidade. 

 

Está documentado desde o século XIII nas rexióis de Saxonia ,Burdeos , Provenza, Baviera, o costume de ir busca-lo maio (majum quaerere). Trátase dunha "árbore de maio", das máis esbeltas dos arredores, que encarna toda a simboloxía da festa e que colocan nun lugar céntrico adornándoo de moi variados xeitos ( cintas de cores, flores,etc...). Este tipo de celebración é o máis usual polas terras de Castela para realizar alí , entorno á árbore , bailes e xogos. Un destes xogos son as cucañas ,ou disputas por acadaren un premio posto no máis alto da árbore que se instalou no medio do pobo , para que , os máis decididos , trepen pol él acadando o recoñecimento dos convecíns , ás veces denominados co título de " rei de maio " en Francia e Inglaterra. Quen sube o primeiro pola árbore ensebada ou gana noutro xogo semellante pode escoller a " raiña de maio "( en Suecia e Noruega as rapazas elixen entre elas a raiña a quen lle toca nomea-lo rei de maio entre os mozos ). Con frecuencia mistúranse nestas rexións centroeuropeas as enramadas nas alcobas das noivas que poden emparentarse coas cancións de " ronda de maio " moi extendidas , tamén , polo Sul e outros lugares da nosa península. 

 

O "maio-mozo" , ou maio vivinte, personificación da fecundidade vexetal, propio de Galicia , verémolo o día 23 de Abril baixo o nome de "Xurxo o Verde" en Rumania e entre os eslavos rusos. En Inglaterra chámaselle " Xoaniño o Verde ". Do mesmo xeito en terras cataláns " les maiets " englóbanse neste tipo de maios. As coñecidas co nome de "maias " tanto en Galicia coma Castela, rapaciñas vestidas de blanco e ataviadas con guirnaldas de flores, aparecen en Lituania e tamén na Alsacia francesa. 

Tomando como modelo un esquema plantexado por Julio Caro Baroja no seu libro La estación del Amor: Fiestas populares de Mayo a San Juan faremos unha clasificación válida para tódalas manifestacións existentes en Europa:

 

1- Baixo dunha forma humana: > maio-mozo ou rei maio > maias ou raiña de maio > boneco ou maio figurado 

2- Baixo dunha forma vexetal: > árbore > rama da árbore > flor 

3- Baixo dunha forma humana combinada coa vexetal : > árbore, máis rei de maio > rama ou flor máis persoa ou boneco. 


 
OS MAIOS EN GALICIA 

 


Abordemos a clasificación plantexada polos estudiosos galegos onde atoparemos unha gran de diversidade de rituais primaverais coexistentes en Galicia :    

a) Manifestacións agrarias ou propiciatorias: cando se quere unha abundante colleita. Propias de persoas maiores polo xeral . Destacamos entre estas o " alumea-lo pan ou danzas do pan " consistentes no percorrido dos campos sementados con fachucos de palla prendidos ( o lume coma elemento purificador ) e recitando invocacións, tamén acendendo fogueiras nesta última noite de Abril , noite por outra banda vencellada as meigas en Centroeuropa. O "poñe-lo ramo " nas leiras, cortes, animais e incluso os apeiros coa fin de afasta-lo mal xunto coa "bendición dos campos" con auga (outro elemento purificador) bendita ou de fontes de recoñecida valía son cerimonias propiciatorias de boa colleita. 

 

b) Manifestacións propias de nenos ou mozos. De entre estas citaremos en primer lugar a entrega de " ramos de flores " cantando algunha o maio copla no día ún do mes de Maio á noiva, ás mozas ou ós viandantes . Os "arcos de flores " estaban feitos nos camiños con polas,bimbias adobiados con cintas e flores tanto no día 1, no Corpus Christi,ou na da Sta. Cruz , neste día constrúense "cruces de flores " que tamén se chaman maios .   

 

A " árbore de maio " é moi rara en Galicia, parece ser que a tradición mandaba roubala antes de chantala nunha praza para queimala ou pendurar un boneco dela.

   

Un tratamento específico merecen "os maios-mozos " dos que temos un magnífico exemplo en Vilafranca do Bierzo, un mozo véstese con plantas e atavíase con flores.  

As coplas consérvanse sempre iguais na actualidade na Galicia administrativa que nós teñamos coñecimento xa non sae ningún cando fai cen anos eran moitas as vilas que os mantiñan vivos. Doutro xeito, sendo maios humanos como os precedentes, definimos " as maias " como grupiños de nenas vestidas de branco e con coroas de flores ou arcos que se adican a pedir para un santo ,ou a Sta.Cruz ,polas rúas ou instalando altares nun lugar céntrico.

Dentro do que se denominan " maios figurativos " o máis común é unha figura cónica ou piramidal con estructura de paus e recuberta de follas , flores e outros adobíos ( ovos, laranxas,etc...) transportable gracias ás andas que lle son acopladas polos mozos , que a acompañan cantando coplas que varían de ano en ano . Estas coplas as máis das veces conteñen críticas sociais contra alcaldes,gobernadores,caciques; outras ridiculizan a personaxes famosos,modas,feitos chocantes. Pero todas elas na súa meirande parte parecen seguir un esquema tradicional onde sempre afloran alusións ó mes de Maio. O canto é acompañado con golpes de palitroques que levan nas mans. Por último, están os " barcos de maio " que se tratan dunha reprodución dun barco ó que se lle colocan unhas rodiñas para movelo polas rúas.Como é de supoñer son tradicionais nas vilas como Marín ou Vilagarcía de Arousa ,vilas mariñeiras . Tendo enconta que moitas delas xa teñen desaparecido namentres que outras ainda seguen vivas situamos no seguinte resumo os lugares onde tiveron ou teñen presencia estes costumes:

  

 a) Manifestacións propiciatorias: Alumea-lo pan ou danzas do pan: Noia e Arousa(PO) ;  Poñe-lo ramo. > Bendici-los campos. 

     

 

b) Manifestacións lúdicas ou festivas:  Ramo de flores: Cambados(PO), Queiroga (Lu),Brión (C),Os Riòs(Our.) ; Arcos de flores: Tiobre-Betanzos(C). ; Cruces de flores: Ourense,Pontevedra,A Coruña, Noia,Ferrol,... ; Arbore de Maio: Laza(Our.), Entrimo(Our.) ; Maio-mozo: Santiago, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Portomarín, Lugo, Ribadavia, O Carballiño, Vilalba, A Coruña, As Nogais, Viana do Bolo, Celanova, Verín, Noia, Porto do Son, Castro Caldelas, Monforte de Lemos, Carnota, Queiroga, Pontedeume,etc.... e Vilafranca do Bierzo. ; Maias: Pontevedar,Muros,A Coruña... ; Maios figurativos: Pontevedra, Ourense, Marín, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Caldas de Reis, Allariz, O Barco,etc... 


  
O "CICLO DE MAIO" E AS SÚAS MANIFESTACIÓNS 


 
En Galicia houbo, e aínda hai, prácticas vencelladas coa agricultura, gandería, mar, co xogo, co amor, e outras consideradas cristiás, aínda que é probable que fosen cristianizadas na Idade Media. 

 

1) Manifestacións agrarias:

 
 
A súa finalidade é a de favorece-la medra da colleita arredando o mal, xa sexa o que provén do home (meigas) coma dos animais e mesmo dos axentes meteorolóxicos. 

   

A máis coñecida é a de "alumea-lo pan", da que aínda quedan restos moi minguados en varias aldeas dos concellos coruñeses de Rois e a Serra de Outes. Noutros tempos a súa práctica maio estaba bastante estendida e recibía distintas denominacións, como "alumea-lo centeo", "larada de Pampallín", "Lume pan", etc. Fóra da península tamén se ten rexistrado esta práctica en varias comarcas francesas. 
  
Estas manifestacións celébranse na derradeira noite de abril, pero antes nalgunhas localidades facíase coincidir coa festividade cristiá de San Pedro Mártir, o día 29. A data do 30 de abril é de grande importancia no centro de Europa, xa que é cando as meigas fan as súas xuntanzas nas montañas alemanas de Brocken ou Blecksberg. 
 
A variante máis estendida é a de facer un fachico de colmo ou palla e con el ardendo, bendici-las leiras ó mesmo tempo que se din impetracións propiciatorias sobre o froito sementado. Outros en vez de andar con fachicos fan fogueiras ou cacharelas, como as da noite de San Xoán, e arredor delas dinse cantigas propiciatorias: 
    


"Lume, lume 
Ve o pan 
Deus che dea moito gran, 
Cada gran coma un bogallo 
Cada pé como un carballo. 


Lume ó pan 
Lume ó pan 
Cada espiga 
Seu bo pan". 
 


A esta mesma xeira pertence, entre outros, o costume de chantar poliñas nas leiras, durante o traballo ou despois. O máis normal é que sexan de xesta, arbusto considerado na cultura popular como posuidor de grandes propiedades chamadas "apotropaicas" para alonxa-las influencias maléficas; de aí que se poñan o primeiro de maio nas fiestras e portas das casas, nos apeiros de labranza, nos barcos de pesca, etc., para que a súa presencia arrede o mal para todo o ano. 



2) Manifestacións pecuarias:

 

maioO gando é o protagonista. Actualmente desapareceron todas. O día tres, festa da Santa Cruz non se xunguía o gando vacún, nin sequera se ataba polos cornos. 


O seu significado é escuro, aínda que é posible que estivese relacionado co crecemento, xa que o gando ceibe brinca e come canto quere e medra antes e máis. 



O primeiro de maio, nos Ancares, a principio de século, adornábanse as vacas con flores, e tamén era o día de marca-los años, cabritos, etc. para que puidesen andar soltos polo monte. 

 


3) Manifestacións mariñeiras:

Desapareceron todas agás a de pór o primeiro de maio unhas poliñas de xestas nas proas dos barcos en varios portos, en particular nas Rías Baixas. 

 


4) Manifestacións lúdicas 
 

   
A súa finalidade é anuncia-la eclosión primaveral, e teñen lugar nestes días de abril e maio. Os seus principais protagonistas son nenos e mozotes polo que hai que contalas dentro do eido do xogo e do lecer. 

     
maioEntre outras está a de poñer arcos nos torreiros, campos, etc. onde se vai celebrar algunha festa. Tal costume morreu agás en Tabagón (O Rosal), que por mor dunha festa relixiosa mantivo o nome e cambiou a data de celebración a febreiro. 

      
A da "árbore de maio" segue viva.Uns mozos rouban a árbore máis esvelta dos arredores, córtana, límpana,e entre cantigas lévana á praza onde permanece varios días ata que remata a festa da Santa Cruz. As interpretacións sobre o significado deste asunto é variada, vai dende a morte e resurrección do mundo vexetal.. Aínda que o significado era o mesmo, o rito non é o mesmo nos distintos lugares onde existe. 

  
  

   
5) Manifestacións amorosas:

  
 
maioCoa primavera tamén espertan as paixóns amorosas, e estas teñen a súa manifestación a través de cantigas e ritos, como o que se usaba na Luaña (Brión, A Coruña), que en tal data, o mozo que pretendía a unha moza facíalle entrega dunha póla de xesta florida. Se a aceptaba significaba que o quería como pretendente. 

  

O máis normal era pór os ramos nas ventás; se a relación ía ben poñíase de xestas, se ía mal substituíase polo toxo, en Entrimo empregaban canoteiros secos de verza, e en Loureses (Blancos, Ourense) o ramo dependía da fermosura da muller. En Buxán (Rois), na noite de alumea-lo pan, aproveitaban mozos e mozas para andar xuntos toda a noite e non chegar ás casas ata o amencer. Era a única noite no ano na que tiñan licencia. 

  
  


6) Manifestacións cristianizadas:
   

   
Cando interveñen vexetais en celebracións cristiás é probable que a súa orixe sexa pagá. A igrexa seguiu dos camiños: prohibi-la celebración anatematizando ós que as practicaban ou adaptalas á súa ortodoxia. 
   
maio Moitas cerimonias pagás pasaron así á Pascua, e a máis sonada é a de San Pedro Mártir, celebrada en todas as poboacións onde hai ou houbo un convento dominico. En Santiago aínda se seguen a bendicir ramallos de oliveira para espetar nas leiras, gran para sementar, “escritos” para afastar os lóstregos,etc. Tamén son famosas as de Ribadavia e A Coruña. 
  
A outra celebración sobranceira é a da Santa Cruz: a cruz é madeira e a auténtica (na que Xesús foi crucificado) descubriuna Santa Elena o día tres de maio, xusto cando os vexetais se amosan esplendorosos despois da tempada invernal. A Cruz de Cristo, como árbore que é, “resucitou” no mesmo tempo en que o fan os demais vexetais. Pero a máis favorecida foi a Virxe que se fixo dona de todo o mes. 
   
Relacionados co culto cristián están aquelas cerimonias ou ritos agrarios que se practican para afasta-los perigos das sementeiras e dos campos cultivados. O normal é que nas impetracións interveñan unha oración, auga bendita na igrexa o sábado santo, polo regular, e unhas poliñas de oliveira, xesta, loureiro, etc. , que fan de hisopo natural e que despois quedan chantados na leira. 
   
Tamén era cristián o costume extinguido en Galicia de erguer grandes cruces florais nas prazas ou encrucilladas. 

     

   

Grupo celebrando os maios 

 

 

  ANTIGA FOTO DE MOZOS FESTEXANDO OS MAIOS NO BIERZO

 

 

   

 

 

- BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia, breviario enciclopédico de eladio rodríguez gónzalez, www.bierzocultura.com

 

 

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ