Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Fermín Penzol Labandeira


por Irene Mera

No ano 2001 cumpríronse cen anos do nacemento e vinte dous do pasamento de Fermín Penzol Labandeira, un galeguista de Fermín Penzoil Lavandeira militancia disciplinada e constante ó longo de toda a súa vida, pero que máis alá deste activismo político será principalmente recordado pola doazón do inxente fondo bibliográfico que foi recompilando ó longo da súa vida, hoxe dispoñible ó público na fundación que leva o seu nome na cidade olívica. 

Fillo dun xuíz berciano e dunha asturiana de Castropol, viu nacer Fermín un 19 de agosto do 1901 na localidade palentina de Sahagún de Campos, o que o converte no que se ven chamando un galego "extramurano" ou "fronteirizo". Ben cedo, a profesión do pai comeza a provocar unha serie de traslados de toda a familia, que se corresponden coas etapas vitais e formativas do mozo Fermín; así a súa infancia transcorre en Mondoñedo e a adolescencia vívea en Pontevedra onde fai o bacharelato. Chegados os anos universitarios é o seu desexo é cursar estudios de dereito en Compostela, mentres que o pai é partidario de que sexa en Madrid onde se licencie o fillo, decisión que se viu apoiada por un nada casual novo destino do pater familias á capital. Será precisamente nestes anos universitarios, lonxe da que era a súa terra, cando esperten no noso protagonista os sentimentos de estrañamento e morriña que cedo se trocan na ideoloxía e compromiso con Galicia que estarán presentes e rexerán o resto da súa vida. É en Madrid onde dan comezo as dúas facetas que resaltamos na personaxe que nos ocupa, o seu activismo como galeguista e a súa paixón como bibliófilo, e aínda que para unha exposición máis transparente e didáctica, centrarémonos primeiro na traxectoria política e a continuación nos deteremos na conformación da biblioteca, non se debe esquecer o feito de ser procesos paralelos, actitudes vitais intimamente ligadas.

Como adiantabamos, o mozo Fermín terá unha participación de primeira liña no núcleo galeguista que se forma e desenvolve en Madrid aproximadamente no primeiro lustro da década de 1920. Este grupo que conformou a súa base ideolóxica na revista A Nosa Terra e nas actividades das Irmandades da Fala, pasará con éxito duns momentos iniciais de carácter máis ben espontáneo a unha etapa de ordenación, organizándose a principios da década a Xuventude Céltiga, chamada algo máis tarde Mocedade Céltiga e xa a comezos do 1922 Delegación de Irmandade Nazonalista Galega. Tras o parón que loxicamente supuxo a dictadura de Primo de Rivera, reorganízase o grupo a finais do 1924, retomando o nome de Mocedade Céltiga, pero o remate dos estudios universitarios de boa parte dos membros do grupo cara a 1926 porá fin a esta etapa. Sen embargo, ben asentada a conciencia galeguista en Fermín, non impedirá este esmorecemento do grupo, nin o desempeño da súa profesión como rexistrador da propiedade, que acuda con certa asiduidade, xa na década dos trinta, a tertulias en Madrid frecuentadas por personalidades como Castelao, Otero Pedrayo ou Villar Ponte entre outros, ou que se afilie ó Partido Galeguista; é máis, por mor dunhas fondas conviccións ideolóxicas permanece nas filas do galeguismo incluso despois da guerra civil, e de aquí en diante, loxicamente dentro da sempre arriscada clandestinidade, colaborará en diversas actividades encamiñadas á reorganización do movemento.

A constancia e a integridade de Fermín Penzol que ata o de agora tivemos a oportunidade de relatar, fano meritorio de entrar a formar parte, polo menos, da historia do nacionalismo galego, e sen embargo, a súa máis grande contribución réstanos aínda por relatar. Voltemos a eses anos universitarios, nos que o espertar da consciencia galeguista vai confluír con outra grande paixón, os libros. O inicial estrañamento do que falabamos e as inquedanzas ideolóxicas fan que o noso protagonista se interese pola lectura de publicacións galegas das que tiña noticia, o que o leva a mercar nun quiosco da Gran Vía o número 1 da revista O tío Marcos da Portela, ó que seguirá unha longa, moi longa, serie de adquisicións. Vaise facendo con unha colección de publicacións periódicas, visita as librerías e pasa horas revisando os títulos, os estantes, interésanlle todo tipo de libros, primeiras edicións, exemplares dedicados, documentos vellos e tamén novos, folletos impresos, papeis manuscritos, albumes fotográficos, mapas e planos. Diversidade absoluta pero cun nexo común, Galicia, ben en canto a temática, autoría ou lugar de publicación. Nunha lenta, custosa e infatigable tarefa, sen dúbida gozada polo noso bibliófilo, conformou ó longo dos anos unha biblioteca especializada en temas galegos, considerada xunto coa da Real Academia Galega en A Coruña, a máis importante do mundo, quedando nos seus fondos representadas de maneira exhaustiva todas as ramas da cultura galega, en fin, nas verbas do propio Penzol "(...)un instrumento bibliográfico no que poder estudiar o noso pasado histórico, a evolución das nosas letras, os problemas da realidade e da vida de Galicia que foron atopando refrexo no libro, no folleto, no artigo".

Penzol temía que cando el non estivera, o tesouro recompilado, minuciosamente escollido, no que investira tanto tempo e diñeiro, desaparecese, vendido ou espallado, tal e como sucedera con moitas outras bibliotecas privadas, sendo sonado o caso da de Armando Cotarelo Valedor. Previsor, puxo en marcha os mecanismos para asegurarlle o futuro á biblioteca, facéndoa ó mesmo tempo proveitosa a todos nós, pois tal e como el mesmo declara era o seu desexo que "(...)todo ise material bibliográfico que fun axuntando, comence canto antes a ser útil á cultura galega. Axunteino pra Galicia e a Galicia llo entrego (...)". Así no 1956 fai entrega simbólica da biblioteca á editorial Galaxia, feito formalizado en 1963 coa creación da Fundación Penzol que se decide establecer en Vigo -actualmente con sede na Casa da Cultura Galega-, ante a carencia de institucións culturais deste tipo nunha das principais cidades de Galicia. Penzol presidiu o padroado que rexe a Fundación e continuou facendo doazóns ata a súa morte en Compostela no 1981 e hoxe son entidades públicas, editoriais e tamén particulares os que seguen a engrosar os fondos da biblioteca.

GALICIA NO FRANQUISMO SERODIO 1960 - 1975

Na década de 1960 o fenómeno máis sobresaínte foi a emigración a Europa, que se ben antes foi testemuñal, agora acada cifras moi elevadas. Esta é unha das causas polas que a poboación galega experimenta un descenso continuo. Si en 1960 Galicia tiña o 8,5% da poboación española, en 1970 xa descendera ó 7,6%.

Co fin da etapa autárquica, a economía de Galicia seguía sendo agrícola, mais agora cunha importancia sobresaínte a exportación, como consecuencia do proceso de urbanización español.O agro intégrase nos circuítos capitalistas do mercado, superándose así o policultivo de autoconsumo. Durante estes anos culmina o proceso de desaparición dos montes comunais, en relación co desenvolvemento da industria da madeira. O sector pesqueiro tamén se beneficia da conxuntura económica que nestes intres vive España e ante a posibilidade de faenar nos caladoiros africanos sen ningún tipo de atrancos. O despegue definitivo da industria eléctrica realízase agora, os ríos galegos, en especial o Sil e o Miño ofrecían condicións naturais inmellorables para a construcción de grandes encoros. Nestes anos tamén chegan a Galicia capitais estranxeiros, patrocinadores dunha industrialización moi contaminante, velaí os casos de Citroen Hispania ou Aluminios de Galicia. Toda esta mellora económica era ficticia, como puxo de manifesto a crise enerxética de 1973. As consecuencias da mesma observáronse na reducción de emigrantes, e na perda de postos de traballo en sectores básicos da industria.

Nos últimos anos do franquismo, Galicia ademais de exportar man de obra e materias primas, tamén se constituíu en exportadora de recursos financeiros para sufragar o desenvolvemento doutras áreas do Estado, o que supuxo unha das teimas que esgrimía a oposición democrática ante a réxime.

Franco e o clero


Foto: Proxecto Galicia Tomo VIII. Hércules de Ediciones S.A.

Fonte: www.culturagalega.org