Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

ENTREVISTA A XOSÉ NEIRA VILAS, HISTORIA VIVA DA EMIGRACIÓN

(Extraído de www.culturagalega.org)

Neira Vilas

A emigración é o fío en torno ó que este pontevedrés nado en 1928 vai entrelazando toda a súa obra. Ser galego e traballar por Galicia son os principios que Neira Vilas leva aplicando nunha longa vida que o levou por Arxentina, Cuba e Galicia, a onde regresou hai pouco para seguir traballando pola lingua e a cultura que mamou no berce. Da súa etapa de emigrante trouxo un pesado fardo composto por numerosos estudios, novelas, contos e poesías.


Pero sobre todo o que adquiriu no exilio foi unha profunda conciencia de Galicia que sae á luz en cada unha das súas verbas.

 

 

 

Por Carmen Fernández.

 

¿Cando e como se produce a súa identificación como galego?

Eu cheguei a Bos Aires a comezos da década dos 50, en 1949, nunha época na que se vivía unha "efervescencia" galega. Todo aquelo que non se facía en Galicia porque non se podía estábase a facer alí: editoriais, música, concursos literarios, actividades culturais. Ademais naqueles intres alí había persoeiros que facían posible estas actividades, como eran Luis Seoane, Lorenzo Varela, Suarez Picallo e moitos outros intelectuais exiliados que foron figuras na cultura galega, e que continuaban o traballo comezado por outros emigrantes galegos. Eu comezo a interesarme pola identidade galega e a "aprender Galicia" cando chego alí, polo contacto con estas persoas, porque cando eu saín de aquí fíxeno coma calquera outro emigrante, sen saber nada, cego, ignorante e alí é onde  tomo conciencia de Galicia.


¿E a partir dese momento cando toma a iniciativa de traballar pola difusión da cultura galega?

Unha vez asumido o idioma e a historia de Galicia é cando me comprometo a traballar por esa identidade. Este activismo galego comeza en 1953 coa fundación das Mocidades Galeguistas. O 15 de xullo de 1957, xunto á miña muller, Anisia Miranda, fundamos a editorial Follas Novas, un evento de grande relevancia xa que é a primeira vez que existía fora de Galicia unha distribuidora do libro galego. A importancia de Follas Novas radicaba en que, se ben existían editoriais, non existía unha canle que fixera posible que estas obras chegaran fóra de Galicia. O noso público foi unha multitude de galegos concienciados da súa identidade e moitos outros que se foron concienciado. Traballamos intensamente neste proxecto ata que marchamos a Cuba, no 61, momento no que deixamos o traballo a cargo dunha persoa que traballou con Seone e Blanco Amor, Elisa Fernández, e que, lamentablemente,morreu ó pouco tempo.

¿Qué papel xoga a lingua como factor identificador dun pobo?

A lingua era para os emigrantes, e segue sendo incluso para os galegos enGalicia, un elemento identificador noso. Castelao decía que se somos galegos é por obra e gracia do galego de maneira que nós defendimos o idioma en todo
momento. En Montevideo fixemos unha reunión da UNESCO para elaborar unha denuncia contra as prohibicións que en Galicia e no resto do Estado español  se facía do uso do galego, que non estaba nin no culto, nin no libro nin na
radio. Seguía estando nas casas pero iso debíase a que ninguén podía prohibilo alí. En Buenos Aires nós traballábamos pola cultura galega: había clases de xeografía galega, de arte en Galicia e, como non, de lingua e literatura galega, impartidos por xente como Rafael Dieste ou Ramón de Valenzuela. Foi precisamente alí onde a miña muller aprendeu o galego.


A figura de Castelao estivo moi presente na emigración, ¿qué representaba para os exiliados?


Castelao morreu en xaneiro de 1950 e non cheguei a coñecelo pero a súa impronta estivo presente ó longo de toda aquela década en todos nós. El foi o que nos deu o alento fundamental para seguir adiante. Alí publica Sempre en Galiza, moitos dos seus discursos, o texto do primeiro Estatuto deAutonomía, estrénase Os Vellos non deben de namorarse,... Pero a súa importancia radica sobre todo no maxisterio que levou a cabo nos seus anos de emigración, e que marcou non só a aqueles que o coñeceron de xeito persoal e directo senón que a súa influencia perviviu ó través daqueles ós que ensinou.


En 1961 publica Memorias dun neno labrego e, a partir del, xa non abandonará prácticamente o tema da emigración, ¿reflíctese na súa obra unha evolución na maneira de entender o efecto da emigración nun pobo?


Cando nós viaxamos a un colexio dunha aldea ou de calquera zona de Galicia e preguntamos na clase cantos nenos teñen algún familiar que emigrara, o 90% dos rapaces erguen a man. Memorias dun neno labrego reflicte esa situación, conta a historia dun neno que emigra dunha aldea a outra mentres o seu irmán sae cara ás Américas, unha situación que era común na Galicia daqueles anos. A emigración é un tema que está presente en moitas das miñas ficcións e  traballos e iso débese non só a que eu fora emigrante, que si que é un elemento autobiográfico que pesa moito, senón porque a emigración pesou moitísmo en Galicia. E aínda pesa; o 32% dos seus fillos están fóra, aínda
hoxe. A emigración era unha constante en Galicia e iso, como todo, ten os seus aspectos positivos e negativos. Á emigración debémoslle moitas boas cousas: viñeron creacións literarias, veu o Estatuto de Autonomía, escolas, realizacións culturais, pero non hai que esquecer que a emigración é unha desgracia para calquera país, que queda convertido nun país de vellos e nenos, nenos que medran soñando con emigrar. Desde o punto de vista estrictamente galego, a emigración foi traumática polo que supuxo de ruptura das familias, de inadaptación da xente das aldeas ás cidades e pola proletarización. Agora ben, de rebote, eses emigrantes aforraron e trouxeron escolas, cartos, leiras, casas e comezou un certo florecimento cultural e a apertura da aldea, que estaba pechada nun gheto.

Cando concebiu as historias de Historia de Emigrantes ou Remuíño de Sombras, seguía inmerso da emigración pero, ¿qué novos puntos de vista pretendía dar a coñecer localizando as novelas nas terras que acolleron ós emigrados?


Eu só quería revelar, revelar nada máis. Historia de Emigrantes é un libro de contos que ten como protagonistas a unha serie de emigrantes en Buenos Aires mentres que Remuiño de Sombras empeceino en Buenos Aires e remateino  en Cuba e nel pretendín reflectir a frustración da emigración. Trátase dunha novela moi experimental, chea de persoaxes múltiples que se van cruzando, intercambiando diálogos. Un vai escribindo segundo as experiencias que vive, segundo o lugar no que se atopa. Eu non quería amosar nada en concreto senón sinxelamente contar, revelar como vivía a xente, como actuaba a xente, que pensaba, cal eran os seus problemas, as súas morriñas.

 

Un dos aspectos chamativos da súa obra é a diversidade da súa forma: contos,relatos xornalísticos, poesía. ¿En función de que emprega unha ou outra técnica narrativa?


En Remuiño de Sombras emprego unha técnica distinta ó resto, novedosa.Trátase de construir o relato como se se tratara dun parqué, un entramado no que van encaixando as diferentes pezas. Pero eu o que principalmente busco é a sinxeleza, non podería definir dun xeito concreto o meu estilo. Eu utilizo a linguaxe que aprendín na miña infancia pero non pretendo innovar nada en canto á forma da construcción da novela ou do conto, aínda que o conto interésame moito máis que a novela. Cada un ten o estilo que ten e cada un conta o que quere contar, o que viviu.


Hai quen fala da "novela do mar" ou da "novela da emigración", ¿é partidario de considerar que existe este metaxénero dentro da literatura galega?


Ese tipo de clasificacións son propias dos críticos, dos catalogadores. Hai moitas obras en Galicia que tratan da emigración. Dunha ou doutra maneira, hai novelas e poesías da emigración, incluso Rosalía de Castro escribiu da emigración dentro do Estado español. Unhas tratan a emigración desde Galicia, outras desde as terras que acolleron as persoas que de aquí saíron.
Hai de todo pero non se pode falar dunha "Novela da Emigración". Eu teño moitas obras da emigración pero non creo que ningunha sexa a "Novela da Emigración", con maiúsculas. Tamén se fala da Gran Novela Galega pero non hai ningunha que sexa "a gran", non podemos estereotipar.

 

Cando fala da súa poesía, ¿cualificaríaa de social, solidaria, humana?


A min non me gusta clasificar á poesía, poñerlle etiquetas. Para min a poesía vai do íntimo ó social. A poesía social, ben mirado, é todo xa que atinxe ó ser humano no seu conxunto. Falar de poesía social é o mesmo que falar da "poesía de denuncia" ou mesmo da "canción protesta", é dicir, non existe dun xeito abstracto. Cada un canta a unha cousa, denuncia algo pero é porque a poesía forma parte íntegra da persoa, non é algo que faga sen sentilo antes. Incluso dentro de cada autor poden existir diversas inquietudes, cada poema é solidario con algo.

¿Para que diría que serve a literatura?


Desde o meu punto de vista a literatura serve para coñercernos mellor e para facernos máis transparentes uns cos outros. Pero tamén serve para intentar mellora-lo mundo aínda que non houbo ata o momento ningún libro que conseguise toma-lo poder dun país. Pero queda aí, coma un intento aínda que non debe nacer con intencións partidistas. Un libro é un libro: propón unhas cousas, mostra algo, incluso pode denunciar situacións e aí é onde queda reflectida a ideoloxía do autor.

 

Antes comentaba que a aldea estaba moi pechada, alonxado do resto. Mirando agora cara afora, ¿cómo ve a aldea en Galicia, como cambiou con respecto a  aldea que vostede coñeceu de cativo?


A aldea cambiou moito e cambiou para mal. Agora hai luz, auga, televisión, mellores carreteras pero, co paso do tempo, foise desfigurando, esvaecéndose e perdendo a súa identidade. Tradicionalmente había unha fronteira entre a
aldea e a cidade de tal xeito que o feito de que un campesiño chegara ata Santiago resultaba impensable, unha odisea. Hoxe a cultura é a do coche, en 20 minutos estase en Santiago. Iso fixo a aldea moito máis confortable pero a costa de que se despersonalizase e estes cambios trouxeron o estragamento do idioma. O galego está agora máis en perigo incluso que antes. O noso idioma que hoxe ten cátedra de galego, prensa, radio, televisión e libros está máis en perigo que hai 70 anos cando a aldea o preservaba. Agora os medios de comunicación estano estragando aínda que loitamos para que perviva e se conserve.
Hai pouco tempo a miña muller e mais eu estivos en Suiza, que foi foco de grande cantidade de emigrados. Alí segue a existir unha comunidade galega, hai un pequeno grupo de xente que mantén o galego pero eu creo que se manteñen no uso do idioma porque o resto falan alemán ou francés. Esta situación non se da en América, onde está o castelán. Cando eu cheguei a Buenos Aires como emigrante existía unha deliberada intención de cultiva e pontencia-lo galego entre aqueles que estabamos concienciados, incluso escoitabas o galego polas rúas. Hoxe aínda perviven unha serie de sociedades creadas por fillos de emigrantes, como Xeito Novo, pero son poucas e espalladas. É certo que hai cátedras de galego na Habana, en Buenos Aires, en Nova Iork ou en Montevideo ,estas comunidades non pasan de ser unha extensión de Galicia, gracias ós apoios das institucións de Galicia. Deste xeito, a continuidade do traballo emprendido na década dos 50 está nas mans dun grupo reducido de intelectuais, na universidade.