Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Rosalía de Castro - Escolma poética - Follas Novas


  Rosalía de Castro"Follas Novas", 1880

Rosalía  de Castro  

 

I. Vaguedás

II. ¡Do íntimo!

III. Varia

IV. Da terra

V. As viudas dos vivos e as viudas dos mortos

- I -
Vaguedás

- I -
Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller,
pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de que a terei?

- II -

Ben sei que non hai nada
novo en baixo do ceo,
que antes outros pensaron
as cousas que ora eu penso.

E ben, ¿para que escribo?
E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo.

- III -

Tal como as nubes
que impele o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espazos inmensos do ceo,
así as ideas
loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas,
de estranas feituras, de cores incertos,
agora asombran,
agora acraran
o fondo sin fondo do meu pensamento.

- IV -

Diredes destos versos, i é verdade,
que tén estrana insólita harmonía,
que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por instantes,
que desaparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Eu direivos tan só que os meus cantares
así sán en confuso da alma miña
como sai das profundas carballeiras
ó comenzar do día,
romor que non se sabe
se é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
se agrestes, misteirosas harmonías
que neste mundo triste
o camino do ceu buscan perdidas.

- V -

¡Follas novas!, risa dáme
ese nome que levás,
cal se a unha moura ben moura
branca lle oise chamar.

Non Follas novas, ramallo
de toxos e silvas sós,
hirtas, coma as miñas penas,
feras, coma a miña dor.

Sin olido nin frescura,
bravas magoás e ferís...
¡Se na gándara brotades,
como non serés así!

- VI -

¿Que pasa ó redor de min?
¿Que me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora
que vén, e que nunca se sabe onde vén.

- VII -

Algúns din: ¡miña terra!
din outros: ¡meu cariño!
I este: ¡miñas lembranzas!
I aquel: ¡os meus amigos!
Todos sospiran, todos,
por algún ben perdido.
Eu só non digo nada,
eu só nunca sospiro,
que o meu corpo de terra
i o meu cansado esprito,
a donde quer que eu vaia,
van conmigo.

- VIII -

Alá, pola alta noite,
á luz da triste e moribunda lámpara,
ou antre a negra oscuridad medosa,
o vello ve pantasmas.

Uns son árbores muchos e sin follas,
outros, fontes sin auguas,
montes que a neve eternamente crube,
ermos que nunca acaban.

I ó amañecer do día,
cando ca última estrela aqueles marchan,
outros veñen máis tristes e sañudos,
pois a verdade amarga
escrita trán nos apagados ollos
e nas asienes calvas.

Non digás nunca, os mozos, que perdeches
a risoña esperanza,
do que a vivir comeza sempre é amiga:
¡só enemiga mortal de quen acaba!...


- X -

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que en día e noite sin cesar choraba
cal chorou Madanela na pasión.
«Señor, que todo o podedes,
-pedinlle unha vez a Dios-
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición».
E doumo Dios e arrinqueino,
mais... ¿quen pensara...? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen que era delor;
soupen só que non sei que me faltaba
en donde o cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quen o entenderá, Señor...!

- XI -

Cando un é moi dichoso, moi dichoso,
¡incomprensibre arcano!,
casi que -n'e mentira anque a pareza-
lle a un pesa do ser tanto.

¡Que no fondo ben fondo das entrañas
hai un deserto páramo
que non se enche con risas nin contentos,
senón con froitos do delor amargos!

Pero cando un tén penas
i é en verdá desdichado,
oco n'atopa no ferido peito,
porque a dor ¡enche tanto!

Tan abonda é a desgracia nos seus dones
que os verte, ¡Dios llo pague!, ós regazados.
Hastra que o que os recibe,
¡ai!, reventa de farto.

- XII -

Hoxe ou mañán, ¿quen pode decir cando?
Pero quisais moi logo,
viranme a despertar, i en vez dun vivo,
atoparán un morto.

Ó rededor de min levantaranse
xemidos dolorosos,
aies de angustia, choros dos meus fillos,
dos meus filliños orfos.

I eu sin calor, sin movemento, fría,
muda, insensibre a todo
así estarei cal me deixare a morte
ó helarme co seu sopro.

E para sempre iadios, canto eu quería!
¡Que terrible abandono!
Antre cantos sarcasmos
hai, ha de haber e houbo,
non vin ningún que abata máis os vivos
que o da humilde quietú dun corpo morto.


- XVI -

Cando era tempo de inverno
pensaba en donde estarías,
cando era tempo de sol
pensaba en donde andarías.
¡Agora... tan soio penso,
meu ben, si me olvidarías!

- XVII -

Mais vé que o meu corazón
é unha rosa de cen follas,
i é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.

Quitas unha, quitas dúas,
penas me quedan de sobra;
hoxe dez, mañán corenta,
desfolla que te desfolla...

¡O corazón me arrincaras
desque as arrincares todas!

- XVIII -

Co seu xordo e costante mormorio
atraime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrai das serenas o cantar.
-Neste meu leito misterioso e frío,
dime, ven brandamente a descansar.

El namorado está de min... o deño,
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que, se el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortais de apousar nel.

- XIX -

Ando buscando meles e frescura
para os meus labios secos,
i eu non sei como atopo nin por onde,
queimores e amarguexos.

Ando buscando almibres que almibaren
estos meus agres versos,
i eu non sei como, nin por onde, sempre
se lles atopa un fero.

I o ceo e Dios ben saben
non teño a culpa deso;
¡ai!, sin querelo, tena
o lastimado corazón enfermo.

 


Escolma Poética

 

volver a:  rosalía de castro