Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Rosalía de Castro - Escolma poética - Cantares Gallegos


Rosalía de CastroRosalía de Castro

   

A Fernán Caballero

Señora:

Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro. Sirva él para demostrar a la autora de La Gaviota y de Clemencia el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, delas vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país.

Santiago, 17 de mayo de 1863.

Rosalía de Castro de Murguía

Ler prólogo da autora

- I -

«Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar,
que che hei de dar moitos.

I
«Has de cantar,
meniña gaiteira,
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
dareiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che darei;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces,
¡que ricas que saben!

¡Que feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fóra,
festiña por dentro.

Canta si queres,
rapaza do demo;
canta si queres,
dareiche un mantelo.

Canta si queres,
na lengua que eu falo;
dareiche un mantelo,
dareiche un refaixo.

Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.

Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.»

II
Así mo pediron
na veira do mar,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.

Así mo pediron
na beira do río
que corre antre as herbas
do campo frorido.

Cantaban os grilos,
os galos cantaban,
o vento antre as follas
runxindo pasaba.

Campaban os prados,
manaban as fontes
antre herbas e viñas,
figueiras e robres.

Tocaban as gaitas.
Ó son das pandeiras,
bailaban os mozos
cas mozas modestas.

¡Que cofias tan brancas!
¡Que panos con freco!
¡Que dengues de grana!
¡Que sintas! ¡Que adresos!

¡Que ricos mandiles!
¡Que verdes refaixos!
¡Que feitos xustillos
de cor colorado!

Tan vivos colores
a vista trubaban;
de velos tan váreos
o sol se folgaba.

De velos bulindo
por montes e veigas,
coidou que eran rosas
garridas e frescas.

III
Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.

Lugar máis hermoso
no mundo n'hachara
que aquel de Galicia,
¡Galicia encantada!

Galicia frorida,
cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas,

de espumas que o mare
con perlas gomita,
de froles que nacen
ó pé das fontiñas.

De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos;

que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.

IV
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.

Cal ela, ningunha
tan doce que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

misterios da tarde,
murmuxos da noite:
Cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

Que así mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá que comenzo.

Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pé das ondiñas
que veñen e van.

Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

de amabre consolo,
de soave contento,
cal fartan de dichas
compridos deseios.

De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.

Quen queira me chame,
quen queira me obriga:
Cantar, cantareille
de noite e de día,

por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.

Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños,
buscaime antre os robres,
buscaime antre os millos,

nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.

A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir,

nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!

- 2 -

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabou para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De que, pois, te queixas, Mauro?
¿De que, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei que quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir,
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir

- 6 -

Nosa Señora da Barca
ten o tellado de pedra;
ben o pudera ter de ouro,
miña Virxe, si quixera.
I
¡Canta xente..., canta xente
por campiñas e por veigas!
¡Canta polo mar abaixo
ven camiño da ribeira!
¡Que lanchas tan ben portadas
con aparellos de festa!
¡Que botes tan feituquiños
con tan feituquiñas velas!
Todos cargadiños veñen
de xentiña forasteira,
e de rapazas bonitas
cura de tódalas penas.
¡Cantos dengues encarnados!
¡Cantas sintas amarelas!
¡Cantas cofias pranchadiñas
dende lonxe relumbrean,
cal si fosen neve pura,
cal froles da primaveira!
¡Canta maxesa nos homes!
¡Canta brancura nas nenas!
I eles semellan gallardos
pinos que os montes ourean,
i elas cogolliños novos
co orballo da mañán fresca.

As de Muros, tan finiñas,
que un coidara que se creban,
c'aquelas caras de virxe,
c'aqueles ollos de almendra,
c'aqueles cabelos longos
xuntados en longas trenzas,
c'aqueles cores rousados
cal si a aurora llos puñera,
pois así son de soaves
como a aurora que comenza;
descendentes das airosas
fillas da pagana Grecia,
elas de negro se visten,
delgadiñas e lixeiras,
refaixo e mantelo negro,
zapato e media de seda,
negra chaqueta de raso,
mantilla da mesma peza,
con terciopelo adornado,
canto enriba de si levan;
fillas de reinas parecen,
griegas estatuas semellan
si a un raio de sol poniente
repousadas se contempran;
ricos panos de Manila,
brancos e cor de sireixa,
crúzanse sobre o seu seio
con pudorosa modestia,
e por antre eles relosen,
como brillantes estrelas,
aderesos e collares
de diamantes e de pelras,
pendentes de filigrana
e pecluiguiñas de cera.

As de Camariñas visten
cal rapaciñas gaiteiras,
saias de vivos colores
polo pescozo da perna,
lucindo o negro zapato
enriba de branca media;
chambras feitas de mil raias
azuladas e vermellas,
con guarniciós que lles caen
sobre a rumbosa cadeira.
Para tocar o pandeiro
non hai coma tales nenas,
que son as camariñanas,
feitas de sal e canela.

As de Cé, ¡Virxe do Carme!,
¡que cariñas tan ben feitas!
Cando están coloradiñas
no ruxe-ruxe da festa,
cada mirar dos seus ollos
fire como cen saetas.
Nin hai mans tan ben cortadas,
tan branquiñas e pequenas
como as que amostran finxindo
que non queren que llas vexan.

Son as de Laxe unhas mozas...
¡Vaia unhas mozas aquelas!
Solo con velas de lonxe
quítaselles a monteira,
porque son vivas de xenio
anque son rapazas netas.
Bailadoras... n'hai ningunhas
que con elas se entrometan,
pois por bailar, bailarían
no cribo dunha peneira;
mais, en tocando a que recen,
en rezar son as pirmeiras...
Dan ó mundo o que é do mundo,
dan á igrexa o que é da igrexa.

As de Noia ben se axuntan
cas graciosas rianxeiras,
polos redondos peíños,
polas cabeleiras crechas,
polos morenos lunares
e polas agudas lenguas,
que abofé que en todo pican
como si fosen pementa.

Veñen dempois, recatadas,
anque un pouquiño soberbias
por aquelo que elas saben
de antigüedade e nobresa
(pois por acó todos somos
tal coma Dios nos fixera),
as meniñas ben compostas
dunha vila quisquilleira,
que, por onde van, parece
que van dicindo «¡Canela!
¿Prantamos ou non prantamos
a cantas hai nesta terra?»
Mais si prantan ou non prantan
non son en quen o dixera,
que fora pouca cordura,
que fora farta llanesa.
Baste desir que xuntiñas
todas na porta da igrexa
máis bonitas parecían
que un ramiño de asucenas,
máis frescas que unha leituga,
máis sabrosiñas que fresas.
Xa que fosen de Rianxo,
que fosen de Redondela,
de Camariñas ou Laxe,
de Laxe ou de Pontareas,
todas eran tan bonitas,
todas tan bonitas eran,
que o de máis duras entrañas
dera as entrañas por elas...
Por eso se derretían,
cal si foran de manteiga,
diante delas os rapaces,
os rapaciños da festa,
os mariñeiros do mare
que donde á Virxe viñeran,
porque a Virxen os salvara
de naufragar na tormenta.
Mais si salvaron no mare,
non se salvarán na terra:
mariñeiros, mariñeiros,
que aquí tamén hai tormentas
que afogan corasonciños
sin que lle vallan ofertas,
que oie a Virxe ós que se afogan
do mar antre as ondas feras,
mais non oie ós namorados
que de afogarse se alegran.

II
Ramo de froles parece
Muxía a das altas penas
con tanta rosa espallada
naquela branca ribeira,
con tanto caraveliño
que relose antre as areas,
con tanta xente que corre,
que corre e se sarandea
ó son das gaitas que tocan
e das bombas que reventan,
uns que venden limoada,
outros augua que refresca,
aqueles dulce resolio
con rosquilliñas de almendra;
os de máis alá sandías
con sabrosas sirigüelas,
mentras tanto que algún cego
ó son de alegre pandeira,
toca un carto de guitarra
para que bailen as nenas.
¡Bendita a Virxe da Barca,
bendita por sempre sea!
¡Miña Virxe milagrosa,
en quen tantos se recrean!
Todos van por visitala,
todos alí van por vela
na súa barca dourada,
na súa barca pequena,
donde están dous anxeliños,
dous anxeliños que reman.
Alí chegou milagrosa
nunha embarcazón de pedra.
Alí, porque Dios o quixo,
sempre adoradores teña.
A pedra, bala que bala,
sírvelle de centinela,
e mentras dormen os homes,
ela adorazón lle presta
con aquel son campanudo
que escoitar lonxe se deixa
e a quen o mar con bramidos
humildosos lle contesta.
Cando as campanas repican
e a música retumbea,
cal nun ceo, polas naves
da recollidiña igrexa;
cando os foguetes estalan
nos aires, e voces frescas
polo espazo cas gaitiñas
e cos tambores se mescran,
estonces a pedra bala,
tan alegre e tan contenta
que anque un cento de presoas
brinca e salta enriba dela,
coma si fóse mociña,
máis que unha pruma lixeira,
alegre como unhas pascuas
salta e rebrinca con elas.
Choven estonces presentes,
choven estonces ofertas,
que lle traen os romeiros
en feitiñas carabelas,
diante da Virxe bendita,
ós pés da sagrada Reina,
e por eso alí lle cantan
cando se despiden dela:
«Nosa Señora da Barca
ten o tellado de pedra;
ben o pudera ter de ouro,
miña Virxe, si quixera».

- 7 -

Fun un domingo,
fun pola tarde,
co sol que baixa
tras dos pinares,
cas nubes brancas
sombra dos ánxeles,
cas palomiñas
que as alas baten,
con un batido
manso e suave,
atravesando
vagos celaxes,
mundos extraños
que en raios parten
ricos tesouros
de ouro e diamante.
Pasín os montes,
montes e valles,
pasín llanuras
e soledades;
pasín os regos,
pasín os mares,
con pés enxoitos
e sin cansarme.

Colleume a noite,
noite brillante,
cunha luniña
feitas de xaspes,
e fun con ela
camiño adiante,
cas estreliñas
para guiarme,
que aquel camiño
solo elas saben.

Dempois a aurora
co seu sembrante
feito de rosas
veu a alumbrarme,
e vin estonces,
antre o ramaxe
de olmos e pinos,
acobexarse
branca casiña
con palomare,
donde as pombiñas
entran e saien.
Nela se escoitan
doces cantares,
nela garulan
mozos galantes
cas rapaciñas
de outros lugares.
Todo é contento,
todo é folgare,
mentras a pedra
bate que bate,
mole que mole,
dálle que dálle,
con lindo gusto
faille compases.

Non hai sitiño
que máis me agrade
que aquel muíño
dos castañares,
donde hai meniñas,
donde hai rapaces,
que ricamente
saben loitare;
donde rechinan
hasta cansarse
mozos e vellos,
nenos e grandes,
e anque non queren
que aló me baixe,
sin que o soupera
na casa naide,
fun ó muíño
do meu compadre;
fun polo vento,
vin polo aire.


- 10 -

«Quíxente tanto, meniña,
tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón».
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!...
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.

- 11 -

Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

I
Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.

Dóiome de dor ferida,
que antes tiña vida enteira,
i hoxe teño media vida.

Solo media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

Non me roubaran, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
de pena me consumiron.

II
Aló pola mañanciña
subo enriba dos outeiros,
lixeiriña, lixeiriña.

Como unha craba lixeira,
para oír das campaniñas
a batalada pirmeira.

A pirmeira da alborada
que me traen os airiños
por me ver máis consolada.

Por me ver menos chorosa,
nas súas alas ma traen
rebuldeira e queixumbrosa.

Queixumbrosa e retembrando
por antre a verde espesura,
por antre o verde arborado.


E pola verde pradeira,
por riba da veiga llana,
rebuldeira e rebuldeira.

III
Paseniño, paseniño,
vou pola tarde calada,
de Bastabales camiño.

Camiño do meu contento;
i en tanto o sol non se esconde,
nunha pedriña me sento.

E sentada estou mirando
como a lúa vai saíndo,
como o sol se vai deitando.

Cal se deita, cal se esconde,
mentras tanto corre a lúa
sin saberse para donde.

Para donde vai tan soia,
sin que aos tristes que a miramos
nin nos fale, nin nos oia.

Que si oíra e nos falara,
moitas cousas lle dixera,
moitas cousas lle contara.

IV
Cada estrela, o seu diamante;
cada nube, branca pruma;
triste a lúa marcha diante.

Diante marcha crarexando
veigas, prados, montes, ríos,
donde o día vai faltando.

Falta o día, e noite escura
baixa, baixa pouco a pouco,
por montañas de verdura.

De verdura e de follaxe,
salpicada de fontiñas
baixo a sombra do ramaxe.

Do ramaxe donde cantan
paxariños piadores
que ca aurora se levantan.

Que ca noite se adormecen
para que canten os grilos
que cas sombras aparecen.

V
Corre o vento, o río pasa;
corren nubes, nubes corren
camiño da miña casa.

Miña casa, meu abrigo:
vanse todos, eu me quedo
sin compaña, nin amigo.

Eu me quedo contemprando
as laradas das casiñas
por quen vivo suspirando.

Ven a noite..., morre o día,
as campanas tocan lonxe
o tocar da Ave María.

Elas tocan pra que rece;
eu non rezo, que os saloucos,
afogándome parece
que por min tén que rezar.
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.
- 17 -

Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, levaime a ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta,
que adonde queira que vaia,
cróbeme unha sombra espesa.
Cróbeme unha espesa nube,
tal preñada de tormentas,
tal de soidás preñada,
que a miña vida envenena.
Levaime, levaime, airiños,
como unha folliña seca,
que seca tamén me puxo
a callentura que queima.
¡Ai!, si non me levás pronto,
airiños da miña terra;
si non me levás, airiños,
quisais xa non me conesan,
que a frebe que de min come,
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamén traidora se ceiba.

Fun noutro tempo encarnada
como a color de sireixa,
son hoxe descolorida
como os cirios das igrexas,
cal si unha meiga chuchona
a mina sangre bebera.
Voume quedando muchiña
como unha rosa que inverna,
voume sin forzas quedando,
voume quedando morena,
cal unha mouriña moura,
filla de moura ralea.

Levaime, levaime, airiños,
levaime a donde me esperan
unha nai que por min chora,
un pai que sin min n'alenta,
un irmán por quen daría
a sangre das miñas venas,
e un amoriño a quen alma
e vida lle prometera.
Si pronto non me levades,
¡ai!, morrerei de tristeza,
soia nunha terra estraña,
donde estraña me alomean,
donde todo canto miro
tomo me dice: «¡Extranxeira!»

¡Ai, miña probe casiña!
¡Ai, miña vaca vermella!
Años que balás nos montes,
pombas que arrulás nas eiras,
mozos que atruxás bailando,
redobre das castañetas,
xas-co-rras-chás das cunchiñas,
xurre-xurre das pandeiras,
tambor do tamborileiro,
gaitiña, gaita gallega,
xa non me alegras dicindo:
«¡Muiñeira, muiñeira!»
¡Ai, quen fora paxariño
de leves alas lixeiras!
¡Ai, con que prisa voara,
toliña de tan contenta,
para cantar a alborada
nos campos da miña terra!
Agora mesmo partira,
partira como unha frecha,
sin medo ás sombras da noite,
sin medo da noite negra;
e que chovera ou ventara,
e que ventara ou chovera,
voaría e voaría
hastra que alcansase a vela.
Pero non son paxariño
e irei morrendo de pena,
xa en lágrimas convertida,
xa en sospiriños desfeita.

Doces galleguiños aires,
quitadoiriños de penas,
encantadores das auguas,
amantes das arboredas,
música das verdes canas
do millo das nosas veigas,
alegres compañeiriños,
run-run de tódalas festas,
levaime nas vosas alas
como unha folliña seca.
Non permitás que aquí morra,
airiños da miña terra,
que aínda penso que de morta
hei de sospirar por ela.
Aínda penso, airiños aires,
que dimpois que morta sea,
e aló polo camposanto,
donde enterrada me teñan,
pasés na calada noite
runxindo antre a folla seca,
ou murmuxando medrosos
antre as brancas calaveras;
inda dimpois de mortiña,
airiños da miña terra,
heivos de berrar: «¡Airiños,-
airiños, levaime a ela!»

 

 20 -

«Ora, meu meniño, ora,
¿quen vos ha de dar a teta,
si túa nai vai no muíño,
e teu pai na leña seca?
Eu cha dera, miña xoia,
con mil amores cha dera,
hastra rebotar, meu santo,
hastra que máis non quixeras,
hastra verte dormidiño
con esa boca tan feita,
sorrindo todo fartiño,
cal ubre de vaca cheia.
Mais ¡ai, que noite che agarda!
Mais ¡ai, que noite che espera!
Que anque dúas fontes teño,
estas fontiñas non deitan.
Ora, meu meniño, ora,
¡canto chorarás por ela!
Sin ter con que te acalente,
sin ter con que te adormeza,
que soio, soio quedaches
como unha ovelliña enferma,
tremando, malpocadiño,
como as ovelliñas treman.
Sin cobirtor que te cruba
nunhas palliñas te deitan
e neve e chuvia en ti caen
por antre as fendidas tellas.
E silba o vento que pasa
polas mal xuntadas pedras,
e cal coitelo afilado
no teu corpiño se ceiba.
¡Ai, cando veña túa nai!
¡Ai, cando che a túa nai veña!
¡Cal te topará, meniño,
frío como a neve mesma,
para chorar sin alento,
rosiña que os ventos creban!...
¡Ai, más valera, meniño,
que quen te dou non te dera!
Que os fillos dos probes nacen,
nacen para tales penas.»

Así se espricaba Rosa
no medio da noite negra,
ó pé dunha negra porta,
toda de lañas cuberta.
Mentras tanto murmuxaban
por antre a robreda espesa
do río as revoltas ágoas
e os berridos da tormenta.
Todo era sombras no ceo,
todo era loito na terra,
e parece que a Compaña
bailaba antre as arboredas
cas chuchonas enemigas,
e cas estricadas meigas.

En tanto un choro soave
sentir no espazo se deixa,
tal como gaita tocada
nunha alborada serena;
tal como lexana frauta
cando o sol no mar se deita,
cuio son nos trai o vento
cos cheiriños da ribeira.

No meio da chouza escura
que triste Rosa contempra,
unha luz branca se mira
como aurora que comenza.
Olido de frescas rosas
os aires da noite incensan,
cal si todas se xuntaran
as froles da primadera.
Soan cantares estraños,
soan músicas que alegran:
músicas son e cantares
nunca sentidos na terra.
Por eso, pasmada, Rosa
pouquiño a pouco se achega
e por unha regandixa
postrada no chan axexa.

Nunca humanos ollos viron
o que veu estonces ela,
que si non morreu estonces
foi porque Dios n'o quixera.
De resplandecente groria
raios de amor se refrexan
do abandonado meniño,
sobre a dourada cabeza;
e porque esté máis contento,
e porque mais se entretena,
cabe os seus peíños crecen
frescos ramos de azucenas.
Xa non dorme en probe cuna,
que outro berce lle fixeran
cas alas os anxeliños
e co seu lume as estrellas.
Nubes de color de rosa
fanlle branda cabeceira,
sírvelle de cubertura
un raio de luna cheia,
i a Virxen santa, vestida

con vestido de inocencia,
porque de lame non morra
e fartiño se adormeza,
dálle maná do seu peito
con que os seus labios refresca.

Mentras o mundo esistise,
Rosa mirando estivera,
con tanta groria encantada,
con tanta dicha suspensa;
mais unha voz lonxe se oie
por antre os olmos da veiga
que, cantando amorosiña,
se esprica desta maneira:
-Ora, meu meniño, ora,
logo che darei a teta,
ora, meu meniño, ora,
xa non chorarás por ela.

Esto cantaron. En tanto
coa Virxe despareceran
os anxeliños, deixando
en derredor noite espesa.
Xa se sinten as pasadas
por xurito da corredeira;
xa saltaron o portelo,
xa cerraron a cancela...
A probe nai corre, corre,
que o seu filliño lle espera;
mais, cando chega, dormido
o seu filliño contempra.
Dille estonces, mentras tanto,
que en bicalo se recrea:

-Miña xoia, miña xoia,
miña prenda, miña prenda,
¿que fora de ti, meu santo,
si naiciña non tiveras?
¿Quen, meu fillo, te limpara,
quen a mantenza che dera?

-O que mantén ás formigas
e ós paxariños sustenta.

Dixo Rosa, i escondeuse
por antre a nebrina espesa.

- 21 -

Non che digo nada...
¡Pero vaia!
I
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

Meniña ben vestida,
meniña ben calzada,
que ten roupa de cote,
que ten roupa de garda;
meniña que ben folga,
meniña que anda maja,
i é probe, malpecado,
como unha triste araña.
Non che digo nada...
¡Pero vaia!

Véxote aló antre os millos,
véxote aló nas brañas,
xa no pinar espeso,
xa na beiriña mansa
do río que correndo
vai antre as verdes canas,
e xuras que estás soia,
que naide te acompaña...
Non che digo nada...
¡Pero vaia!

Casada casadiña,
que gustas ser falada,
que bailas cas solteiras
nas festas e ruadas,
que tes na boca a risa
e que cos ollos falas,
e que ao falar con eles
parece que che saltan,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Cando mirar te miro
tan limpa e tan peinada,
loitar cos rapaciños
hastra que en ti se fartan,
e ves dimpois xurando
que eres muller sin chata,
e dis que as máis non teñen
contigo comparanza,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

E ti, roxa roxiña,
modesta e recatada,
que falas tan mainiño,
que tan mainiño andas,
que ós pés dos homes miras
para non verlle a cara,
e fas que non entendes
cando de amor che falan,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Vas pola mañanciña
a misa cas beatas;
dempois... (por que, ti o sabes)
de xunta delas largas;
e si na corredoira
xunto da verde parra,
non sei con que xentiña,
páraste ou non te paras,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

E ti, rapás garrido,
de tan melosas falas,
tan majo de monteira,
tan rico de polainas,
tan fino de calzado
como de mans fidalgas,
cando me dis que gustas
de traballar na braña,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Ti falarás de amores
cousiñas ben faladas;
ti loitarás cas nenas
como ningún loitara;
ti beberás do mosto
hastra quedar sin fala,
pero cos teus sudores
mollar a terra ingrata...
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Mais tantas cousas vexo
que me parecen trampa;
tanto sol entre nubes
e tan revoltas auguas
que asemellarse intentan
a unha fontiña crara,
que por non perder tempo
donde non quito racha,
non che digo nada...
¡Pero vaia!II
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

E que algo deprendera,
triste de min, coidaba;
e que a esperencia neta
ninguén me iba en puxanza
por ter na frente enrugas
e ter caniñas brancas,
cando hai hoxe uns mociños
mesmo dende que maman,
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

Xa non che val, Farruco,
que vivas en compaña
dos anos pensadores
nin da esperencia calva,
nin que ollo alerta vivas
como a cordura manda;
que donde menos penses
tamaña lebre salta
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

Xa sendo noite oscura
dinche que é noite crara;
xa estando o mar sereno
che din que fai borrasca,
e tanto te confunden
e tanto te acobardan,
que anque falar quixeras
tal coma Dios che manda,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Si eres francés, meu vello,
si eres da lonxe Australia,
si aló do sol baixaches
ou das estrelas pálidas,
con seria gravedade
quisais che perguntaran,
e ti, pasmado todo,
calado mormuraras:
Non che digo nada...
¡Pero vaia!

Por eso, meu velliño,
si de estudiar non tratas
a cencia destos tempos,
que é como el augua crara,
anque ca parromeira
tamén ten comparanza,
que nesto a cencia estriba,
i en ter distintas caras,
non che digo nada...
¡Pero vaia!

Sin entender un ele,
verás que ben se amañan
honrados e sin honra,
rameiras e beatas;
verás como se axuntan,
verás como se tratan,
mentras que ti marmuras
ca lengua dunha coarta.
Non che digo nada...
¡Pero vaia!

Verás cor de sireixa
quen foi cor de esmeralda,
i aqueles tan azues
que sangre azul manaban,
manar sangre vermella
pola moderna usanza;
i esto con tal chistura
e con fachenda tanta
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

Verás que revolturas,
que ricas contradanzas,
que gaitas con salterio,
que pífanos con arpas,
que dengues encarnados
con mantilliñas brancas,
chapurra que chapurra
en confusión tan várea,
que non che digo nada...
¡Pero vaia!

Ti pensarás que aquesto
é todo unha antroidada,
que aquí un levita sobra
i unha chaqueta falta;
que alí se comen lebres
en vez de calabazas,
e tocan frautas donde
deben tocar campanas...
Mais non che digo nada...
¡Pero vaia!

Deprende, meu velliño,
a cencia ben amada,
que saibamente insina
tan rica misturanza,
si queres ser sabido
en cousas tan estrañas,
pois antre tantas novas
as costumiñas rancias...
Non che digo nada...
¡Pero vaia!

 


Continuación

Escolma

Poética

 

volver a:  rosalía de castro