Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A ERMIDA E FESTAS DE SAN CIBRÁN DE GULÁNS

(Guláns, Ponteareas, último domingo de maio)

Roteiros do Condado

 

A ermida de San Cibrán está situada na parroquia de San Xulián de Guláns, do antigo arciprestado de Ribadetea, no alto do monte do seu mesmo nome, con  430 metros de altitude. Accédese a esta ermida seguindo distintos roteiros: dende o alto d’O Confurco, desviándose á dereita da autovía das Rías Baixas, no sentido Vigo-Madrid,  e atravesando o barrio de Couso, deixando a medio camiño a chamada “Pena de Beethoven” e os restos do Castelo de Mirabel, na confluencia coas parroquias de Cans e Atios.

Tamén, dende a igrexa parroquial de Guláns, subindo por unha estreita pero debidamente acondicionada estrada, en parte, o antigo camiño do barrio de Couso, que percorre o transporte escolar até o Colexio “Feliciano Barrera”.

Pásase polos lugares de Santa Baia (ou Olaia) coa súa capela, Penadouro cos restos do pazo, Barronda, onde estiveron os cortellos do rabaño de preto de cincocentas cabras antes da incivil guerra de 1936, e o impresionante penedo da Sobra, rachado polas forzas da natureza e “desafiante” sobre o barrio do Pereiro, que paga a pena coñecer e contemplar.

Empalman ambos os dous itinerarios en San Martiño, onde houbo outra capela.

A partir de aquí, xa por unha pista tortuosa, hoxe afortunadamente asfaltada, seguimos até o alto do monte de San Cibrán. Xunto á citada ermida ou capela, forman o conxunto outro impresionante penedo, o de San Cibrán, que os máis atrevidos escalan, especialmente no día  da festa, e, na parte máis alta, un cruceiro de considerábeis dimensións, a “Cruz fin de siglo”, levantada no paso do século XIX ao XX, dende a que é posíbel divisar, nos días claros, a antiga ponte internacional sobre o pai Miño, en Tui, nunha panorámica máis alá de Salceda de Caselas e as súas parroquias até a desembocadura do Miño, na Guarda.

 

Ermida de San Cibrán, Guláns, Ponteareas

 

 

 

FOTO: CAPELA DE SAN CIBRÁN

 

Pero, dende Guláns, o camiño máis tradicional, o máis enxebre e entrañábel, é o denominado “camiño do santo”, con banda de música ou gaiteiro incluído, saíndo da eirexa de Guláns pola mañá coa procesión, polo Arrabal, A Suaviña, O Lameiro e O Outeiro, onde hai unha mesa de descanso. Ascéndese dende a Chan do Outeiro, pola Devesiña, A Cadela e Chan de millo, até enlazar co itinerario que vén de San Martiño, que os mordomos anuncian puntualmente en cada lugar con bombas “de palenque”, unha especie de cronómetro para a romaría. O mesmo á volta, ao solpor, até o Outeiro, onde eran tradicionalmente esperados polos que non tiveran a fortuna de subir (maiores, enfermos, xente de loito...).

O visitante pode acceder igualmente por outras rutas de moitísimo interese, dende Cristiñade, Moreira, A Picoña ou Salceda, por citar algunhas das parroquias que honran coa súa asistencia. Dende A Picoña, que vive tamén intensamente estas festas e rivaliza con Guláns en fraternal celebración, a procesión tradicionalmente fai parada nun lugar denominado “A Mexadoura”, e, máis arriba, na Ventosa, o saúdo na ida e volta, respectivamente, á Franqueira e San Xulián, seus irmáns, como San Nemedio e San Cosme, segundo recollemos de Manoel Prego no Programa de Festas do barrio do Casal, en 1979, hai xusto agora trinta anos. 

Próximo ao monte de San Cibrán encontramos outro monte, o chamado “Cividá”, no linde entre Guláns e Cristiñade, no que hai así mesmo referencias “del hallazgo de restos de cerámica, molinos circulares y otros restos”, e onde se di que alí “viviron os mouros”, segundo o Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño. E aínda poderiamos recordar a proximidade do Monte Faro, en Budiño.

A ermida de San Cibrán destaca polas súas agradecidas dimensións, que, ademais de invitar ao recollemento, facilita a acollida nos días de clima extremo, choiva ou sol intenso. Na tradición, subíase a San Cibrán en tres momentos: en tempo de rogativas, o 16 de setembro e o derradeiro domingo de maio.

San Cibrán é, sen lugar a dúbida, un castro alto, con restos de valados no mesmo cumio e gran cantidade de pedras doutros que se desfixeron. Recolleuse cerámica, especialmente “tegulas”, tanto na cima como na aba. Arriba, nunhas penas próximas a onde se realizan as cerimonias con cruces e santos das parroquias máis próximas, existe un sinxelo petroglifo consistente en círculos concéntricos.

A San Cibrán, que fora meigo antes de se cristianizar, atribúeselle a autoría de  distintos libros, que circulan impresos nunha gran variedade de grimorios. O máis coñecido é “O Libro de San Cibrán”, con diferentes títulos ou subtítulos, segundo as respectivas edicións, en castelán, galego ou portugués. O último localizado, de Clodio González Pérez (Ed. lit.), leva por título Bruxos e astrólogos da Inquisición de Galicia e o famoso libro de San Cibrán (Noia, 2008), con antecedentes no homónimo de Bernardo Barreiro, de 1885.

Estamos no “Guláns feiticeiro”, moi presente na composición do recoñecido e benquerido mestre Roxelio Groba, que non olvida nunca as raíces gulansesas na súa importantísima produción musical.    

Animamos a visitar S. Cibrán, verdadeiro “mirador” do Condado, importante roteiro didático para os nenos e nenas das nosas escolas, nun contorno debidamente acondicionado, da mesma maneira, para o lecer de todos, xoves e maiores.

 

Anxo Serafín Porto Ucha   

CAPELA DE SAN CIBRÁN NEVADA

  

FOTO: CAPELA DE SAN CIBRÁN NEVADA

 

 

 

Romaría de San Cibrán

 

Festa en San Cibrán