Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Eladio Rodríguez González

Dedicado o Día das Letras Galegas en 2001

Eladio Rodríguez GonzálezEladio Rodríguez Gónzalez:  O cantor da Galicia campesiña

 

A paisaxe rural e a súa xente inspiraron a maior parte dos versos do xornalista e poeta Eladio Rodríguez (1864-1949) 

Eladio Rodríguez González naceu no lugar da Ponte, parroquia de Santa María de San Clodio, concello de Leiro (Ourense) o 24 de xullo de 1864, ás 12 horas (non o 27 de xullo, que foi o día en que se bautizou), e morreu na cidade da Coruña, rúa de Santo André, número 170, 4º, o 14 de abril de 1949.

Na partida de defunción de don Eladio inscrita no Rexistro Civil da Coruña dise que estaba casado con Xosefa Yordi, e cítanse seis fillos do matrimonio na seguinte orde: Eladio, Adela, Xulio, Arturo, María e Mercé.  E na partida de bautismo ("Libro de bautizados 1853-1872'', folio 79), don Eladio aparece inscrito como fillo natural (é dicir, ilexítimo, o que significa que os pais non estaban casados) de Camilo Rodríguez López, natural da parroquia de San Lourenzo da Pena, concello de Cenlle (Ourense) e de Agostiña González González, de San Clodio, os dous de familias de labradores.

A nai de don Eladio, segundo o "Libro IV de casados (1853-1872)'', folio 19 de San Clodio, casou cun primo, Anxo Diéguez González, o 17 de febreiro de 1868. Cando casou estaba solteira, e Anxo tamén. Polo que nunca debeu de casar con Camilo (o que figura como pai de don Eladio), de que sabemos que naceu o 11 de decembro de 1837, segundo a súa partida de bautismo no "Libro III de bautizados (1805-1848)'', folio 68 da parroquia de San Lourenzo da Pena.

O lugar da Ponte, onde naceu don Eladio, toma o seu nome da fermosa e vella ponte de pedra de San Clodio, sobre o río Avia. A carón dela, río arriba, na súa marxe esquerda e ó redor dunha orixinal capela dedicada a santo Antonio, están as casas. A de don Eladio, a uns cincuenta metros da Ponte e a uns trinta da capela.

Da casa de don Eladio só queda unha pilastra de pedra que sostiña o corredor, que era de madeira pintada de cor marrón, como o da actual casa que queda ó lado dereito, entre as que subía a chupe un camiño que chamaban calexa da Tía Ventura. Na casa natal do poeta seica viviu moito tempo unha cuñada súa chamada dona Margarida, que despois se foi para Bieite. E a casa tocoulles a uns parentes que tiña don Eladio en Leiro, coñecidos como os da casa do Garrafón, que polos anos cincuenta venderon a pedra da casa, que entón foi desfeita. Cando don Eladio viña a San Clodio desde a Coruña non paraba na súa casa, senón no bar Crego, en Leiro, que tiña fonda, e queda a medio quilómetro da Ponte, río arriba, na marxe oposta. Viña tódolos anos e dáballes banquetes ós seus amigos no Salgueiral, ó pé do río Avia.

Don Eladio, como escribe o seu neto Arturo Rodríguez Hervada na introducción á Antoloxía poética que fixo dos poemas de seu avó (Ediciós do Castro, 1997), foi un autodidacta. De neno asistiu á escola en San Clodio (que tiña a sede nunha das dependencias do mosteiro) e na Coruña, a onde o mandou a nai ós sete anos para xunto dun irmán dela, Matías González, que tiña un negocio alí. E volto a San Clodio, deu clases no mosteiro. Pero ós 24 anos marchou definitivamente para A Coruña.

Unha das anécdotas máis conmovedoras sobre don Eladio, recollida en San Clodio o pasado 11 de febreiro, domingo, mentres esperabámo-lo comezo da misa na grandiosa igrexa do mosteiro, foi a que nos contou Benito Díaz, de 76 anos, a quen lla contaba seu avó e que reproducimos fielmente: "Era de que... el (don Eladio) viña moito aquí ás clases ó convento, e o pobre non tiña calzado. Bueno, daquela andaban moitos descalzos. Si. E facía frío, e era cedo aínda para entrar ás clases, e sentouse naqueles soportais que hai alí, debaixo das solainas. E como tiña frío, colleu a gorra que levaba posta na cabeza e puxo os pés dentro dela. Entón díxolle meu avó, que pasaba por alí: "Eladio, carai, e pó-la gorra nos pés, ¿e logo...?'' "Teño frío nos pés, a ver se me quecen''.

Á luz desta anécdota, confírmase que don Eladio pensaba en si mesmo cando no poema O santo tempro, que é o campo, de Oraciós campesiñas, inclúe estes dous versos: "Un fato de pequechos descalciños / que á escola se encamiñan''. E vese ben por qué cantou con emoción a pobreza, nun poema titulado Probeza..., incluído tamén no dito libro, coa que fala así: "Compañeira dos homildes, / ¡probeza, santa probeza, / que andas de cote ó meu lado! / Ti i eu ben nos conocemos. / ¡Estamos tan irmandados!... (...) Miña doce compañeira / de tantos anos... / Cando eu morra, / ti seguirás camiñando, / pra agarimar os homildes / no teu colo soave e brando''.

Hoxe, nunha das boas casas de pedra que teñen soportais (e sobre eles fermosas solainas), nos que se abrigaba o rapaz Eladio, onda o mosteiro de San Clodio, hai dúas placas que din: Praza de Eladio Rodríguez e En homenaxe de D. Eladio Rodríguez González, no quinquaxésimo aniversario do seu pasamento. San Clodio-Leiro. Nadal 1999.

Do emotivo e documentado Prólogo de Otero Pedraio ó Diccionario enciclopédico gallego-castellano de don Eladio (tomo I, 1958) proceden os datos de que este foi nomeado funcionario do Concello da Coruña o 20 de agosto de 1888, onde exerceu o cargo de escribente, oficial de secretaría e oficial maior, ata o 26 de agosto de 1937, ano da súa xubilación.

Na Coruña, don Eladio axiña se relacionou cos intelectuais rexionalistas da chamada Cova Céltica, que se xuntaban na Librería Regional de Uxío Carré Aldao (antes, propiedade de Andrés Martínez Salazar), entre os que estaban Manuel Murguía, Martínez Salazar, Pérez Ballesteros, Galo Salinas, Lugrís Freire, etc.

Segundo Otero Pedrayo, don Eladio foi cofundador en 1904 da Asociación da Prensa da Coruña, da que sería presidente, membro fundador da Irmandade da Fala da Coruña, en 1916, e cofundador e presidente do coro coruñés Cántigas da Terra, que comezou as súas actuacións en 1917.

Pertenceu don Eladio ó grupo de académicos fundadores da Real Academia Galega, o 4 de setembro de 1905 (na que ocupou a cadeira 28), da que sería o seu cuarto secretario (despois de Uxío Carré Aldao, Salvador Golpe Varela, e Uxío Carré Aldao, por segunda vez), desde o 27 de xaneiro de 1920 ata o 20 de novembro de 1926, e tamén o seu cuarto presidente (despois de Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar e Francisco Ponte Blanco), desde o 20 de novembro de 1926 ata o 4 de marzo de 1934, en que renunciou por motivos de saúde.

Don Eladio era un home de moitos dons, e moi admirado e querido por todos. Xosefa González (unha muller rufa e moi amable, de 83 anos, que vive en San Clodio, na Petada, rúa que foi antiga calzada romana, preto do mosteiro, quen estivo servindo, cando tiña 15 anos, na casa do fillo máis vello de don Eladio, chamado tamén Eladio, que traballaba no banco de Bilbao en Vigo, na rúa García Barbón, e que estaba casado e tiña dous fillos, un neno mais unha nena) desfaise en loanzas de don Eladio, do que nos dixo que era guapo e encantador, e que lles contaba contos ós netos. Tamén nos dixo que era un home moi relixioso, a quen nunca se lle oía dicir unha palabra fea. E Otero Pedrayo, no seu “O libro dos amigos” (Ediciones del Centro Gallego de Buenos Aires, 1953, pp. 85-87) describe así a don Eladio: "Rexo, forte, pequeneiro, valente, dreito e franco enxergar, faciana de grave legría (...). Rexo petrucio de caste boa, forte, intelixente, non tiña vergonza da orballeira das bágoas''.

No devandito libro, referíndose a don Eladio, escribe Otero Pedrayo: "Na Cruña fíxose cidadán por dous camiños: o xornalismo e a Poesía''. Como xornalista traballou en dous xornais coruñeses, La Mañana. Diario Político e El Noroeste. Do primeiro chegou a ser director, e do segundo foi redactor xefe moitos anos. A información referente a El Noroeste dánola o Padre franciscano Samuel Eiján (tamén nacido en San Clodio e alumno de don Eladio), na súa Historia de Ribadavia y sus alrededores (Madrid, 1920, p. 622). En El Noroeste don Eladio dirixiu o suplemento Nós. Páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste (setembro de 1918-marzo de 1919), antecedente de Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega (1920-1936), da xeración Nós. E como poeta, don Eladio publicou tres libros: “Folerpas”, Andrés Martínez Salazar, editor, Biblioteca Gallega, 35, A Coruña, 1894; “Raza e Terra”, Editorial Céltiga, Ferrol, 1922, e Oraciós campesiñas” , Litografía e Imprenta Roel, A Coruña, sen ano (1927).

Pero xa desde moi novo escribía poemas en galego, que publicou no semanarios O Tío Marcos da Portela (Ourense), A Monteira (Lugo), e nas revistas mensuais Galicia (A Coruña) e A Gaita Gallega (A Habana). Con poemas de xunventude e posteriores acadou premios en certames literarios e festas da lingua galega en Pontevedra (1886), Betanzos (1886 e 1887), Tui (1891), Lugo (1915), Santiago (1916), Lugo (1918) e Santiago (1924). E ó longo da súa vida publicou poemas e artigos en Revista Gallega (A Coruña), A Nosa Terra (A Coruña), El Eco de Galicia (A Habana), Suevia (Bos Aires), Galicia (Montevideo), Boletín da Real Academia Galega, etc.

O DICCIONARIO

A obra de máis gloria de don Eladio é o seu xa citado Diccionario enciclopédico gallego-castellano, que editou Galaxia en tres tomos (1958, 1960, 1961), custeado pola Casa de Galicia de Caracas, do que a devandita editorial fixo unha luxosa edición facsímile en 1980. Deste Diccionario di o prologuista Otero Pedrayo: "Con respeto e amor de fillo, de monxe, foi compoñendo don Eladio Rodríguez González iste momento. (...) a obra riba da cal a súa memoria medra e chega ós termos de unha inmorrente sona. (...) Empezou de neno, e rematou co derradeiro alento. (...) unha das meirandes obras das letras e do saber galegos'' (pp. 11-12). O Diccionario entregoullo a Galaxia Xulio Rodríguez Yordi, fillo de don Eladio, escritor en castelán. En 1973 a Editorial Moret da Coruña publicou o seu fermoso poemario póstumo Danzas, con Glosa preliminar de Sebastián Risco e ilustracións de Díaz Pardo. 

Don Eladio é autor dalgunhas obras en castelán: Unha Memoria, publicada en 1899, da Comisión Provincial da Cruz Vermella da Coruña; Un Catálogo, publicado en 1901, da biblioteca da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, da que foi bibliotecario, e unha Guía de Galicia para el turista (A Coruña, 1917), feita por encarga da Asociación de Hoteleros y Fondistas de Galicia, obra citada polo Padre Samuel Eiján na súa Historia de Ribadavia y sus alrededores.

Tamén escribiu en castelán, en colaboración con Alfredo de la Fuente, algún apropósito teatral, como El gachó del cisne, editado pola Reunión de Artesanos en 1898.

INSPIRACIÓN CAMPESTRE

A poesía de don Eladio ten como tema principal a vida dos campesiños e a paisaxe campestre, presentadas co realismo de quen as coñece porque as viviu, non falseadas por unha visión desde fóra, como ocorre na literatura doutros escritores galegos. Don Eladio coñece o mérito e os valores da xente da que procede. Sabe dos seus traballos e dos seus padecementos. Pero tamén sabe como viven gozosos, coa terra no corazón porque a queren, e que a paisaxe galega, maiormente a do Ribeiro, está chea de encanto e fermosura.

E como o poeta considera santo o traballo dos campesiños e a natureza o templo de Deus, para cantalos dignamente quixera que os seus versos se trocasen "en oraciós sinxelamente rudas, / en oraciós dos campos / que os fouciños pronuncian / i os mallos cantan diante o altar das eiras / como unha doce e mística canturria''

Oraciós campesiñas

A santidade da vida dos campesiños e da paisaxe está presente na maioría dos poemas do gran libro de don Eladio Oraciós campesiñas: "Sai polos tellados en xirós o fume / como unha solemne campesiña ofrenda'' (Fume); "A lareira / parece mesmo un altar'' (A cántiga da fame);os campesiños "asomellan os apóstolos / da relixión do traballo'' (Canción trunfal); nas aldeas, "os currunchos son tempros / de relixiós vellas / e misterios sagros'', e a terra é "a Nai-Terra'' (Misticismo); "síntese nos eidos a oración das sombras, / a oración nouturna / que a campía reza'' (Luaradas); as paisaxes de Galicia son "altares que gardan / os santos amores das almas galegas'' (Paisaxes); "Arde / no altar da cociña o lume / morneiro que quenta os lares'' (Lusco e fusco); "o campo i a montana / cantan as oraciós da recolleita'' (Vrau); "Todo son oraciós, todo son rezos / na maxestá das campías. / O campo é o tempro máis sagro / da humana familia: / ¡o santo tempro donde / están tódalas nosas regalías!'' (O santo tempro); ningunha coma a raza galega "fai relixión do traballo en silencio; / ningunha coma ela conserva o recordo / dos natales eidos'' (Alma da raza); os campesiños "asomellan / os evanxelistas / dunha nova secta / que troca o traballo / nun culto. I a terra, / trunfante e groriosa, / queda satisfeita / coa maternidade, / que é donde se encerran / tódolos misterios / da súa grandeza'', por iso o poeta invoca así a terra: "¡Nai agarimosa! / ¡Santa nai ubérrima, / que a ricos i a probes / lle dás acolleita!'' (A terra trunfante); "eu quero máis o traballo / sinxelo e homilde / dos nosos campos, / porque nel vexo tanto de litúrxico / e de santo, / que me parece que un rezo / se escorrega mansiño polos agros / coma unha oración chea / de místicos engados'' (A oración santa).

O galego que emprega don Eladio na súa obra literaria é moi rico, como era de esperar de quen o andou recollendo toda a vida, e é unha invitación a usa-lo galego normativo, ó que practicamente é igual, a pesar de iren alá xa moitos anos.