Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A derradeira habitación de Castelao

Investigación e fotos: Mónica B. Suárez Groba e Ulises X. Pimentel Viaño

Publicado no xornal A Peneira de Ponteareas 

na edición Nro.353 correspondente á  primeira quincena de setembro 2003.-

 


Derradeira habitación de Castelao: obxectos persoais

FOTO: Algúns dos obxectos persoais na vitrina da habitación




O 7 de xaneiro de 2003 co gallo de lembrar outro cabodano de Castelao, Alfredo Conde escribía un artigo no cal preguntaba se no Centro Galego de Bos Aires se conservaba aínda a habitación 203 na que ás 23.50 hs. desa mesma data pero de 1950 morrera o noso guieiro.  E si, segue intacta. 

O cuarto atópase no segundo piso da mítica institución que deu amparo a centos e centos de galegos dende a súa fundación en 1907. Institución que por outra banda sería testemuña da consumación dunha profecía.


É pequena e dende fóra pódese ver o seu mobiliario xa que a parede foi substituída por unha vitrina onde están aloxadas algunhas fotografías e obxectos persoais, un exemplar da primeira edición de "Sempre en Galiza" (1944), tamén outros libros como "As cruces de pedra na Galiza" que saíra do prelo despois do seu pasamento, unha das máscaras feitas por Castelao para a súa obra de teatro "Os vellos non deben de namorarse", unha carta manuscrita, entre outras cousas. Hai tamén unha placa a modo de recordatorio.

Estando xa na habitación respírase un ar especial, é como a través dos anos pasados puidésemos rescatar dalgún xeito os últimos sons da súa voz, sons que por sempre quedarán retidos, como o tempo, nesas paredes. O galeguista Rodolfo Prada, nunha emotiva carta dirixida a Otero Pedraio dicía "a súa voz era facho que alumaba os roteiros da patria no mañán neboento..." Unha luz que nunca se apagará a pesar das ofrendas florais que concorren cada aniversario do seu pasamento na colectividade galega desta cidade, por obriga e para disimular o ano enteiro de esquecemento, nun enterro tan repetido como inútil. 

A cama, unha mesiña de noite, outra mesa con tapa de mármore, todo de metal, forman parte dun sinxelo e austero mobiliario. Ó fondo, unha fiestra que dá a un patio interno a través da cal pódese ver, a penas, un retrinco de ceo. Estas paredes foron a silenciosa compaña dos derradeiros intres dese marabilloso e incomparable home quen tivo que morrer lonxe da Patria Galega. 

No seu cadaleito, un galego que retornara da Terra catro días antes da morte, depositou un sacro tesouro: un pouco de terriña recollida na beira do río Miño. Máis de 14 anos antes, Castelao dixera ó despedirse do seu amigo Otero Pedraio na estación de tren de Madrid que non vería máis ós seus irmáns, non volvería a Galicia nin a abrazar un pino. 

Aquela escura noite de xaneiro un manto de orfandade cubría a tódolos galegos. A profecía estaba cumprida.

Ulises Pimentel Viaño

Derradeira habitación de Castelao; a cama no hospital



FOTO: O sinxelo mobiliario

Objectos persoais de Castelao

 

Carta manuscrita de Castelao a un amigo

 




Máis fotografías : Objectos persoais de Castelao

  

Entre os obxectos unha das máscaras feitas por Castelao  para a obra de teatro : "Os vellos non deben de namorarse"

  Placa conmemorativa no hospital onde morrera Castelao  

Placa conmemorativa  na entrada da habitación