Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Teresa Barro - Dentro e fóra

Teresa BarroFÓRA

O XUÍZO MORAL

No sistema patriarcal invocouse de continuo a loita entre o ben e o mal para inserir na sociedade humana medos e distorcimentos éticos que levasen a establecer as xerarquías que se buscaban. O que non se fixo foi desenvolver o xuizo moral que podería levar a distinguir entre un e outro seguindo as leis da creatividade e non as da represión. Apartouse o mal do ben con brutalidade e sen finura, e partiuse do suposto de que o ser humano era intrínsecamente bo ou intrínsecamente malo, o que levou a tolerancias inxustas e a condenacións monstruosas.
Aínda que haxa sociedades máis tolerantes en aparencía que outras e aínda que pareza que se avanzou moito nese sentido, rara vez a tolerancia se aplica máis cas capas superiores ou "boas" desas sociedades, e non pode ser casualidade que esas tolerancias para uns vaian sempre acompañadas de prisións e persecucións brutais para outros. E coa represión sucede igual. A represión nunca foi para todos; canto máis reprimidas están as mulleres nunha sociedade, por exemplo, máis liberdades teñen os varóns, e canto máis oprimidos están algúns, maiores excesos poden cometer outros.
As superioridades e inferioridades intrínsecas proprias do sistema impediron desenvolver o xuízo ético e fixeron velo todo en termos simplistas e reductores. O que habería que facer para distinguir o ben do mal seria utilizar a verdadeira intelixencia humana, que non é só cerebral, como se dixo para aferrar a supremacía do masculino, senón que está formada de intelecto e sentimento por igual.
O sistema abriu un abismo infranqueable entre o "cerebro", superior e masculino, e o sentimento, inferior e feminino. A intelixencia non podía ser feminina; tiña que ser cerebral e masculina. O sentimento era contrarío a ela e había que ter coidado de que non interferise no xuízo para que este fose xusto e acertado. Mais o xuízo moral ten moito que ver co sentimento e, por moito cerebro que se teña, sen un sentir puído, educado e refinado que leve a querer a boa calidade, non se pode chegar máis que a conclusións racionáis en aparencia pero que non se achegan á verdade. O xuízo moral ten que basearse na procura da verdade, e a verdade non só hai que querela e procúrala coas facultades intelectuais, senón tamén co corazón e o sentimento.
Como no sistema patriarcal o varón foi cerebro e a muller corazón, as facultades intelectuais mereceron educación e polimento por ser masculinas e superiores, pero as sentimentais non, por ser femininas e inferiores. E así o sentir ficou asilvestrado e embrutecido incluso nos que tiñan un intelecto adestrado. Tal vez sexa certo que a enerxía feminina está máis directamente vinculada ao sentimento e a masculina ao intelecto, mais todos, varóns e mulleres, temos cerebro e corazón, e o resultado de dividir as facultades humanas dándolle superioridade absoluta a unhas e deixando sen cultivar as outras, foi que a intelixencia quedou pouco desenvolvida, raquítica e sen funcionar como tina que ser. O intelecto e o sentimento teñen que estar igual de cultivados, polidos e refinados para funcionar ben. Se un deles non está educado, funciona mal e impide que o outro funcione ben. Cando o intelecto está cultivado e o sentimento non, o que se produce é un razoamento frío e sen sentido que está ben de forma pero non de fondo, porque non busca a verdade. Pódese razoar ben co cerebro e chegar ás maiores monstruosidades se ese razoamento non quere procurar a verdade. E igual pasa co sentimento; cando non está educado nin cultivado e non vai acompañado dun intelecto desenvolvido, pode ir por caminos obtusos e ata malignos por falta de entendemento. A sentimentalidade de mala calidade foi un dos instrumentos máis usados para obter dominio e vender productos mediocres e aparentes, e o manexo do sentimento ineducado foi unha das principáis armas de que se valeu o sistema patriarcal para afincar valores falsos e éticas distorsionadas. O querer ten moitísima forza, e a canalización que se fixo dun sentimento e un querer asilvestrados foi o que máis contribuiu a afincar os valores que o sistema precisaba para enraizar como enraizou.