Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A VIRXE DO CRISTAL

(Manuel Curros Enríquez)Santuario da Virxe do Cristal, Celanova, Ourense

 

Santuario da Virxe doCristal

Celanova, Ourense

 

 

 

viii


Nesto, Rosa arretirouse
da ventana do edificio,
deixando teso, na rúa
ó desdichado Martiño.
Páledo, sombrío, atóneto,
como un mámore de frío,
sin pestanexar xiquera
cravado está naquel sitio.
Estonces unha risada
bulrona chegoulle ó ouído,
risada de lobo farto....
risada de cucudrilo...
-¡Raxo de Dios! -dixo ó punto,
todo en cólera acendido-. ¿Quén se ri?
-Xan de Ventraces.
-¿Ti, ladrón de honras?
. –O mismo.
-¡Fólgome! Así como así,
teño unha deuda contigo
e vouna cumprir agora.
-Cantas queiras. Veño listo.
-Pois abonda de parola.
-Abonda, o mesmo che digo.
-Cara a Soutoverde, Xan.
-Cara onde queiras, Martiño.

ix

Pola mañá do outro día,
no monte de Soutoverde,
por cima de Vilanova,
non se cabía de xente.
Alí todos asombrados,
rapaces, homes, mulleres,
miraban coa boca aberta
unha cousa que estremece.
Sobre o marco dunha herdade
cravada unha estaca vese,
e dela no cuturiño
está unha lengua pendente.
Us din: "Polo que é de longa
a dunha besta parece".
o outros: "Parece a dun bácoro
según o sangue que verte".
Estando nestas e noutras
sin saber cómo, correuse
que era de Xan de Ventraces
aquel cativo presente.
Pois pola maiíá moi cedo,
Xan, derrengado, morréndose.
chegou á vila mostrando
non ter a lengua entre os dentes.
Cando esta nova se soubo,
moitos lástema lle teñen,
pero moitos máis excraman:
i Ben feito, pra que escarmentes!
A xusticia andivo tola
procurando ó delincoente,
mais como Xan non falaba,
non pudo darse coele.
Martiño fígose o zorro,
e cando a que tanto quere
foise a Allariz meter monxa,
el, enamorado sempre,
foise detrás, pra vivire
do seu conventiño enfrente.
¡Pobre rapaz! Unha noite
do frío e triste decembre,
da profesión de Rosiña
pasados xa cuatro meses,
Martiño, ó pe do convento,
ardendo en morosa febre,
estaba mirando a reixa
da celda en que moitas veces
se lle figurou de Rosa
ver o sembrante celeste.
Pensaba que tra-las pedras
daquel recinto solene
habería quen sentise
da mesma sorte que el sente,
sin conocer que as miniñas
que a vida a Cristo lle ofercen,
deixan á porta os amores
cando no claustro se meten.
Nevaba. Mainiñas mainas,
quediña, quediñamente,
iban caíndo.... caíndo...
as folepiñas da neve.
Moito os ollos as regala
e moito a cabeza ergue,
pero na reixa da celda
nada Martiño destengue.
Sémper fitando, fitando,
nin a refolgar se astreve,
e por pensar na súa Rosa
hastra do frío se esquece.
Tras unha hora, outra hora
vai pasando lentamente
i el, nin se move do sitio,
nin se coida da entemperie.
De ves en cando o coitado
sin darse conta, estremécese,
arripíaselle o corpo
e bate dente con dente.
Vales, outeiros e montes
bórranse e desaparecen
i on branco sudario, triste,
por todas partes se extende.
Acolá enriba, na reixa,
todo é escuridá entramentres;
nada se sinte, nin nadia
detrás dos ferros parece.
Martiño naquel istante
ver a Rosa parecéndolle,
quixo falarlle... e non pudo...
Asuspiróu... e morreuse.
A neve que nel caíra,
foi facendo del a rentes
unha foxa que o tragaba
dendes dos pés hastra a frente
Sobre o seu corpiño morto,
quediña, quediñamente,
iban caíndo.... caíndo...
as folepiñas da neve.

x

Leutores, si olvidando do mundo os traballiños
vos fordes de paseo de Vilanova ó val,
entrade respetosos, entrade caladiños,
na primorosa ermida da VIRXE DO CRISTAL.
Si escasos de fortuna bicades a súa pranta,
si a visitala vades faltiños de salú,
secorrerávos logo a milagrosa Santa;
no mundo non ha¡ outra que teña máis virtú.
De tristes agarimo, de probes esperanza,
dos namorados guía, sostén do labrador,
canto de Dios quixere, tanto de Dios alcanza;
non hai quen lle non deba consolos e favor.
Cando en era pequeno, por miña nai levado,
da aparición pedínlle a lenda celestial;
si cal a deixo escrita non for do voso agrado,
a culpa non botedes á VIRXE DO CRISTAL