Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A VIRXE DO CRISTAL

(Manuel Curros Enríquez)Santuario da Virxe do Cristal, Celanova, Ourense

 

Santuario da Virxe doCristal

Celanova, Ourense

 

 

 

III


Moito deben de quererse
os criados de Mazcareñas,
moito deben de quererse
cando tanto parrafean.
Tódalas noites sentados
nun grande poio de pedra,
están parolando solos
ó pé do castelo el i ela.
Mentira ou verdade, il corre
dendes da vila hastra a aldea,
que pra no outono casárense,
teñen a roupa xa feita;
pero hai quen xura e perxura
(nunca faltan malas lenguas)
que deica que os namorados
sallan xuntados da igrexa
han de pasar moitas cousas
i han de nacer moitas herbas...
Mala cousa é neste mundo
a condenada da envexa,
mais non van descamiñados
os que o casamento negan;
pois unha noite de lúa,
noite caladiña e fresca
do mes de Santiago, cando
todas son frores as veigas,
todo é, aromas o campo
e doce música a terra,
na praza de Vilanova,
do castelo onde a cancela,
Martiño e Rosa falaban
de semellante maneira:
-Martiño, ¿qué diaño
tes hoxe? ¿Non falas?
¿Pra estar como o moucho
viñeche da sacha?
Si cando te fuches
noxado n'estabas,
¿qué frema trouxeche
do monte prá casa?
¿Picoute unha cobra?
¿Guindoute unha galla?
¿Saíronche os lobos?
¿Botáronche a fada?...
Respundel, Martiño,
¿qué tes, que te calas?

-Non sei cómo te oio,
garduña eslavada,
non sei cómo te oio
¡i estoume con calma!
¡Qué teño! ¿Qué teño
pergúntasme, maula?...
¡Qué teño! Direicho...
Pois... iténoche lástema!
¡Treidora!
-¡Dios mío!
-Fiai de rapazas
que din que vos queren...
¡Fiai de palabras!...
-¡Martiño!
-O Martiño
n'impórtalle a nadia!...
-Pero, home, ¿toleas?
¡Asús, qué disgracia!
¡Veciños!...
-¡Non berres!
¡Non berres... e cala!
-Pero, home, si cousas
me dis que me espantan...
¡Si mesmo dás medo!
¡Si os ollos che saltan!
Martiño, ven, séntate,
sosega, descansa;
en nada che figuen
pra o mal que me tratas.
Soliña no mundo,
de nadia mirada
¡faltábaine agora
que ti me deixaras!

Pois eu ben te quero...
¡Por eso non marra!
-Ti quéresme moito...
Rosiña... rosada...
Ti quéresme moito...
Ti dícelo... e basta.
O mesmo dixeches
a Pedro Balada,
i a Xan de Ventraces
i ó amo da casa,
cando hai ano e medio
ven ver a labranza...
¡Que nunca el viñera!
¡Que nunca el chegara!
-¡Santísimo Cristo
de Ourense me valla!...
-Pra que hoxe te axude
xa é tarde, rapaza.
I eu, tolo, quería,
i eu, tolo, pensaba
casarme contigo...
¡Miniña da casta!...
-Martiño, anque probe,
faltar non me faltas.
¡Pois coida o que pensas!
¡Pois coida o que falas!
Pra bulra, xa abondan
seis meses de palra...
¿Qué Xan, nin qué Pedro?
¿Ti seique tes gana?...
No, pois... ¡Esmiólame
co rabo da sacha,
mais déixame a honra,
que é cousa sagrada!
¡A¡! Ti andas, Martiño,
con malas compañas
ti xúntaste agora
con xente malvada
e crés esas lenguas
peores que a rabia.
Fas ben, xa que podes.
Dende hoxe n'hai nada
de canto prá boda
decirche esperaba...
Tocante á limpeza
(¿e pois qué pensabas?),
¡cristal nunca viche
que á miña egualara!
-Rosiña!...
-¡A Rosiña
n'impórtalle a nadia!
I adiós. Si autra queres...
porveito che faga.
Desta sorte marmurando
Rosa, de esconsolo chea,
facendo como que ría
entrou no castelo apresa;
pero anque fai que fagamos
pra que se lle non coneza,
ela vai limpando os ollos
mentres que rube a escaleira.
Na porta, como unha estauta,
Martiño mórdese a léngoa,
i anque tose i asubía,
como quen non sente penas,
unha da boca lle sai
i outra no corpo lle queda...

Cando por fin, acordando,
pensou no que lle arrodea,
dixo, falando consigo:
"Ou mente Xan, ou mente ela".
E logo, tirando ó chau,
desesperado, a monteira,
añidíu: "No, pois... si Rosa
ten do cristal a pureza,
¡xuro a Dios, Xan de Ventraces,
que che hei de arrinca-la léngoa!