Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

AIRES DA MIÑA TERRA

Introducción

(Manuel Curros Enríquez)


Escribir nada máis para onha provincia 
ou, como os pobos árcades fixeron, 
escribir sobre a casca dos curtizos, 
cáxeque todo vén a ser o mesmo.

A nosa vos, na soledá perdida, 
morrerá sin deixar xiquera ise eco 
que a brisa malencónica de outono 
deixa na copa azul dos ameneiros.

Non pode ser tampouco doutra sorte:
pasaron xa, pra non volver, os tempos 
en que o lenguaxe era unha cifra máxica 
fácele sólo ó sacerdote hebreo.

As xentes tristes que no verbo humano 
percuran os ideales que entreveron, 
cando ó vate interrogan, novo Oráculo, 
queren revelaciós, que non misterios.

I escribir nunha lengua conecida 
daqueles sólo que onda nós naceron, 
¿que é sinón responder esas perguntas 
en revesgados xeroulifos pérxicos?

Todo tende á unidá, lei, de entre todas,
a máis ineusorabre do Progreso;
i el que de cen naciós un pobo fixo,
un idioma fará de cen dialeutos.

Como paran no mar tódolos ríos, 
como os raios do sol paran nun centro, 
tódalas lenguas han de parar nunha, 
que hemos de falar todos, tarde ou cedo.

¿Por que botar ó púbrico este libro 
si a división dialéutica condeno?,
diredes, con razón, os que leades, 
si as ledes, estas páxinas. -Diréivolo:

Cando tódalas lenguas o fin topen 
que marca a todo o providente dedo, 
e cos vellos idiomas estinguidos 
sola unha fala universal formemos;

Esa fala pulida, idioma úneco, 
máis que hoxe enriquecido, e máis perfeuto, 
resume das palabras máis sonoras 
que aquelas nos deixaran como en herdo;

Ese idioma, compendio dos idiomas, 
como onha serenata pracenteiro, 
como onha noite de luar docísimo, 
será -¿que outro sinón?- será o gallego.

Fala de miña nai, fala armoñosa, 
en que o rogo dos tristes rube ó ceo 
i en que dende a prácida esperanza 
ós afogados e doridos peitos;

Fala de meus avós, fala en que os parias, 
de tréboa e polvo e de sudor cubertos, 
piden á terra o grau da cor da sangue 
que ha de cebar á besta do laudemio...

Lengua enxebre, en que as ánemas dos mortos 
nas negras noites de silencio e medo, 
encomendan ós vivos as obrigas
que, ¡malpocados!, sin cumprir morreron.

Idioma en que garulan os paxaros, 
en que falan os ánxeles ós nenos, 
en que as fontes solouzan e marmullan 
entre os follosos álbores os ventos;

Non, ti non morrerás, céltica musa, 
nada da Suevia nos chouzales pechos, 
últemo amor do páledo Macías, 
atravesado o corazón cun ferro;

Fecundo nume do úneco Rei sabio 
que no solio de España tivo asento, 
arpa imortal da doce Rosalía, 
do infortunado Añón himno postreiro:

Ti non podes morrer... ¡Eso quixeran 
os desleigados que te escarneceron! 
mais ti non morrerás, Cristo das lenguas, 
¡non, ti non morrerás, ouh Nazareno!

Apóstol teu, anque o máis ruín de todos, 
pra onde quer levarei teu Evanxelio, 
o fatelo vistindo de inominia
que pra mofa nas costas che puseron.

No teu nome, por terras e por mares, 
ofercerei paz e salú ós enfermos, 
falareilles da patria ós desterrados, 
de libertade e redención ós servos.

Anunciarei o día do teu trunfo 
por cibdades e vilas e desertos, 
e si por te anunciar me apedrearen, 
¡inda ó morrer te mentarán meus beizos!




("Aires da miña terra", 1880)