Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

"O divino sainete" , 1888

Manuel Curros EnriquezMANUEL CURROS ENRÍQUEZ

 

 

 

 

 

 

INTRODUCCIÓN



Á mocedade gallega
O Autor

Sinto no peito us afogos
que parece que mo morden
sete ducias de cans dogos.

Dis que son remordementos
dos meus pecados a miles,
das miñas culpas a centos.

Culpas de home mal cristiano,
pecados de herexe, tales
que non lies val zuruxano.

Pra me curar bebín ágoas,
pisei herbas, recei tríos,
biquei Santos, vertín bágoas,

Non hai festa ou romaría
onde empanado non fose.
¡Nunca topei milloría!

Pra me librar deste estrago
fun ver o Cristo de Ourense,
tomei a manta en Santiago.

Quedei de noite ó recio,
coséronme os Evanxelios,
solagáronme no río...

¡Prós males de que eu me doio,
dicen os que ben o saben
que hai un curandeiro sóio!

O curandeiro está en Roma
Vou ver se me da saúde...
Vou ver se o pulso me toma.

Xa miña nai mo decía:
"¿Onde has de ir, boi que non aras
senón á cortaduría?

"Tanto saber traite cegó;
mais, ou morres condanado,
ou tes que volver ó rego.

"Olla que o tempiño foxe,
i é ben pra mañán non gardes
o que poidas facer hoxe.

"Que a morte non nos avisa,
e se ha levarnos cubertos,
que non nos colla en camisa".

¡Tina de ser! ¡Diolo quixo!
¡El, que criou dun arroto
todas as cousas, sin lixo!

Nunca outra tal se ha de veré:
¡Curros camino de Roma
entoando o Miserere!

¿Pero hei ser sempre un brasfemo,
un xudío, un relaxado,
de Dios azoute? ¡Ora o demo!...

¿Quen, necesitado délas,
non merca saúde e groria
por unhas cantas cadelas?

Todo vai caro na vida;
a groria é que anda barata
como a sardiña manida.

Certa literata fea
mercouna dando a Aristarco
un bico tras dunha cea.

A un usureiro con sorte
custoulle... perdoar inxurias...
ñas boqueadas da morte;

¡I é que neste tempo infame
a Crítica anda saída
i os santos morren de fame!

O inferno a min non me atrapa:
cómpreme unha pouca groria
e voulla comprar ó Papa.

É un viaxe de recreo.
¿Quen folga de vir comigo
de León XIII ó xubileo?

Connosco irán moitas xentes:
abades, monxas, beatas...
¡Xuro a Dios que hemos de ir quentes!

¡Que rosario, compañeiros,
de contas de amancebadas
con deces de putañeiros!

***

Mais todos van compunxidos,
todos como eu apenados,
chorosos i arrepentidos.

¡Milagre santo e profundo,
fillo do nobre deseo
de ver a Dios... e ver mundo!

Como xa a gracia non baixa,
non hai modo de ir pró ceo
se o tren non nos fai rebaixa.

Esa rebaixa está feita.
¡Tolo de quen pra salvarse
tal ocasión no aproveita!

Mentres o camiño dura
hei de vos cantar cantares
dunha non vista hermosura

***

Triadas, miñas triadas,
que levades os tres fíos
das frechas envenenadas:

Miñas triadas valentes,
¡rachade os aires fungando
como fungan as serpentes!

Ladrade, mordede, ride:
onde haxa virtú, bicade;
onde haxa vicio, feride.