Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

"A ALBORADA"  DE VEIGA

( Manuel Curros Enríquez )

amencer Esa celeste música que vos regala a orella, 
que vos gorenta a alma e arrula o corazón, 
évos, trocada en moza, unha Alborada vella 
que ten catro mil anos ou máis de tradición.

O celta, que didiante dos astros se axoella, 
deixounos nese canto de multiforme son 
o matinal saúdo á luz do sol vermella, 
feito de estrondo de himno e rogos de oración.

Como oración, cantárona nas festas familiares
nosos avós, nas xuntas e reunións do clan, 
nas procesiós sagradas, de noite antre os pinares, 
que un crego presidia cunha segur na man.

Nas xornadas de pesca pra sosegar os mares, 
nas sementeiras pra que non apodreza o gran;
por vales, montes, corgas, comaros e casares 
deixando de paz cheo e de harmonía o chan.

Como himno modulado na gaita dos antigos 
cantárona os gallegos que Anibal comandou, 
e fixo das súas notas saetas e castigos
Viriato cando con eles a Roma escarmentou.

No cume do Medulio, cos ceos por testigos, 
inda unha vez con eco guerreiro resoou, 
mais soballada a patria i a arbitre de enemigos, 
os himnos foron crime... e xa non se escoitou.

E dende entón os ritmos desa sonata amada 
a tan mezquiño estado chegaron entre nós, 
que entraban no turreiro, na esfolla, na fiada 
andaban na zanfona dos probes pidinchós.

"¡Ergueivos! -lle decía á raza dominada-, 
ergueivos e calzaivos zapatos de mallóns; 
e vinde, pola perda da libertá preciada, 
con dous lacós pro santo, a dar gracias a Dios".

Ás aguias semellante que pelan pruma a pruma 
e morren de extrañía cando en prisión se ven, 
na ergástola do escravo que soio dor rezuma, 
así perdeu súas galas esa canción tamén.

Aquela escada fónica con que hastra o ceo se escuma, 
aquel marcial refolgo que armara brazos cen, 
¡non máis zombar se ouíron! ¿Que falla fan, en suma, 
si xa tempros os dioses, nin culto os héroes tén?...

Así, escrita nos aires, á gorxa confiada 
da multitú versátil que troca, quita e pon, 
esfarrapada, coxa, ferida, mutilada, 
mais entre os seus farrapos mostrando o seu blasón,

Hastra estes nosos tempos chegou esa Alborada... 
Un gran artista viuna, moveuse a compasión, 
curoulle os pes, vestiuna, limpouna, e restaurada 
na xuventú primeira, levouna ó Orfeón.

E vela aí tendes, bella, magnífica, divina,
como a inventara un día o numen ancestral, 
dunha fe sona, nova pregaria matutina, 
de novos héroes, marcha novísima triunfal.

¡Ouh Pange lingua druídico, viaxeira pelegrina 
que vés de longas terras e vas pra o ideal,
como os avós xuntache contra a loba latina, 
xunta os netos agora contra o lobo central!...

¡Gloria ó xenio que en mares de inspiración se aneiga 
e deles tira mundos que fai á luz surxir!
¡Gloria ó mestre que volve a esta cantiga meiga
a maxestá perdida nas loitas do vivir!

¡Gloria a quen un tesouro nesa canción nos leiga, 
que ha ser a Marsellesa galaica do porvir!... 
¡Eterno aprauso, vítores eternos ó gran Veiga 
dun polo ó outro polo, do cénit ó nadir!





("Aires da miña terra", 1880)