Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

A EMIGRACIÓN

( Manuel Curros Enríquez )


emigración

Cando nas noites de luar caladas 
vía unha estrela polo ceo correr, 
decía miña nai, cas maus direitas:
"¡Dios te guíe con ben!"

Dende entón, cando vexo que un gallego 
a terra deixa onde infelís naceu,
i achego busca noutras praias, digo:
"¡Guíete Dios!" tamén.

Non o culpo, ¡coitado!, non o axo, 
non pido pragas nin castigos pra el, 
nin de que é dono de coller me esquezo
pra onde lle conviñer.

¡Que aquel que deixa seu natal curruncho 
e fóra dos seus eidos pon os pés, 
cando troca o seguro polo incerto,
motivos ha de ter!

Preguntaille, e diravos que sin rego 
o milleiral, o lume sin cardés, 
sin herba o gando e sin traballo o home
non se poden manter.

Diravos, si, que é pouco canto gana 
prás arcas do señor e prás do Rei, 
¡fai un mes que non comen cousa quente
os fillos i a muller!

E diravos que porque dus destrales 
mercou nunha ocasión us poucos bes 
¡xuroulle o crego non lle dar sagrado
si chegar a morrer!

I havos decir que lonxe, alá moi lonxe, 
alén do mar que o vai tragar tal ves, 
si libertá, si pan non logra, santa
tumba terá xiquer...

¿Quen sodes vós, chorosos niquitates, 
ruís louvadores dun Poder cruel, 
que as alas de ouro dun esprito libre
agrilloar querés?

¿Por virtú de cal próvida promesa, 
en nome de que Dios, nin de que lei 
querés que aquel que á morte condenastes
non fuxa, si puder?

¿Que lle ofrecedes na nativa terra 
a ese que a cruzar vai mares de fel? 
¿Resinación? -Con ela non se come...
¿Fe? -¡Non lle basta a fe!...

¡Correde o velo que a Xusticia encubre! 
Daille traballo, libertá, saber...
¡Non é dina dos ósos de seus fillos 
patria que os non mantén!

Dicen que como o Miño, o noso pobo 
na terra donde nace quer morrer; 
pero o sono do río é sosegado
i o deste non o é.

O río ten un leito mulidiño, 
perfumado de rosas e cravés; 
tamén tiña outro o pobo, mais... vendéronllo
i agora non o ten.

¡Deixaino que o adiquira donde poida! 
Deixade ó gafo Xob co fol á res 
buscar o muladar onde se espiolle.
¿Sanará?... Pode ser.

A civilización i as anduriñas 
dunhas terras prás outras van e vén; 
querer que non emigren e matalas
o mesmo ven a ter.

 




("Aires da miña terra", 1880)