Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Os días e os números nas crenzas e supersticións galegas


Dentro das crenzas e supersticións galegas algúns días da semana eran considerados como "fastos" e outros coma días "nefastos" , felices e infelices. Este feito tivo a súa orixe nalgunhas coincidencias. 

Para moitas das nosas xentes o martes era un día aciago, como o era tamén o día trece de cada mes. Nalgunhas comarcas tiñan o costume de non mata-los porcos en mércores, pois pensaban que neses días a carne diminuiría. 

Era xeral a crenza de cós venres non se debían corta-las unllas porque dese modo nacerían uñeiros e algúns chegaban a supoñer que esa operación tampouco podía facerse en días con letra "erre" , os que ademais eran nefastos para certos negocios.

Os días da semana nos que esta letra, “r”, formaba parte do seu nome, eran considerados aciagos ou alomenos pouco propicios para as labores do agro como facer plantacións, sementar, recoller legumes e practicar outros traballos. 

Hai un antigo refrán galego que recomendaba: "en martes non te cases, nin te embarques, nin o teu porquiño mates"..., o que contribuíu moito a manter vivo o noxo invencible cós campesiños profesaban á letra erre.. 

O día máis indicado para corta-las unllas, segundo as supersticións era o luns, porque deste xeito, non doería a cabeza. Do sábado xa era sabido que era o día sinalado para se xuntaren as bruxas en aquelarre. 

A parte destes casos concretos, é indubidable que uns días se miran con xúbilo e outros con prevención, exteriorizándose nalgúns deles as ledicias e noutros as manifestacións de mágoa.

Coma exemplo disto, pódense destaca-los seguintes días:

Día de Corpus: o xoves inmediato logo do Domingo da Trindade, no que a Igrexa celebra a institución da Eucaristía. É unha festa relixiosa que se fixo moi popular e orixinou o antigo refrán que di : 



"Día de Corpus,
miña comadre,
pásache o touporroutou pola rúa".



Día de defuntos: o 2 de novembro, no que a Igrexa celebra a conmemoración dos fieis defuntos. Esta cemiterio lembranza cristiá dedicada ós mortos sigue levando, hoxe en día, ós cemiterios de cidades e vilas grandes cantidades de flores, coma ofrendas, que os seus familiares colocan encol das sepulturas dos seus devanceiros.

Na comarca de Tui era costume antigo botar un gran pao ó lume a noite do día de defuntos, para que as almas dos antepasados se quentasen. Noutros tempos, nese mesmo día os moitos pobres e aínda os poderosos da terra mindoniense ían de porta en porta, cantando como en Nadal e pedindo para os defuntos pan, carne, fabas, viño e demais bens que recollían e levaban ás súas casas onde os consumían en rexoubeiros banquetes. Esta práctica foi condenada polo Sínodo daquel bispado no ano 1541.

Día de San Xoán: un dos costumes deste día é o lavarse pola mañá en auga fresca, de herbas recendentes, pois di o antigo romance:

Día de San Xoán alegre, meniña, vaite lavar;
pillarás auga do paxaro denantes de o sol raiar;
irás ó abrente do día a auga fresca catar
da auga do paxariño que saúde che ha dar.
Corre, meniña, vaite lavar...

O número nove, ó contrario do trece, pasaba por ser un dos privilexiados e dos múltiplos do tres é o que posuía maiores virtudes para as xentes aldeás. A tal crenza provino de moi antigo e estaba tan arraigada que o seu influxo se advertía en moitos aspectos da vida rural. 

Así, para que os baños mariños ou medicinais aproveiten, habían ser precisamente nove, ou, alomenos, habían ser tomados en número impar... A auga de nove fontes, bebida logo das doce da noite de San Xoán, e os golpes de nove ondas do mar (coma os do Santuario da Virxe da Lanzada) recibidos á mesma hora da propia noite milagreira. Deste modo, poden ter excepcionais propiedades de curación. 

Para quita-lo orballo ou facer desaparecer un colleitizo, había que practicar durante nove días os procedementos que estaban aconsellados. Se se querían cura-las úlceras, ou as lombrigas dos rapaces precisábase botar nun prato de freixo nove cabezas de ortigas e nove areas de sal repetindo, asemade, nove veces a oración axeitada para tales casos. 

Outras doenzas, tamén para ser curadas, tiñan que se facer nove veces cada un dos nove días seguidos as prácticas que para iso estivesen sinaladas. A ictericia curábase igualmente ouriñando nove mañás consecutivas encol da planta chamada marrubio... O número nove estaba considerado en Galicia como propicio e favorable dentro das supersticións e das crenzas.




Mónica Beatriz Suárez Groba

FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ

 

LER MÁIS: ARQUIVOS DA NOSA CULTURA