Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O DEMO NAS CRENZAS GALEGAS



O demo baixo os seus innúmeros nomes vulgares coma: cachano, demachiño, democho, demóncaro, demoncre, demonche, demontre, demóñaro, demoño, demoro, denllo, deño, diabo, diabro, pecado, perello, perete, rabudo, sucio e outros, é o ente misterioso que inspirou a máis curiosa serie de frases, feitos, modismos e ditos á literatura popular de Galicia, conformando un copioso folclore. 

Contábanse del moitas consellas para pinta-los seus enganos e trasnadas e o mal pagamento que lle daba ós que del se fiaban. Na cultura galega abundan os contos nos que gaña a alma dun avarento ou dun cobizoso que xoga ás cartas; nos que fai apostas e gáñaas, levando ó inferno ós que apostaron consigo; nos que compra rapaces pequenos ós pais; nos que se disfraza para se ofrecer de padriño dun neno ; nos que axuda a alguén a saír dun apuro; e nos que dá consellos e ensina artimañas. 

carballeiraDe moitas cousas enxeñosas e invencións novas que non estaban ó achego de todos, dicíase vulgarmente que eran "cousas do demo". E do mesmo xeito que levaba a culpabilidade de todo canto malo nos facían e facíamos. Pola contra, en todo o que el executaba, adoitaba deixar sempre o seu rabo fóra, segundo a crenza xeral; por iso moitas das súas picardías eran descubertas, de alí ven a frase : "o demo fainas e o demo descóbreas". 

Para as xentes sinxelas o demo era o que transportaba polos aires bruxos e bruxas, levándoos, sentados en vasoiras, ó aquelarre, xuntoiro que el presidía en forma de macho cabrío, e onde todos en rolda o bicaban nas nádegas.

Algúns escritores consideraban o diaño coma sinónimo de demo, pero non era así exactamente, porque as xentes do rural tíñano máis ben por un espírito familiar semellante ó trasno co que adoitaba confundirse. Mentres o demo representaba a perversidade no seu significado máis aveso e aborrecible, o diaño era o ente xoguetón, prototipo da viveza, que coas súas burlas inofensivas acadou no pobo galego certa simpática familiaridade, sen dúbida porque os seus entretementos e as súas chacotas se axeitaban moi ben ó noso carácter, dado á mofa. A mesma habelencia que o diaño empregaba para realiza-las trasnadas, sen deixarse ver nin sorprender, era un motivo máis que facía medra-la simpatía e a popularidade por el entre o vulgo galego. Tal crenza está expresada neste refrán: "Deus é bo mais o diaño non é mao".

Era tan grande o poder atribuído ó demo na crenza vulgar que chegaba a meterse no corpo dalgunhas mozas, tomando entón o nome de sucio ou zucio porque cando as posesas caían en "trance" ou "pasamento", botaban pola boca moreas de pelos entre frases malfaladas. Esta andrómena provocou que moitas das que se crían víctimas do histerismo que padecían, chamado en galego, "ramo cativo", acudisen a determinados santuarios para quita-lo demo do corpo durante a misa e en medio de convulsións e de palabras mal soantes, impropias do sagrado lugar.

Tívose tamén por certo entre campesiños supersticiosos o chamado "pauto co demo", que era asinado con sangue e, mediante o que, chocando un ovo de galo negro, se obtiña un demo pequeno que se metía nun agulleiro xunto cun pouco de mercurio e unhas limaduras de ferro. Este agulleiro era logo un seguro talismán para que o pequeno demo invisible fixese todo o que se lle mandase, por moi imposible que fose. Deste xeito, da persoa que descubría o que estaba moi oculto, ou da que facía adiviñacións sorprendentes ou realizaba cousas marabillosas que non todos podían acadar, adoitábase dicir: "seica ten pauto co demo".

Abundaban os amuletos entre as nosas xentes campesiñas coma preservativos de maleficios. Dos derivados das plantas e froitos pódense citar o allo, a cebola, o codeso, a pataca, o mesmo que ramas de loureiro e de oliveira. Había ademais a vasoira, as figas, os escritos e os evanxeos; así mesmo, as pedras bezoares, de ara, do raio e outras; o aceite das miñocas, o anelo da gran besta e o anelo do alicorno, a árbore do Santo Eutelo, os cornos da vacaloura e os osos de defunto, a castaña de Indias, a bulsa dos adobíos (bolsiña que adoitan levar as xentes supersticiosas e que contiña un cacho de pedra de ara, un dente de allo, un anaco de pezuño de cabalo e outras cousas ó xeito, era considerado amuleto eficaz contra dos meigallos, tamén adoitaban pendurala ó colo dos rapaces para preservalos do mal de ollo), a camisa da cóbrega e outros moitos ós que no país se atribuían virtudes e propiedades marabillosas.

Os conxuros ou esconxuros consistían en fórmulas e ritos misteriosos, acompañados de oracións especiais e adoitaban practicarse a altas horas da noite, co gallo de que os oficiantes non fosen turbados por ninguén, cousa que se consideraba esencial para que resultasen eficaces; facíanse en determinadas igrexas, illadas de toda vivenda.

A existencia do esconxuro respondía en grande parte á antiga crenza de que o demo se infiltraba no corpo dunha persoa, producindo nela os fenómenos do "ramo cativo". Había o chamado "esconxuro deprecativo" e tamén o "imperativo" , podendo ser tamén conxurados indirectamente os animais da casa, e aínda as cousas, coma o sal, as nubes, os tronos, etc. 

Nalgunhas das nosas parroquias, o mesmo día que un neno era bautizado, os padriños rogaban ó cura que lle esconxurase as lombrigas, e se o rogo non era atendido vían onde lles petaba. En Sober (Monforte), cando unha persoa era picada ou mordida por un animal que se pensaba era pezoñento, facían varias cruces encol da ferida e tamén recitaban este ensalmo supersticioso:

Se es cobra, ponte en roda;
se es sapo, anda arrastro;
se es salamántiga, vaite á barranca;
e se es araña, vaite á baba.

Queimaban logo unhas pólas de allo e coa cinza cubrían a ferida, procurando que esta permanecese cuberta deste xeito dúas ou tres horas alomenos.



Mónica Beatriz Suárez Groba


FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ

 

 

LER MÁIS: ARQUIVOS DA NOSA CULTURA