Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Os animais nas crenzas galegas


En moitos pobos antigos existiu o culto e a adoración ós animais; e algúns dos nosos escritores así o confirman no referido a Galicia, engadindo e demostrando con datos elocuentes que os tempos protohistóricos deixaron no noso país vestixios claros tamén do culto ofiolátrico, e dicir ó dispensado ás serpes. 

Por outra banda, os animais constitúen frecuentes e variados motivos de ornamentación en gran número de igrexas galegas e noutros antigos edificios. Os animais interveñen en moitas lendas da nosa literatura, falando e dialogando, dotados de intelixencia e de linguaxe. Tamén as incrustacións atopadas en varios rochedos de lugares galegos conservan presentacións de animais. No folclore galego os animais interveñen moito nos contos, frases, adiviñas, agudezas e proverbios, tal é o caso dalgúns deles, coma o raposo, o lobo, o rato, a donicela, o cocho, o galo, o cuco, etc.

A abella é considerada como o emblema da actividade e do traballo e por iso nos nosos refráns castígase a quen mata abella un destes insectos. Ademais, os nosos labregos pensaban que os espíritos (as ánimas) dos mortos viñan de vez en cando á terra coa aparencia dunha abella. De aquí provén, sen dúbida, o respecto que se lle gardaba a este animal en Galicia.  Existe un refrán que di:

 "O que mata unha abella ten cen anos de pena".

Os abellóns e abesouros (nalgúns lugares chamados "abelouros") forman colonias que se instalan no chan debaixo de masas dalgunhas plantas coma o brión e o lique. Os nosos labregos pensaban supersticiosamente cas meigas que querían facer dano tomaban a forma de abellóns. De aquí é que ven o refrán galego que di : "o que mata un abellón ten cen anos de perdón".

Os nosos labregos denominan alacrán á eiruga da bolboreta de caveira, chamada tamén bolboreta da morte, e a outras eirugas de tamaño grande que posúen feitío dun dedo, como as que se atopan entre a ramaxe das patacas, de cor cinza escura, as que hai nas follas das vides, de cor verde, as que hai nos montes, negras, e as que se criaban nas oliveiras. O alacrán, común en Galicia, está asociado á crenza popular de que a súa picada é mortal, o que fai que os nosos aldeáns sentisen cara a estes arácnidos un instintivo terror, tal como amosan non poucos refráns do folclore galego. Nuns lugares crían ca picada sandaba queimándoa e botando na ferida os pos do bichoco (vermes das carnes e froitas) ; e noutros lugares usaban para iso o aceite de alacrán. 

Hai un refrán popular que di:

Se te pica un alacrán
Busca crego e sancristán
Que mañá te enterrarán...



O unicornio ou alicorno é un animal fantástico, que ten corpo de cabalo, e represéntase cun corno no medio da fronte. Nalgunhas comarcas de Galicia chamaban tamén alicorno a un cabeiro de xabaril co que se realizaban curas milagreiras. Este alicorno estaba engastado na base dun armazón de prata. Xeralmente era gardado como se fose un tesouro por unha vella que o aplicaba contra toda clase de dores, incluídos os de parto, contra o tangaraño ou raquitismo que padecían algúns rapaces enganidos, contra as doenzas que se supoñían producidas por algunha meiga ou algún mal de ollo, e contra as cóbregas que, pola noite, ían zuga-los ubres das vacas e os peitos das mulleres que crían. A virtude curativa do talismán estaba nunhas lixeiras raspaduras que se lle sacaban e se botaban nun pouquiño de leite, sobre o que a vella facía tres cruces co mesmo alicorno e pronunciaba unhas palabras a xeito de esconxuro; despois o doente bebía o leite.

O chamado “anelo de alicorno” era unha sortella de prata que tiña engastado un cachiño de alicorno ou hasta de cervo voante, e que se chaman escornabois e vacaloura. A este becho atribuíanlle os labregos grandes virtudes, constituíndo un dos amuletos do país. Botándoo na auga onde se facía a masa para enfornar, pensaban que o pan levedaría máis axiña. Lavando as mordeduras de serpe ou doutro animal pezoñento con auga na que estivese mergullado este animaliño algún tempo, a ferida sandaría. Revolvendo a encaldada que se lle daba ós cochos coa man portadora do anelo de alicorno tíñase por certo que o cocho quedaría librado do maleficio que algunha persoa lle puidese ter botado na comida. Adoitábano levar os homes e as mulleres, polas propiedades marabillosas das que o crían dotado, pois tamén afastaba o mal de ollo e algunhas outras doenzas.

Anduriña dos penedosA andoriña e a ave que fai o niño de terra, colocándoo xeralmente non ángulos das fiestras, nos corredores das casas das aldeas ou debaixo dos tellados, e revestíndoos polos exterior con barro, e no interior de plumas, herbas e brión. Antigamente estaba consagrada ós deuses e por iso non a mataban, considerándoa como heraldo da primavera. 

Aínda hoxe son respectados os seus niños no noso país polos moradores das casas que elixe para procrear, porque en Galicia tamén é popular a lenda segundo a cal unha andoriña aliviou os sufrimentos de Xesucristo no Calvario arrancándolle co pico algunhas espiñas da coroa, sendo ademais xeral o sentimento de que leva a sorte á casa onde aniña, porque é o paxaro máis caseiro. Na comarca mindoniense adoitan ficar durante o inverno algunhas andoriñas que se resgardan nos penedos e fan os niños en palleiras.

Con relación ó año branco, o folclore galego daba por certo que para desengada-los fantásticos tesouros subterráneos que se pensaban, estaban baixo dalgúns castros era indispensable entregar ós mouros ou xigantes mitolóxicos que os gardaban un año branco, sen mancha ningunha doutra cor; e aínda había gardiáns tan esixentes que pedían que tivese dentes negros. Algúns folcloristas galegos, como López Cuevillas, supoñían a estes xigantes mitolóxicos animais coma gardadores dotados dun carácter infernal e demoníaco, a xulgar polas ofrendas eles que demandaban. Outros xigantes, pola contra, conformábanse cun animal puro, como se a súa natureza fose máis benéfica.

A araña en Galicia polo xeral non é do tipo das pezoñentas malia producir horror, especialmente ás mulleres. A súa picada, sen embargo, pode ser perigosa por contaxio ou transmisión, pois aliméntase de substancias animais, xeralmente descompostas. Os nosos devanceiros considerábana purificadora do aire porque na tea que fabrica, apreixa os corpúsculos danosos que pairan nel. Moitos dos nosos labregos tiñan o costume de frea-las hemorraxias coa tea de araña, da que superpoñían varias capas a modo de emplasto por riba da ferida aberta, favorecendo con este sucio apósito a coagulación do sangue. As xentes supersticiosas pensaban que cando as arañas camiñaban polas paredes cara arriba era sinal de bo tempo, cando andaban cara abaixo agoiraban treboada, e cando saían dos escondedoiros prenunciaban que ía chover; e así dicían que ventaban chuvia.

Os ouveos dos cans aínda adoitan ser considerados polos campesiños como agoiros fatídicos pois cren que prenuncian a morte próxima dalgún veciño do lugar que estea doente , sobre todo cando ouvean a altas horas da noite.

Pensaban que era de bo agoiro a súa aparición nocturna como un can branco ou, o contrario, como funesta se se presentaba como can negro.Consideraban moi axeitada a lingua de can para a curación de feridas e por iso deixaban que estas fosen lambidas por el a fin de que cicatrizasen máis pronto.

O can doente era o que padecía da enfermidade da rabia e percorría as aldeas no verán. Na comarca onde aparecía sementaba un pánico de tal magnitude que logo xurdían os homes armados con paos, fouces e outros apeiros de labranza para perseguilo e matalo. En Monterroso e outras zonas lucenses, o mesmo que noutras ourensás, cando unha persoa era mordida por un can doente, levábana a unha fonte para que mirase as augas do pío: se vía nelas a cabeza dun can era sinal de que o animal lle tiña infiltrado o virus; se non a vía, era este indicio de que a mordedela non transmitira a hidrofobia. Nalgunhas comarcas, por vella crenza, acudíase á intervención dalgún Santo para impetrar que non tivese consecuencias funestas a mordedela do can que se supón doente, sendo Santo Eutelo o considerado máis avogoso para estes casos.

O carneiro negro trátase, segundo a vella superstición ou mitoloxía galaica, do animal que con esta figura ía por veces coa Santa Compaña dirixíndoa e guiándoa na súa procesión nocturna a través de campos e fragas. 

A galiña non canta senón que cacarexa, por iso, cando algunha imitaba o canto do galo, crían os nosos campesiños que estaba a vir unha desgracia á casa ou que anunciaba a presencia dalgún xenio maléfico. Cando a oían cantar, adoitaban dicir: 



Pasa, mala cousa, pasa;
Deus bendiga a nosa casa
cunha panca por riba da casa.



Nalgunhas comarcas galegas, soíase curar a dor de costado aplicando sobre o punto unha galiña negra, viva e aberta en canal, e ademais era común pensar que o caldo desa galiña é moi saudable.

Tamén hai quen daba por certo que moitos dos tesouros fabulosos que existían debaixo dos castros ou das covas e furnas eran anunciados por unha galiña que tiña os pitos de ouro.

O galo é como un reloxo nocturno para a xente do rural; marca moi ben as horas, cantando tres veces: arredor das doce, de dúas a tres e ó saír o sol. O canto do galo antes da media noite tomábase supersticiosamente coma agoiro de morte ou desventura próximas.

O gato atópase na compaña do home porque este o precisa para opoñelo a outro inimigo doméstico, máis incómodo e difícil de escorrentar: o rato. Na Galicia campesiña o gato sempre foi considerado como un animal meteorolóxico; e por mor desta común crenza críase que moitos dos seus actos nalgúns días sinalaban o estado do tempo con máis seguridade cá dun bo barómetro. Deste xeito, cando o gato corría moito pola casa era sinal de vento; e cando lavaba a cara anunciaba unha visita ou chuvia próxima. Supoñían os supersticiosos que enviando un pelo de gato producíaselle epilepsia a quen o recíbese e que se se comía algo que o gato tivese probado, adquiríase asma ou algunha doenza propia dos gatos. Mesmo hai tamén aínda quen cre que un gato completamente negro dá boa sorte na casa, e outros pensan que é todo o contrario, que ver un gato negro é sinal de mala sorte.

Segundo as crenzas populares, o canto do grilo era sinal de benestar; por iso non se perseguían senón que se deixaban en paz os domésticos e cazábanse os machos para telos na casa durante o verán, pechados en gaiolas, onde pasaban toda a noite cantando. 

Os grilos que máis e mellor cantan son os que posúen na parte superior do corpo un debuxo que semella un "P", e que os rapaces chamaban "Príncipe", como chamaban "Rei" ó que loce un R no debuxo dos élitros, pero que non canta tanto nin tan ben. Os príncipes eran os preferidos dos rapaces, que ían cazalos ó campo, por seren os máis solicitados polas xentes das cidades que adoitaban compralos para o seu lecer.

Cando os rapaces de cidades, vilas e aldeas apañaban unha margaridiña colocábana coidadosamente encol do envés da man e, deixándoa en liberdade, dicían: " Margaridiña de Deus, abre as aliñas e vaite con Deus"...se o insecto voaba, deixábano marchar ledos e satisfeitos. En moitos lugares de Pontevedra, ó canto de margaridiña, chamábanlle xoaniña de Deus.

Hai moito tempo, en moitas comarcas de Galicia chamábaselle "marta" (anque este nome pertence tamén a un mamífero) a un paxaro nocturno semellante á curuxa. Críase en varias comarcas que cando se a vía voar arredor da lámpada para zuga-lo aceite era sinal de que andaban preto os espíritos infernais, a invisible presencia dos cales asustaba a este paxaro lúgubre.

Chamábanse paxaros da morte ós que pertencían á clase de rapina nocturna. Considerábanse mensaxeiros da morte, e críase cós seus cantos ou berros anunciaban o pasamento dunha persoa coñecida. Isto deu lugar a moitas crenzas. Temíase o seu canto lúgubre porque só se oía pola noite; sen embargo, tíñase como de bo presaxio se se refuxiaba nun pombal.

Moucho Baixo este nome, paxaros da morte, encontrábanse a maioría dos paxaros nocturnos como o bufo, a choia, a curuxa , etc. e eran todos estes considerados paxaros de mal agoiro polos campesiños, no só por viviren nos misterios das sombras, senón polos seus cantos lúgubres, que adoitaban ser considerados fatídicos por quen os oían.

Nalgunhas comarcas galegas críase supersticiosamente cas meigas se convertían por veces en moscas ou moscóns para facer dano ós homes e animais, e aínda se daba por certo que nos xuntoiros da noite de San Xoán as bruxas repartían as moscas que había haber nas casas durante o verán.

O encontro co moucho, esta ave, do mesmo xeito que o efecto de oí-lo seu canto, tíñase en moitos países como presaxio funesto e de mal agoiro. Desta crenza supersticiosa non se librou Galicia, como amosa o cantar popular que di: 



Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo.



Pensábase que cando as pegas e os corvos voaban adoito ó redor dunha casa onde houbese algún doente era sinal de corvo que morrería de contado. Os corvos e pegas dando voltas sempre eran considerados signos de morte...



Afirmaban os campesiños que se alguén collía a cabeza dun miñato e a colocaba sobre o estómago, facíase querer de todos, especialmente das mulleres; e que se a cabeza do miñato se penduraba do pescozo dunha galiña, esta correría sempre e non pararía ata que llela quitasen; e que se se fretaba co sangue do miñato a crista dun galo, este non volvería xamais cantar.



O morcego foi obxecto de preocupación en tódolos tempos. Hai quen aseguraba que bebía o aceite das lámpadas nos templos cando o que de certo procuraba eran os insectos que voaban arredor da luz. Hai quen o consideraba de mal agoiro se entraba nun cuarto. Sen embargo, era inofensivo e debería ter sido máis respectado e protexido porque era moi útil para limpa-la atmosfera de mosquitos, cínifes e insectos. O morcego non se pode facer doméstico, aínda que se apliquen nese propósito os maiores coidados; non é certo que teña visión na escuridade, como cre o vulgo, senón que a grande amplitude das súas ás, as longas orellas e a sutilísima finura do seu oído-radar substitúen a visión, e, deste xeito, pode penetrar nas covas, percorrelas en todas direccións e segui-las tortas galerías sen tropezar nos ángulos. Unha especie moi común en Galicia é o morcego de ferradura, grande, con varios apéndices nasais dotados dunha chamada ferradura arredor das ventás do nariz; outra é o morcego orelludo, así chamado polas grandes orellas.

A pomba foi considerada sempre como símbolo do amor conxugal, pola fidelidade que se gardan o macho e a femia pomba axeitadamente emparellados. Como elemento decorativo, a pomba figura representada en construccións rurais do país, pois non é estraño vela nas puntas dos tellados en outono, a dúas augas, unhas veces en repouso e outras en actitude de comeza-lo voo; e aínda servía de coroación a moitos canastros e a non poucas chemineas aldeás, en número de dous, colocadas unha fronte a outra. 

Considerouse tamén como ave de significación lúgubre e demoníaca, téndoa por símbolo fúnebre nas sepulturas cristiás. Esta crenza estaba tan arraigada na conciencia popular que nun romance antigo, a sogra cruel e vingativa dicía que ó volver da caza o xenro odiado lle daría de comer do que traia: da perdiz sería o de menos, e da pomba sería o máis, feito que amosa a pouca ou ningunha estimación na que era tida a carne de pomba. 


A salamántiga ou sacabeira, a que se coñece en Galicia é de brillantes cores, e por estes e polas formas que amosan chama a atención fóra do noso país... Ten como unhas seis polgadas de longo, rabo redondeado e cor negra con manchas de amarelo vivo ós lados, debéndose a isto o nome galego que se lle dá. Os campesiños considerábana velenosa, crendo que abondaba a súa presencia e proximidade e as súas segregacións, que eles chamaban orballo, para produciren doenzas graves no gando. Tal crenza non estaba xustificada, pois o líquido que flúe dos seus costados cando se alporiza só é mortífero para animais pequenos.

Había un refrán que dicía : "Se te morde a salamántiga, que che fagan logo a cama".



Mónica Beatriz Suárez Groba


FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ

 


LER MÁIS: ARQUIVOS DA NOSA CULTURA