Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Tradicións e crenzas na vida mariñeira

RITOS DE PROTECCIÓN

Na vida mariñeira existen toda unha serie de tradicións que buscan a protección da casa fronte a toda clase de inimigos invisibles. 

Vilas mariñeirasCando as casas están en construcción agóchanse, dentro das paredes, moedas que tiveran unha cruz e cando se rematan póñense en recunchos cornos, ferraduras ou ramos. Hoxe en día estase a substituír por comidas festivas ou pola súa beizón por parte do cura do lugar. 

Así mesmo, as entradas da casa estaban protexidas ó colocar ramos con xestas en flor (no mes de maio) ou ó pintar cruces de cor (normalmente vermella) nas portas, para cós malos espíritos non entrasen na casa. Incluso existe o costume de pintar desa cor algunha das paredes exteriores das casas.

Hai tradicións para os barcos novos, xa que cando se produce a botadura dun buque celébrase a cerimonia escachando contra el unha botella de cava, levando a beizón por parte do cura ou poñéndolle o ramo ou allos en calquera recuncho da embarcación. Son tradicións que sobreviven probablemente derivadas doutros ritos arcaicos.

Outras ocasións onde se celebran ritos de protección dos buques son na noite de San Xoán, cando tamén se lle depositaban ramos de xestas ou codesos, e no sábado de Gloria, espallándolle enriba auga bendita. 

Para protexe-la pesca , son variados os ritos que, no mundo mariñeiro, se realizan co gallo de tentar de atrae-la pesca: mediante asubíos, facendo ofrendas ó mar, como botar ó mar anacos de pan de millo, ou indo á misa antes de comeza-la tempada de pesca.

Outros ritos están máis relacionados cos propios aparellos de pesca, por exemplo cando se remataba de construír un aparello, sobre todo redes, botábanse sobre ela allos, bendicíase con auga bendita ou viño, ou golpeábase cunha póla de acivro. Frecuentemente, e despois dunha mala pesca, era costume malla-la rede cunha xesta ou con vimbios e, incluso, o propio barco.

Diferentes debuxos eran empregados, sobre todo, no sur de Galicia, para identifica-las barcas e aparellos de cada un. Debemos lembrar que as cores nas embarcacións é un feito relativamente recente, xa que os botes dos pescadores eran totalmente negros debidos á brea que os protexía. Sen embargo a outros símbolos, coma "o sansolimán", ou "a estrela de David", outorgábanselle poderes máxicos contra determinados perigos e inimigos.

A RELIXIOSIDADE DO MUNDO MARIÑEIRO

A fonda relixiosidade do mariñeiro galego é ben coñecida e dela consérvanse moitos e variados ritos. Non é estraño a busca de axuda sobrenatural cando se hai que enfrontar ós perigos que o mar presenta. 

Barcos no portoUn dos rituais máis difundidos é o do saúdo, consistente en saudar dende o barco ás capelas de virxes ou santos situadas nos promontorios da costa. Normalmente acompañábase dun grolo de augardente que o patrón lle ofrecía á tripulación. 

Outros costumes frecuentes eran a beizón do barco cada vez que comezaba unha nova tempada de pesca ou ir en procesión ata o santo ó que se lle tiña devoción cunha maqueta dun buque, que se deixaba na igrexa, como agradecemento pola liberación dun naufraxio. Tamén son abundantes as oracións ou ritos, ben para evita-los temporais ben para ter ventos favorables.

Nas costas galegas sucédense as devocións que teñen sempre coma protagonista ó mar... 

Citar tódalas referencias devotas da espiritualidade mariñeira, nunha terra coma a nosa, é unha cousa case imposible. Cada vila, cada aldea, cada lugar zoupado polas ondas e que sabe de invernos escuros e treboentos, foi tecendo a súa particular devoción e erguendo o seu senlleiro patrón. 

Dende Ribadeo a Tui, ducias e ducias de nomes van forzando unha chea de tradicións e fermosos costumes.

Ademais dos nomes antes vencellados á tradición mariñeira, en cada vila xorde un novo protagonista. Pódese citar á Virxe de Chamorro, patroa dos mariñeiros de Ferrol, vixía polo horizonte húmido alí cara ó Nordés, concedéndolle a súa protección a todo aquel que acode ata o seu santuario erguido nun monte rochoso e espido que lembra as paisaxes de Teixido ou de Muxía. Para outros, ollando máis ó setentrión, a devoción cambia de nome : Nosa Señora de Bares....Hai incluso quen conxuga a protección de varios padroeiros: 

"Veño da Virxe da Barca, / vou para a Virxe do Monte, / remeiriños de Muxía, / víndeme pasar que é noite". 

Xa en terras da Mariña luguesa, escóllese ó mítico San Roque, que igual cura un andazo, derrota o inimigo invasor ou domina os elementos da natureza, convertendo ademais os seus devotos á súa particular "afección'' nunha cantiga : 

"Catro vellos mariñeiros, / catro vellos mariñeiros / todos metidos nun bote. / Voga, voga mariñeiro / vamos para Viveiro / xa se ve o San Roque". 

Tamén hai outros patróns máis descoñecidos coma Santa Bárbara ou incluso unha parella de sabios segundo di esta cantiga:

"San Xerome e San Román, teñen as chaves do temporal / e así como eles son santos / sexan os tronos amansados''. 

Mais sonada pola súa vocación procreadora -os baños das nove ondas en A Lanzada- non debe facer esquecer este rito a antiquísima tradición de avogosa protectora da Señora da Area en Sanxenxo, onde se ergue a románica ermida a carón do areal, e que segundo afirma a tradición ten o honor de impedir que ningún mariñeiro afogue nesas augas, pois como di a cantiga:  

"Nosa Señora da Area / dona da Lanzada / non permite que o mariñeiro / teña morte afogada". 

Identificacións e advocacións curiosas incluso se dan en lugares coma o fermoso lugar de Xuño, en Porto do Son. Alí o cadáver dun descoñecido mariñeiro que levou o mar á area foi identificado co mesmo arcanxo San Miguel, e a súa tumba era o lugar ideal para deitarse e así recolle-los beneficios daquel soño: a seguridade da súa protección e o afastamento de desgracias no mar

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "Conociendo a Galicia", Xosé María Manteiga.

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ