Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O CIPRIANILLO NAS CRENZAS GALEGAS

Segundo as crenzas galegas, O Ciprianillo ou o chamado tamén "salterio de San Cibrán", era un libro de maxia no que se atopaban as artes diabólicas e os rituais necesarios para a busca e achado dos tesouros que os "encantos" e os "mouros" tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Tamén quen o posuía, tiña o poder de facer fuxir ó demo. 

Foi un libro de culto xeral en Galicia, desexado e buscado por moitos. Quizás o seu éxito era debido ó incalculable número de tesouros buscados nos monumentos prehistóricos, ou tamén pola abundancia de metais nativos e preciosos no noso chan. 

Por toda Galicia, en moitas das súas aldeas, existía a crenza popular , que había quen tiña escondido este tan famoso libro, e este feito deu lugar a moitísimas lendas e contos. 

Salterio O Ciprianillo tratábase dun arcano volume composto de rituais e receitas máxicas, envolto nun profundo misterio, tanto no que se refire á súa composición xeral, coma no que respecta á súa orixe, que é atribuída a San Cibrán, pero a realidade é que se perde na profundidade dos tempos.

Dicíase que este laborioso traballo contiña tamén técnicas de exorcismo, e rituais contra os feitizos, o mal de ollo e o meigallo, segredos místicos sobre xenios bos e malos, etc.

Na acepción vulgar galega, o encanto é un ente misterioso da mitoloxía popular que se converte en ser material e activo, malia as súas calidades sobrenaturais.

Os encantos, coma tamén os mouros e outros seres místicos da nosa terra, son os que gardaban os haberes ou fabulosos tesouros que se pensaba, estaban agachados nas covas, nos conventos derrubados, nos castelos ruinosos, e en todos aqueles lugares abandonados.

Para usar con éxito o Ciprianillo había que busca-la "herba cabreira" e, ademais, era necesaria a presencia dun cura que, revestido de estola, soubese ler e "desler" no fantástico libro e que tamén tivese moito valor, porque cando saíse o encanto en forma de serpe, non debía suspende-la lectura nin fuxir, pois se facía unha ou outra cousa quedaría enfeitizado el e os seus acompañantes.

Esta cerimonia ou práctica supersticiosa había que realizala formando un círculo no chan e meténdose nel. Unha vez dentro todo o grupo, e lendo o cura sen deterse tódalas fórmulas e ensalmos do libro, o feitizo amosábase coas ocultas riquezas, deixábaas e desaparecía tan axiña se debuxase unha cruz dentro do mesmo círculo.

Algúns dos nosos escritores deron por certa a existencia do Ciprianillo, entre eles Barreiro de Vázquez Varela no seu libro "Brujos y astrólogos de Galicia". Afirmaba Murguía que no contido deste libro de grande sona e nas fórmulas que nel se expoñían, eran visibles as pegadas das supersticións celtas.San Cibrán de Guláns

O Ciprianillo tamén era unha axuda para facer pactos con espíritos infernais sen sufrir dano ningún. Para iso, o que se dicía é que había que trazar no chan un círculo cunha rama de abeleira, despois de ter dito unha serie de frases en latín con moita devoción e levar un carneiro negro. Dese xeito, logo aparecerían moitos fantasmas porque o demo non quería que se descubrisen as súas riquezas ocultas. Pero o buscador de tesouros non debía fuxir senón todo o contrario.

Tamén se dicía que nun capitulo deste libro, estaba explicada a forma de facer chover e afasta-las treboadas, seguindo para iso unha serie de rituais.

O Ciprianillo sempre foi un libro moi difícil de conseguir, porque era celosamente gardado e fixo afastar demos e malos espíritos ó longo dos séculos nas lendas e crenzas galegas.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

- Bibliografía consultada:    "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ