Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O culto ós astros nas crenzas galegas

O culto dos astros, en especial, do sol e da lúa, estivo antigamente moi arraigado en Galicia, e aínda o segue estando entre xente aldeá, segundo revelan fragmentos de romances populares que se conservan, e nalgúns dos que hai visibles reminiscencias pagás e supersticiosas. 

O CULTO Á AURORA

Entre os montañeses de Cervantes, na provincia de Lugo, había moitas reminiscencias claras do culto á aurora. Logo de muxi-las vacas, a montañesa ofrecía as primicias do líquido á deusa que abría as portas do día, poñendo unha cunca de leite na fiestra que miraba cara Oriente; e cando unha desgracia sucedía a unha familia daquela comarca, non só pedían protección á aurora, con palabras e fórmulas descoñecidas, senón que tamén presentaban unha torta da primeira cocida ó luceiro da mañá. 

O CULTO ÁS ESTRELAS

estrelasAs supersticións galegas daban por certo que a abundancia ou baile de estrelas errantes sempre foi sinal de mal agoiro; que cando se mudaban dun lado a outro e levaban un ronsel luminoso e encarnado sinalaban a proximidade dunha guerra; e que a dirección das estrelas fuxidías denotaba a marcha que ía te-lo tempo o día seguinte. 

Tamén había a común preocupación de que mirando unha estrela de noite e tocando cun dedo o cute, aparecería necesariamente unha verruga na parte do corpo que se toque, sempre que se dixese mirando alternativamente: "estreliña alí; verruguiña aquí". 

Estrela escura: luceiro da tarde ou do solpor, nome que daban a Fisterra, tan vencellado ás lembranzas mitolóxicas da antigüidade. Chamábana así, porque recibía as almas dos que expiraban e porque brillaba en occidente encol das augas onde acababa o mundo, e onde as barcas que abandonaban as orelas xamais tornaban á ribeira. 

Estrela panadeira: así chamaban ó planeta Venus que, segundo a popular crenza, era o que repartía a abundancia do pan, de onde lle viña en Galicia o seu dobre nome, pois tamén lle chamaban estreliña da fartura. 
Se aparecía cara a Castela, había nesa rexión a abundancia; e se o facía cara a Galicia sería a nosa terra galega a favorecida. Nalgunhas comarcas luguesas, sempre que amasaban o pan, ofrecíanlle unha bola, que cocían no forno, deixándoa logo á noite na fiestra que miraba a oriente. 

Estreliña do luceiro: luceiro da alba, estrela matutina, á que os vellos mariñeiros galegos facían ás veces partícipe dos seus gaños, porque crían que vixiaba polas súas vidas azarosas nas sombras da noite. 

Hai unha copla popular que di:

Estreliña do luceiro,
a da moita claridade,
vaise o día, vaise a noite,
vaise a baril mocidade.



O CULTO Á LÚA

Para o pobo galego a lúa semellaba ser unha deidade maléfica e, por veces, benfeitora. Influía no carácter e nos destinos. Por iso os campesiños din que "ten lúa" ou "está de lúa" quen amosa propensión a algo que non é normal nin corrente; polo mesmo motivo non se expón un porco aberto á lúa porque se aluaría o touciño; por iso evitan coloca-las patacas en lugares que dea a lúa, porque se volverían verdosas por fóra; nalgunhas comarcas vinícolas non se podan as viñas en xaneiro, polo temor a que a lúa dese mes, chamada lúa morta, as deixe aterecidas.

astroPola contra, a mesma lúa de xaneiro é boa para mata-los porcos; o seu crecente para salgalos, se se quere que medre a carne no pote; e o minguante para afumalos ou curalos, se se desexa que non críe vermes. A lúa de marzo considérase inmellorable para poda-las árbores, referíndose para iso o minguante, no cal se podan os castiñeiros, mentres que noutras comarcas se emprega o crecente para poda-los carballos. O cuarto crecente da lúa de agosto é axeitado para que aproveiten os baños ó doente. As mulleres elixen o crecente para corta-lo cabelo porque este acada máis vigor e medro. E nos portos de mar existe a crenza de que os que están para morrer falecen xeralmente ó subi-la marea. 

Os eclipses de lúa, do mesmo xeito cós do sol, posúen un misterioso poder para os paisanos, resto quizais de remotas preocupacións ou de vellos cultos. Nas cantigas populares a lúa caracterízase como triste, silandeira e vencida polo astro diúrno; a súa condición de compañeira da noite vai vencellada a diversos actos da vida agrícola e doméstica.

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", Eladio Rodríguez Gónzalez

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ