Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O castiñeiro de Pombariños

Unha árbore sen terra (Rozavales-Manzaneda)

 

por :   Tomás  Vega  Pato ( Debuxos e fotos do autor)

 

Artigo publicado na revista  "RAIGAME",  Nro. 3  (Novembro 1996)  editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense



Castiñeiro de Pombariños

 

Nunha comarca con tanta tradición e arraigamento do cultivo do castiñeiro, como son as terras de Manzaneda, O castiñeiro de Pombariñosforzosamente tiñan que darse especiais curiosidades en torno a esta árbore que xogou tan importante papel na dieta alimenticia dos seus habitantes, influindo ademais na peculiar tipoloxía dalgúns elementos que compoñen a súa vivenda ou construccións auxiliares, mobiliario, enseres, etc., e aínda nos costumes festivos, ou mesmo no entretemento dos nenos que atoparon no castiñeiro elementos propicios para liberar a súa creatividade mediante a confección dalgún dos enredos cos que acostumaban xogar  (1). 

Dos abultamentos do tronco do castiñeiro tamén se obtiñan as bolas empregadas no xogo dos bolos propio da parroquia. 

Imos a ocuparnos aquí de aspectos do castiñeiro de notoria singularidade, remitíndonos só ó etnográfico e natural, xa que o caso concreto que describiremos presenta interesantes aspectos xurídicos que non son habituais na nosa investigación e que non dubidamos merecerán a atención doutros especialistas que no futuro se ocupen de ditos aspectos. 

Referímonos a un xigantesco castiñeiro de gran antigüidade, habendo que cifrar a idade do mesmo nuns mil anos  (2). Existe no lugar de Pombariños moi próximo á aldea de Rozavales na parroquia de San Martiño de Arriba. O acceso ó emprazamento do castiñeiro faise pola estrada Pobra de Trives –Encomenda– Manzaneda, tendo que percorrer un pequeno treito a pe por bo camiño. Perímetro do castiñeiro de Pombariños

O chamadoiro de Pombariños é unha superficie poboada de grandes e fructíferos castiñeiros, situada nunha altitude media duns 700 m.s.n.m., cal cota se empraza no límite superior dunha franxa onde se observa un menor efecto da enfermidade denominada tinta.

Queda comprendido o devandito topónimo entre o lugar de Rozavales e os sitios de Chao de Pisco e A Espiuca, limitando tamén co camiño que leva á serra, e que, ascendendo polo penedo Rubio, Chao de Pexa e o Piago acada a cume da Cabeza Grande.

FOTO: Persoas «abrancando» o castiñeiro de Pombariños para estimación do seu perímetro

Pero a peculiaridade do castiñeiro non só se basea na súa lonxevidade, ou na súa descomunal corpulencia, a este respecto diremos que o seu perímetro, medido á altura da vista dunha persoa de estatura media, aproxímase ós 14 metros. Para ter unha idea máis gráfica diremos que se precisan dez persoas adultas collidas das mans, cos brazos extendidos para "abrancar" todo o seu contorno. Silueta da cara leste do castiñeiro de Pombariños

A peculiaridade máis sobresaínte consiste no seu réxime de propiedade que é o de castiñeiro sen terra. Estriba esto en que os propietarios da árbore, é dicir, os que se benefician da colleita dos "bullotes", producción de madeira, leña, etc., non son os propietarios do terreo no que ten arraigamento e no que, á súa vez, se practica ademais outro cultivo compatible coa recolección das castañas. Sonnos coñecidos outros casos de castiñeiro sen terra; na súa maioría secaron a causa da plaga da tinta. Por facer referencia a algún destes mencionaremos en Manzaneda o do Lameiro da Aira, o das Regadas, o da Ponte Barxa e o das Cruces. 

 

FOTO: Cara Leste do tronco; silueta comparada.

 

A orixe dos castiñeiros sen terra, segundo as pesquisas realizadas, deriva case sempre das partillas, quedando a terra de labor ou prado en posesión dun herdeiro e o castiñeiro na do outro. A este respecto convén aclarar que non nos é coñecido ningún castiñeiro sen terra situado nun souto. Esta circunstancia obvia, polo tanto, a opinión, baseada máis na hipótese que na tradición, de que este singular réxime de propiedade teña outra posible orixe nun préstamo de diñeiro ou especies, deixando a árbore como garantía a xeito de hipoteca que en caso de incumprimento pasaría á propiedade do prestamista. Non obstante enos coñecida, aínda que nun só caso, outra forma de orixinarse a posesión do castiñeiro sen terra. 

Nun monte comunal de pastoreo alguén planta para a súa explotación persoal, sen obstáculos polo resto dos veciños, un castiñeiro ou varios; posteriormente outro veciño, tamén sen oposición comunal, "rompe" o mesmo terreo para sementar centeo; este último será quen consolide a propiedade da terra, respetándolle ó primeiro a dos castiñeiros e por conseguinte da súa producción e aproveitamento integral. 

En calquera caso o dereito á árbore remata coa súa extinción natural, o que é aceptado e respetado por ámbolos dous propietarios, salvo que se dea determinada circunstancia, derivada dun comportamento natural da árbore o cal aseguraría o dereito á continuidade do mesmo. É sabido que os castiñeiros debido á acción de certos organismos, como poden se-los fungos, larvas de insectos, etc., e cando o tronco ten certa corpulencia e idade, adoita secar interiormente ó descompoñerse, dando lugar ó que  coñecemos por caracochas. Cando esto sucede, e posiblemente por necesidades de arraigamento, o castiñeiro bota raices no interior, das que xurde algún rebento  (3) , ou brote, que cando convén "guíase" para substituir ó castiñeiro matriz ou portador (4). 

Este comportamento natural do castiñeiro da lugar á aparición da picaresca, de xeito que cando non se da a presencia do rebento de forma espontánea, recórrese ás veces á introducción subrepticia dun pé, obtido por semente, a xeito de brote dentro da caracocha, así, cando este alcance o porte necesario, no caso de extinción do castiñeiro primitivo, e sempre que o fraude non sexa detectado permanecerá o dereito á árbore (5). 

Como remate diremos que o castiñeiro de Pombariños goza de gran popularidade dentro e fóra da comarca, sendo costume que os descendentes de emigrados da parroquia nas súas visitas a Galicia veñan a contempla-la árbore cal coñecemento, mitificado, obtiveron por relato dos seus maiores. 

Na actualidade e despois da súa cesión polos seus propietarios –familia García Fernández– á Xunta de Galicia, temos noticias de que este organismo proxecta levar a cabo diversas actuacións no contorno, en orde a unha mellor conservación e máis fácil acceso ó castiñeiro, así como á creación dun espacio para ocio e recreo. 

Como curiosidade engadida diremos tamén que a producción de froito do castiñeiro, segundo nos comentaron os propietarios anteriores á familia que fixo a cesión, era, nun ano de boa colleita, superior ós corenta ferrados, é dicir uns 700 Kg. Así mesmo algunhas das trabes obtidas do castiñeiro, e que se conservan en edificacións destes antigos propietarios, superan os trece metros de lonxitude. 

A árbore chegou a ter simultaneamente ata cinco destas grandes pólas, o cal da idea do imponente aspecto que en tempos tivo, moi diferente ó actual, aspecto que previsiblemente non recuperará nunca, xa que distintos factores, dos cales os principais foron o lume e os efectos dun vendaval, imposibilitaron a permanencia dunha fronde en tales condicións, pois o actual tronco non soportaría semellante carga. 

falso rebento nun castiñeiro

Introducción dun falso rebento na caracocha dun castiñeiro.

 

VOCABULARIO

 

Abrancar Abarcar, abranguer Bullote Xeralmente castaña, aínda que na actualidade o termo aplícase máis á castaña asada no tixolo ou cacho. Chamadoiro Topónimo dun conxunto de eidos. Guiar Por titor e coidar un rebento, ou planta para que medre dereito e san. Romper Traballar, labrar por primeira vez un terreo para o seu cultivo. Tixolo Utensilio de ferro con mango e asa, no que se dispoñen rendixas para facilita-lo asado dos bullotes. Tamén se denomina cacho. Pónse ó lume dependurado dunha gramalleira.

 

         OUTRAS VERBAS RELACIONADAS COS CASTIÑEIROS

Abano Utensillo para, mediante movementos alternos: arriba, abaixo, esquerda e dereita, separa-las castañas secas da muiña. Cóllese por dúas asas laterais e cólgase do pescozo mediante unha corda. Ten forma de media lúa e leva un cerco semellante a un ladreal curvo que diminúe en altura dende o centro cara ós lados. Banduxo Abano. Bolécara 1. Castaña abortada dentro do ourizo, só consta dos tegumentos, sen froito interior.
2. Tributo que a xente da montaña, maiormente os queixalaos tiñan que pagar ós da ribeira (ribeiraos), pola posesión de soutos e sequeiros. Consistía nunha cesta de castañas. Cos cartos obtidos da súa venda celebraban os mozos unha comida coñecida por “conrobla”. Burgazo Castaña fresca cocida, para comer con leite. Caldudas Comida a xeito de potaxe, feita basicamente con castañas secas cocidas. Mamota Castaña asada que quedou blanda, e non libera a casca con facilidade. Mol Dise da castaña seca que non alcanzou o grao suficiente de deshidratación, polo que non se garda. Era a ledicia dos rapaces durante a pisa. Muiña Tegumentos da castaña unha vez seca; sepáranse por medio do abano, sendo moi apreciados para face-lo braseiro, por arder moi ben. Picós Pequenos anacos de castaña seca procedentes da pisa. Destinábanse a comida para os animais. Pisa Acción de separa-la muiña das castañas secas. Realizábase mediante golpes, para o que se metían as castañas nun saco que se collía por dous homes polas dúas esquinas do fondo, e erguéndoo cun forte impulso golpeábase contra o pisón reiteradamente. Para colle-lo saco polas esquinas fondeiras metíaselle unha pataca e logo atábase. Pison Especie de talleiro para a pisa. Polo xeral estaba doutado de pés de madeira. Zaranda Abano

NOTAS

 

(1) . T. VEGA PATO: “Dos enredos tradicionales de la comarca Navea-Bibei (Ourense)”. Boletín de estudios Seminario FONTAN SARMIENTO, nº 11, Santiago (1990).

(2) . E. VIEITEZ CORTIZO. “El castaño” Caixa Ourense, Ourense (1996), páx. 35.

(3) . No caso que nos ocupa tamén se produciu este fenómeno como pode apreciarse nas fotografías.

(4) . Esto pode acontecer, non só pola morte do castiñeiro matriz senón por outras causas como poden ser: excesiva corpulencia con escasa producción, aproveitmento de madeira, necesidade de leña, etc.

(5) . Coñecemos un caso concreto que nos foi relatado por un dos fillos do autor, do feito no que foi introducido un falso rebento.