Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Alfonso Daniel Manuel RODRÍGUEZ CASTELAO

O PAI DE MIGUELIÑO ( de “Cousas”)

 

CastelaoO pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os “americanos” xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o “americano”, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o “americano” pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o “americano” pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño