Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Carta de Castelao dirixida ao Partido Galeguista no interior

(Bos Aires, 7 de agosto de 1946)

 

Fonte de información:  "A Nosa Terra" , 2 de novembro do 2000, número 959, páxina 33. (*)


Castelao expresa neste documento varias discrepancias cos galeguistas do interior, En efecto, considera que na detención de Piñeiro pola policía puido influir certo grado de imprudencia no xeito de operar dos galeguistas do interior. Ofrecía o apoio económico do exterior que se precisase e, a piques de sair para París -aproveita para explicar as causas da demora na súa partida-, indica ó PG que lle mandasen cartas a través de Bos Aires ata que non comunicase o seu enderezo en París, e que prega que continuasen enviando información ós galeguistas bonaerenses; pero reclama menos xuicios e consignas e mais elementos de xuicio para poder facerse el persoalmente a súa propia composición de lugar. Reclama un maior marxe de confianza e que se admitisen as suas valoracións sobre o exilio, do mesmo xeito que el aceptaba as do PG sobre a situación no interior. Tamén se amosa reticente en relación coa "consigna" do PG de colaborar con Pla. Repróchalles que non aceptaran seriamente o Consello de Galiza e pedíalles que non rebaixaran o carácter da súa representación no goberno Giral admitindo que el, como facian os ministros vasco e catalán, podería considerarse como representante de Galicia. Notifica que os partidos galegos de México, con excepción dos socialistas, gracias a unha xestión realizada por Rodolfo Prada, comunicaran a Giral o seu apoio a Castelao.

"Teño concencia do meu deber, como galeguista, como galego, como republicán e como home decente"



Bos Aires, 7 de Agosto de 1946

Meus queridos irmáns:

Contesto á vosa carta do 14 de maio. Moito nos apenou a detención dos irmáns que estaban en Madrid. Xa tiñámos coñecimento delo, por Iruxo; pero coidábamos que non foran detidos por "galeguistas" e confiábamos en que se iñorase a saida de Santiago a París. A decir verdade, non comprendemos como se obrou tan elegremente, pois Santiago chegou a falar n-um mitin en Marsella, etc.etc. Xustamente, eu escribiralle a París, contando con que non retornaría a Hespaña ou que sóio retornaría para vivir na clandestinidade, como viven algúns vascos dirixentes, e por cablegrama anunciáralle a dita carta; pero el marchouse. Teño no meu poder unha carta de Santiago que foi botada en Franza por correio ordinario e que a escribeu dias antes da súa detención; nesa carta acusa recibo da miña, que lle escribira a París e que lle foi remitida pol-os vascos a Madrid, e confesa que de ter recibido a miña carta non houbese saído de Franza. Era natural que non abandoase París mentras eu non chegara alá, pois así me sustituiría provisionalmente no Goberno e cando eu chegase organizariamos de verdade a representación de Galiza no eisilio. Decíalle que por telégrafo me dixese se necesitaba diñeiro, que eu lle remitiría inmediatamente. Foise e agora non somentes está preso, senón que nos priva do seu extraordinario valimento, ensumíndonos a todos en tribulacións terribles. Este foi un golpe moi rudo para mín e para todos cantos coñecen o caso. Nós mantivemolo en segredo, porque Iruxo díxonos que fora detido por asistir a unha xuntanza de sindicalistas, e confiabamos en que sairía da Dirección Xeral de Seguridade, ao comprobar que non era un "comprometido"... Nós dende eiquí observamos a imprudencia de que ahí se fai gala, pois non temos ideia de que os nosos nemigos sexan uns parvos. En fin: este golpe foi terribel e compre remedialo como se poida. Se vós considerades necesario facer unha campaña no esterior para salvar aos nosos irmáns(esto en caso de que estean ameazados de morte)non tedes mais que dicilo. Se necesitades diñeiro para axudalos tamén podedes decilo e farase o esforzo que as circunstancias demandan. Teño que decirvos que nós non temos porque adiviñar as cousas e debedes falar con franqueza absoluta, como falades para ensuiciarnos politicamente, pois nós non escatimamos sacrificios de ningunha índole e queremos ser diños da libertade en que vivimos. Pero vós non decides nada e as verbas hai que arrincárvolas con tirabuzón. Agora mesmo coido que vós podedes dirixirvos a nós por correio ordinario, decindo o que compra decir, pois como non hai censura non ten responsabilidade quen escribe, se toma a precaución de firmar a carta con nome suposto. Outra cousa sería que nós vos escribísemos por correio ordinario, confiando en que non hai censura, pois eso non-o devemos face; pero vós, sí, podedes escrebir, botando a carta lonxe do sitio en que vivides, etc. Eso pódese facer e debe facerse. Na carta de Santiago falábame dunha aición a realizar, e decía de facer eiquí colleitas de diñeiro, cousa que pode realizarse e que estamos dispostos a realizar. Conste que as colleitas están moi desacreditadas entre a xente meia -todos, todos, contribuíron a desacreditalas, porque o diñeiro colleitado non se adicaba ao fin verdadeiro-, pero nós librámonos de toda censura a este respeito porque nunca quixémos adicarnos a humanitarias axudas e quén nos dá diñeiro a nós sabe que non se invirte en cousa algunha que non sexa o obxecto invocado. Por eso temos prestixio e ninguién coidará que o enganamos se algún dia nos diriximos a él pedíndolle unha axuda en diñeiro... Fica, pois, dito que faremos o que vós indiquedes a este respeito. Xa falamos desto e todo está preparado para acometer o traballo que sexa indispensable. E non importa que eu non estea eiquí. Falade, pois, e seredes atendidos; pero non agardedes a que vos arrinquemos as verbas como vimos facendo deica agora.

Nós sairemos para París no barco Campana, que sairá de eiquí o dia 23 ou 25 deste mes. Pareceravos que tardei moito en sair, e dígovos que de non ser ministro seríame dificultoso arranxar as cousas antes. Por eso eu quería que en París quedara Santiago, pois non se pode sair para alá o dia que a un lle dá a gana, coa dificultade dos transportes e até o arranxo de papeis. Sairei de Bos Aires, pero eiquí queda Alonso Ríos, Elpidio e Picallo, asistidos por unha organización de tipo irmandiño e un grupo de amigos e irmáns que valen o que pesan. Debedes seguir escrebindo a Bos Aires, pois este é, hoxe por hoxe, o único conducto proprio que temos, e deiquí mandaranme as cartas por via aerea -tres dias-. Debo advertirvos que as vosas cartas de Partido non son as que debedes dirixir a Alonso Ríos, que é o Segredario do Consello, senón os informes que no eisilio necesitamos e que poden sair do Partido Galeguista ou de outro Partido comprometido con nós. Vós tendes a manía de mandar os xuicios feitos e moi ben ordeados, pero nós agradeceríamos que ademais nos mandárades os elementos de xuicio para que vos comprenderamos mellor. Necesitamos saber moitas cousas que nunca contades e que nós necesitamos saber para termos unha ideia do que ahí ocurre e de como ahí pensa a xente. Nós sabemos moitas cousas que contan os que veñen dahí, e os xornais mais importantes contan sucesos ocurridos en Galiza dos que vós endexamáis falades. Por exemplo: Queredes facernos o favor de decir si hai ou non guerrilleiros nos montes, se a aición destes guerrilleiros é importante ou non, se aituan como un exército dirixido ou se cada un fai o que quer, se as xentes consideran este meio de combate como útil, se as xentes meias están conformes con que os guerrilleiros aumenten e se impoñan, etc.etc.? Nós necesitamos saber moitas cousas que non-os contades. Así, pois, seguide escrebindo a Bós Aires e tende en conta de que xa non vos dirixides a xente do Partido, pero sí a xente que está ben probada no amor a Galiza. Tende en conta que en Bos Aires eisiste unha organización axeitada ás realidades sociais máis que ás politicas, pois somentes así conquerimos a forza da que dispoñemos. Xustamente neste décimo aniversario do Plebiscito autonomista levamos a cabo dous actos impoñentes -un mitin e un banquete- organizados po-las entidades provinciais, a Federación de Sociedades Galegas e a Irmandade, que non as mais vivas. Esto compre coidalo e doidarse. Así, pois non deixedes de seguir escrebindo, pero sabendo que vos dirixides a quen se vai a enterar das vosas cartas. Debo explicarvos que Alonso Ríos dará conta á Comisión Consultiva da Irmandade Galega -a Irmandade presídea Prada- e a Comisión de Facenda, formada por xente moi responsabel e moi patriota. Non deixedes de escrebir eiquí pol-a mesma Anduriña ou outra que xa está buscando, pois non convén que esto se veña abaixo. Pídovolo porque sei que é necesario, por non decir indispensabel.

Dende Franza estrabeceremos contaito seguro. Irá tamén alá o vasco Lasarte, que forma parte do goberno vasco como ministro do interior, i é íntimo amigo meu. Esto permitiranos estar en contaito. Dende logo debo decirvos que me conviría que forades pensando en quén debe sustituir a Santiago, que según carta súa pensaba ir a París para axudarme. Necesito axuda, pero non axuda dun calquera. Non sei se Plá será o que denantes era, pois pasaron oito anos dende que o vin por derradeira vez; pero eu non podo comprometerme a telo ao meu lado así porque sí. Vós estades ahí, en contaito con problemas, como decides, e ninguién discute as vosas decisións; pero nós estamos no eisilio, en contaito cos problemas tamén, e temos dereito a tomar decisións e a que se respeten cando se trata de cousas do esterior. Non discuto que Plá sexa o home do Partido Galeguista en Franza, pois non sei con quén contamos alí; pero eu coñezo a Plá mellor que vós porque durante dous anos estivo moi perto de min. Ogallá que sexa o home que necesita o Partido Galeguista en Franza; pero eu determiñarei, dispois de estudar o caso a concencia, se debo ou non telo ao meu lado. Entendido? As cousas compre decilas con rudeza. Non abonda unha ou duas semanas de estadía en Franza para decidir en cousa tan grave. Eu teño concencia do meu deber, como galeguista, como galego. como republicán e como home decente, e non acatarei mais do que debo acatar, as cousas do eisilio vémolas mellor os eisiliados. Comprendo todo, todo; pero vós debedes estimar un pouco máis o que levamos feito en dez anos de desterro. A min non me parece ben que na vosa derradeira carta me faledes das "consignas que me mandaredes". Eso das "consignas" está desacreditado dende hai moito tempo. Eu non me atrevería a darlle consignas a ningún "home" nin coido que haxa un "home" que as reciba. Coido tamén que eisaxerades outras cousas que nas vosas cartas deixades traslucir. Compre que teñades idea cabal do que eu represento no Goberno da República. Este Goberno formouse a base de partidos e personalidades. Se eu fose unha personalidade non representaria a ninguién e por eso teño que representar a un Partido, igoal que os vascos e cataláns; pero os cataláns endexamáis dirían que o seu ministro representa ao Partido de Esquerra catalana, nin o vasco diría que está representando ao Partido Nacionalista Vasco; ambos a dous dín que representan a povos e non a partidos. Eu digo o mesmo que eles. Eu digo que represento a Galiza, ao povo galego, e mentras mo deixen decir engrandezo a miña representación e val moito máis o meu cárrego. Non empequenezades a miña representación nin me poñades por debaixo dos ministros vascos e catalán. Eu son galeguista e todos saben o que son. Sábeno os desterrados e os emigrados, pero eu gaño mellor as súas vontades decindo que son ministro galego e representante de Galiza no goberno Xiral. Así todos se poñen do meu lado. Agora mesmo en México puxéronse dacordo todol-os Partidos galegos e todol-os grupos galegos de Partidos nacionaes (esto logrouse por intervención de Prada, que está alá) e mandaron un escrito ao Presidente Xiral no que din que se sinten representados por min no seu goberno. Por certo que este escrito está firmado pol-as siguentes entidades: Unión de Traballadores de Galiza, Comisión Galega do Partido Comunista Español, Agrupación Socialista Unificada de Galiza, agrupación de republicanos Galegos. Estes nomes servirán para darvos ideia do lio inútil que arman os refuxiados en México, con sucursales en Franza, e tamén vos servirá para que respetedes a miña decisión inquebrantabel de non mesturarme en lios inútiles. Pois ben; os únicos galegos que non firmaron o documento dirixido a Xiral foron os socialistas de Prieto e os sindicalistas.... que tan amigos nosos se amostran. Pol-o visto, dixo Prego(Prego é todo) que non pon a súa firma onde vaia a firma de ninguién comunista. E así andan. Eu levei a cousa por outro lado. Eu funme direitamente ás entidades de emigrado e dirixinme a elas como galeguista "de todol-os partidos". Comprendedes? Ahí é onde debe eisistir o Partido Galeguista, onde debe ter forza, prestixio e decisión tan ambiciosa que non haxa quén nos gañe; pero no eisilio é outra cousa. Deixádeme a min aituar según vexa. Non tendes confianza en min? Que ninguién se opoña a que eu sexa un representante do povo galego. Eso é o que vos pido. E ainda que nós, os galeguistas, pretendamos que o noso Partido representa ao Povo galego, non sería politico decilo e menos decir que eu estou representando consignas de partido. Xa dabondo vos trabucáchedes ao non darlle importancia ao Consello de Galiza ate o estremo de non recoñecelo, xuzgando as cousas con un criterio lóxico, mais propio da xente do Mediterraneo que do Atlántico, e sen saberdes o que por equí pasaba. Non, non insistades en creer mais no que din outros que no que nós vos decimos. O Consello de Galiza foi necesario ou era necesario, porque se os vascos e cataláns teñen un dereito adquerido, nós temos un dereito gañado, e se eles teñen os seus Gobernos propios debemos ter algo que nos permita equipararnos a eles, falar con eles de igoal, pois si esto non se pode facer no terreo legal, podese facer da xusticia. Eu ideei o do Consello para poder falar e tratar cos vascos e cataláns para que, co seu recoñecimento, aumentáramos a nosa personalidade. Vós non tomáchedes en serio o Consello de Galiza, como non acabades de tomar en serio o Goberno de Xiral pero parécevos ben que haxa un ministro galeguista. Eu dígovos que non me sinto orgulloso de selo, porque así son, simplemente igoal a Irujo e igoal a Santaló, pero, quén é o galego que debe ser igoal a Aguirre e a Irla? Vos quitábades importancia ao Consello e empurrávadesme ao desbaraxuste irracional dos partidos do exilio. Non meus queridos irmáns, Reflexionade que no esterior estamos nós, sempre alertas e ben coñecedores de todo canto sucede. Non tratedes de guiarme por terreo que vós non coñecedes e que eu coñezo moito mellor que vós. No que toca ao interior, ben sabedes que si algunha vez insinuei algunha opinión ou consello, fiquei caladiño con calisquera razón invocada por vós. Pero en cousas do esterior eu obrarei en concencia dacordo coas organizacións que no esterior viven.Castelao

Estou escrebindo a unha velocidade que non me permite saber ben o que vos digo. Ando tolo preparando o viaxe. Estou escrebindo ás sete da mañán porque terei que sair da casa ás nove, e a Anduriño avisoume que ven a recoller a carta ás dez da mañán. Escrebirei dende París con modo, pensando ben as cousas que diga. Pensade quén debe ir a París, sustituindo a Santiago, pero pensade que necesito un home de traballo, áxil de entendimento, sempre capaz de gardar un segredo. Non deixedes de comunicarvos con Alonso Ríos. A Anduriña se encargará de entregar a carta vosa e recoller a que deiquí se vos mande. Confiade en min, pois se me trabuco nunca será por mala fé ou porque amolecera o meu galeguismo e menos aínda o recordo común de vós todos, alá me vou a Franza e tende a seguridade de que aituarei con sentido común e con coñecimento das xentes que serán compañeiras. Recibide unha forte aperta e xa falaremos con mais vagar. Non perdo as espranzas que dispois do mes de Outono poidamos entrar en Hespaña porque as cousas internacionais non van tan mal como parez.


Mil apertas. 

Alfonso Rodriguez Castelao

 

(*): Queremos agradecer a Federico Avila Soto (dende Helmond, Holanda) por nos achegar este material.