Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Castelao

Dedicado o día das Letras Galegas en 1964

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

 

(Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista.

Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa prfesión para dedicarse ás que eran as súas Alfonso Daniel Rodríguez Castelaoverdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia.

A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no periodismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica.

Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.

CASTELAO

Castelao é o símbolo máximo da identidade galega. Político, pintor e escritor, a súa figura polifacética e humana está constantemente presente na memoria colectiva de Galicia

Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 xaneiro 1886, aínda que pasou toda a súa infancia en Santa Rosa de Toay, en La Pampa Arxentina, onde emigraran os seus pais ao pouco de el nacer. 
A familia Castelao volta a Rianxo en 1900 e Afonso-Daniel licenciase na Facultade de Mediciña de Compostela en 1908, cursando o Doutorado en Madrid ao ano seguinte, onde comeza a destacar como caricaturista, tras o cal se establece en Rianxo e adire o movemento agrarista Acción Gallega. 
Como pintor, Castelao foi un grande artista condicionado pola súa case cegueira e pola necesidade que sentía de crear un arte ao servizo de Galicia, primando logo a comunicación sobre as cuestións artísticas. O arte gráfico de Castelao defínese primeiramente pola súa constante humorística e satírica na que as xentes humildes adoitan ser os protagonistas. A partires da Guerra Civil española, a crueldade e miseria daquel acontecemento causa que o deseño de Castelao evolucione cara a denuncia da traxedia e mesquindade do feixismo. 

No ano 1916 deixa a Mediciña e desprázase a Pontevedra, onde adire as Irmandades da Fala e participa na Asembleia Nazonalista de Lugo, subscribindo unha transcendente declaración nacional. En 1920 toma en cargo a dirección artística da publicación "Nós" e viaxa por Francia, Países Baixos e Alemaña. En 1922 inicia a súa producción narrativa publicando "Un Ollo de Vidro". No ano 1924 ingresa no Seminario de Estudos Galegos e funda a Coral Polifónica de Pontevedra xunto a Lousada Diéguez. Dous anos máis tarde inicia a publicación "Cousas" e en 1929 viaxa a Bretaña para estudar os seus cruceiros, do que resulta o libro "As Cruces de Pedra na Bretaña". 

No ano 1930 asiste ao Pacto de Lestrove, onde se formou a Federación Republicana Galega, intervén nos actos do Partido Nacionalista Republicano Galego e participa na histórica asemblea de redacción das bases do Estatuto do Estado Federal de Galicia. Ao ano seguinte edita o álbum "Nós" e é elexido deputado no Parlamento de España polo Partido Galeguista, que acadara 16 deputados. En 1934 ven a luz "Retrincos", "Os Dous de Sempre", e máis a edición definitiva de "Cousas", ingresa na Real Academia Gallega e é desterrado polo goberno conservador a Badaxoz, Castela, onde permanece ata o troco de goberno de 1935. 

Outravolta parlamentario polo Partido Galeguista, estala a Guerra Civil ao se encontrar Castelao en Madrid para entregar o texto do Estatuto de Autonomía de Galicia, referendado a favor por un 98% dos votos, e no que o líder galeguista tivera unha actuación de relevancia. Durante a guerra española participa na organización das Milicias Galegas, ás que pertencía Enrique Líster, e se despraza co goberno republicano a Madrid, Barcelona e Valencia, onde publica os álbumes "Galicia Mártir" e "Atila en Galicia". 

En 1938 é enviado polo Ministerio de Propaganda a Rusia, Estados Unidos e Cuba para obter apoio entre os emigrantes á causa republicana. De regreso a Nova Iorque embarca a Buenos Aires, onde fixará a súa residencia. Na capital arxentina estreou en 1941 "Os vellos non deben de namorarse", a aportación de Castelao ao teatro galego. 

No ano 1944 publica a obra cumio do pensamento galeguista, "Sempre en Galiza" e convértese en primeiro presidente do Consello de Galiza, o goberno de Galicia no exilio. En 1945 funda con cataláns e bascos a revista Galeuzca, lembranza da alianza política de 1933, e un ano máis tarde é nomeado ministro do goberno da República no exilio, polo que se traslada a París. 

Volta a Buenos Aires en 1947 e dous anos máis tarde aféctalle un cancro de pulmón. Publícase "As Cruces de Pedra na Galiza" ao pouco do seu pasamento, o 7 xaneiro 1950, sendo soterrado no Panteón do Centro Galego do cemiterio de La Chacarita, Buenos Aires, coa masiva asistencia e cariño de persoeiros chegados expresamente de todo o mundo. O Senado de Arxentina daquela erixiulle un monumento á súa honra como tal fixo o concello de Buenos Aires dándolle o seu nome a unha praza. Desde entón, parte da inxente obra de Castelao ten sido publicada en varios idiomas, do húngaro ao italiano, do francés ao ruso, do inglés ao chinés, do basco ao portugués..., e desde a caída do réxime do dictador Franco os restos do máis egrexio galego de historia repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en Galicia.


Fte: www.riasbaixas.net