Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

CARLOS CASARES MOURIÑO

Carlos Casares

Fragmento de "Xoguetes para un tempo prohibido" (Vigo. Galaxia, 1988, 7ma.  edición ) 


No medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que aproveitaban a música cansa da peza final. Pouco a pouco o cheiro quente dos corpos deixaba paso ó ambientador con recendo a rosas, que ía baixando dende o corredor do piso alto, mentres nas escaleiras de saída un camareiro convencía con dificultade a dous borrachos que xa se cambiaran a chaqueta do smoking e os zapatos, e queríanse cambiar aínda os pantalóns tamén. 

Entón un deles berrou me cago en el as de oros y en los huevos del rey de Portugal, e foi Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda quedaban señoras na sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando o corpo para atrás, xirou o taburete de repente e pediu outro gintonic, por favor.

Pero o barman xa saltara a axudar ó compañeiro que acaba de recibir un puñetazo na boca e comprobaba asustado que dos labios lle saía unha fontiña de sangue. Do fondo da pista empezaron a pedir: que lo remate, que lo remate. E mentres Ricardo facía xestos de calma, señores, compórtense como caballeros, sen que ninguén lle prestase atención, dende a porta dos servicios chegou unha voz ronca que se infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo dos berros, sobre o derradeiro compás da música, para quedar soíña un instante colgada no aire: caballero ti e a burra que te pariu.

Foise cara a el e chimpouno contra a parede. Despois deulle co xeonllo dereito no ventre e ía baterlle na cabeza cando se meteron dous músicos polo medio e arrastrárono pola forza ó centro da pista. O outro saíu dobrado, farfullando algo entre os dentes, e subiu as escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos e aplausos. Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a abrazalo.

Alguén pediu música, e unha señora ascendeu descalza e tambaleante os tres escalóns do baldaquino que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e púxose a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase, xa Mara empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de Alcalá, e púxose todo o mundo a saltar, a bailar, a berrar... Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí, o pasodobre España cañí, a ovejita lucera e polo río abaixo vai unha troita de pe. 

Tamén veu un discurso de Ricardo no que rematou dicindo que auga pasada non moe muíño, o que lle serviu para entoar moe que moe moendo; cantou novamente a señora descalza, da que de seguida se correu que se chamaba Gela e que era pintora; os borrachos do comenzo acabaron por cambiar tamén os pantalóns entre os risos e os aplausos de tódolos asistentes; a casa invitou primeiro a champán e xa, despois das cinco, a chocolate con churros; un dos que berraban que lo remate que lo remate, apareceu cunha empanada de bonito recén saída do forno que se repartiu en tapas; outro imitou a Louis Amrstrong e a Frank Sinatra; tamén imitaron a Lola Flores; había un avogado que quería demostrar que era capaz de tocar o himno nacional inglés póndose co cu para riba e cos pes para abaixo, pero non o deixou actuar a súa muller, a quen a pintora lle chamou antipática de xeito cariñoso; dous irmáns xemeos tourearon de salón sen éxito; a imitadora de Lola Flores andaba a pedir uns pantalóns para facer o pino, pero non os conseguiu e acabouno facendo coa saia cosida cun imperdible; Mara bailou por sevillanas; a muller do avogado rompeu un vaso sen querer e estivo chorando máis de media hora; Ricardo bailou cun camareiro; Gela saíu despavorida do servicio de señoras dicindo que había un home dentro, e alá se foron todos, sacárono en calzóns e regáronlle a cara cun sifón; o imitador de Louis Amrstrong imitou tamén a Charlot; o animador da orquesta contou o chiste do home que chegou borracho á casa, sacou o ollo de cristal, meteuno nun vaso de auga, tivo sede de noite e bebeu sen se dar conta, pero ó día seguinte sentiu molestias en certo sitio (dicía certo sitio con voz aflautada) e chamou á muller: ai María mírame aquí por baixo que non sei que teño; e foi ela, achegouse para ver ben e... retrocedeu espantada: ¡Manuel, ti tes xente dentro!; a imitadora de Lola Flores animouse e contou o de Jaimito cando quere casar coa mestra; o regado con sifón dixo que el sabía un moi verde, contouno e regárono outra vez; Mara entoou un sargento del tabor de regulares; Ricardo seguiuna con su Santidad el Papa Urbano; o avogado ó que non o deixara actuar a súa dona, puido contar o chiste do negro que tiña plátanos nunha orella; o músico da trompeta dixo que coñecía a un señor da súa vila que era tan porco que tiña entre os dedos das mans esas pelotiñas negras que todos temos entre os dedos dos pes; un dos xemeos andou a catro patas, coa señora do avogado cargada ó lombo, e rinchaba.




 · VOLVER A : C. CASARES MOURIÑO, SEGUNDO CABODANO