Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

CARLOS CASARES MOURIÑO

O día que dona Ramonita puxo un ovo" 

Carlos Casares

(relato curto publicado en "La Voz de Galicia", 

7 de agosto de 2001)



O día de fin de ano, ás nove da noite, mentres agardaba sentada no sofá para ver a mensaxe do Rei, dona Ramonita Verdes puxo un ovo. Ó principio pensou noutra cousa, pero cando viu o producto do esforzo que fixera, limpo como neve, do mesmo tamaño que os ovos de galiña, aquela señora bondadosa, amiga dos pobres e con sona de santa, ergueuse e chamou ó médico. 

Molestoulle que aquel home sabio, que coidara a súa saúde durante sete décadas, se desentendera daquel xeito desabrido dun asunto tan dramático e lle dixera que avisara a un veterinario. Non sabía se a tomara por tola, se pretendera chamarlle besta, ou simplemente a aconsellara como debía, pois en realidade non se trataba dun problema médico. 

Vencendo a vergonza, dona Ramonita chamou ó veterinario, un rapaz novo, a quen a penas coñecía, e deulle a novidade. O home díxolle que se metese na cama e presentouse de seguida. Mandouna poñerse boca abaixo, apalpouna, díxolle que se volvera, pediulle logo que se situara en posición de galiña, que cantase cacaracá e que empurrase. 

Dona Ramonita puxo outro ovo e escoitouse un trono. O veterinario dictaminou que aquelo era cousa do crego. Pouco despois, a dama, asistida polo bispo, comulgaba, pedía perdón polos pecados, e entregaba a alma a Deus. Os ovos gárdanse desde entón nos sotos da Catedral, nunha caixa forte. Polo visto, levan dentro unha blasfemia capaz de desencadear a fin do mundo, cousa que ninguén se explica, porque dona Ramonita Verdes era delgada como un fío. E unha santa. 



 · VOLVER A : CARLOS CASARES MOURIÑO, SEGUNDO CABODANO