Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Cartas de Ramón Piñeiro a diversas persoalidades.

Ramón Piñeiro

Compostela, 11-IX-60


Benquerido Avilés de Taramancos:


Cando pasei pola Cruña a fin de agosto, os rapaces informáronme de que te tiñas marchado para Noia. Non sei por qué, a noticia prodúxome unha íntima ledicia.
Moitas veces me lembraba de ti e sempre tiña a impresión de que a frivolidade ambiental coruñesa non era boa pra o teu esprito, de seu tan san. Temía que, co tempo, chegase a te desmoralizar. Agora vexo que o teu radical instinto campesiño levoute de novo á terra. Eu que tamén son campesiño sei ben o que eso siñifica. Por eso estou ledo.
O que me contas na tua carta emocionoume fondamente. O día que en todalas vilas da nosa terra haxa un fato de mozos coma ise de Noia, o rumo da vida galega cambiará totalmente. Non é moito soñar o confiar en que as novas xeneracións darán ises núcleos de rapaces leales. Nós vivimos e traballamos con esa única espranza.
O futuro da terra está nas nosas mans. Nós sabemos que son mans firmes, nobres, xenerosas, que saberán abrir vieiros novos pra o noso pobo.
Sinto ben non ter ningún amigo ou conocido en Suiza, pois gustaríame moito poderche atender esa petición. Hei pescudar entre os amigos. Si aparece algún que teña alí persoas conocidas, de contado cho comunicarei.
Dispón sempre como queiras e recibe unha aperta forte e cordial do teu amigo certo.


Ramón Piñeiro


Compostela, 23 de marzal do 1961


Meu querido Avilés:


Hoxe póñoche unhas liñas pra che facer unha encomenda lingüística en relación co vocabulario da curtición de coiros, industria tradicional nesas terras noiesas. Verás, trátase do seguinte: o profesor J. L. Pensado, que está traballando sobre temas do noso idioma, e que lle interesan porque tamén il é galego, ten aitualmente entre mans un traballo sobre as palabras GOLDRAR, GOLDREIRO e GOLDRO. O alemán Spitzer fai derivar GOLDRAR de COLORARE. Pensado anda dándolle voltas a todolos problemas etimolóxicos e semánticos relacioados con esas palabras e derivados.
Eu fixen pescudas en Pontedeume e máis en Allariz, onde o noso bó amigo Pepe Nogueiras ten unha importante industria de curtición. Il mesmo aconselloume que pescudara tamén pola zona de Noia e indicoume o nome de José Fernández Juanatey (Pepito Rubico), inda que polo visto ahí hai así como trinta fábricas de curtume. Queríamos saber istes datos:


1) ¿Emprégase entre os curtidores o verbo GOLDRAR?
2) ¿Hai algunha sustanza que se chame GOLDRO ou GOLDROS?
3) ¿Úsase a palabra GOLDREIRO pra desiñar ó curtidor?


Conviña que fixeses unha pescuda fonda sobre o particular, falando con varios curtidores. Tamén de paso, conviña que recolleses todo o vocabulario relacioado coa operación ou coa industria do curtume. Refírome ó vocabulario galego, pois os nomes técnicos das máquinas non interesan. Si fas o favor envíasme os datos que recollas.
Mándoche un programa da leitura que onte se fixo en Fonseca de Orestes do rapaciño lugués, estudante de
2º de Filosofía, Arcadio López-Casanova. Houbo moita xente e resultou espléndidamente ben. Aituou brillantemente a nosa amiga Merche.
Estivo eiquí tres ou catro días o poeta do Caurel.
Viña coa irmá ó médico. Traguía o seu novo libro Elexías do Caurel, que é bó.
¿Que é da túa vida?
Unha forte aperta do teu amigo e irmán.


Ramón Piñeiro.


 

Compostela, 20-VI-61


Meu querido Avilés:


Acabo de recibir a tua carta, que pódesmo crer, emocionoume fondamente, pois comprendo plena e crarísimamente a tua situación de ánimo. Tanto máis a comprendo canto que, no meu interior, moitas veces me lembraba de ti e matinaba na desgracia que era que te tiveses que marchar da terra. Faleino reiteradamente con Paco del Riego, faleino por carta co Caamaño –ambos te estiman moi sinceramente–, faleino infinidade de veces cos rapaces novos que agora inician as mesmas arelas nosas. Si o país fora dono de sí, os seus fillos non deberían sentir a necesidade de se marcharen polo mundo contra a sua vontade. Haberá que lamentar moito a tua marcha i a dos homes de lei coma ti.
Preocúpame moito eso.
Foi unha gran pena que ti non lle tiveras escrito a Domingo –ou a min– con anterioridade a víredes á consulta. Si lle tiveras posto unhas liñas previas espricándolle o teu interés, sin duda terías acadado o "éisito" moral que percurabas. Non sei o que ocurríu, pro figúrome que funcionou o mecanismo moral da clínica. Teñen que facer así por mor de regularizar o traballo, que alí é moito. Cando algún amigo coma ti quer tratar algún problema médico con Domingo, o habitual é escribirlle antes pra que conte con il. Os mesmos enfermos que non son amigos e acuden a il en relación estritamente profesional, piden previamente a data da consulta. No teu caso as cousas aínda se compricaban máis –non contando contigo– polo feito de ser problema de especialista, según me dixeches, co cal o propio médico-axudante xa o desviou espontáneamente. A cousa é ben lamentábel porque o que ti lles querías demostrar ós teus familiares puidéchelo conquerir doadamente. Podes estar ben certo de que Domingo te aprecia de verdade e con moito gusto te tería compracido. Precisamente il é un home de corazón xeneroso. Xa ves, o teu amigo Claudio, o pintor coruñés, apareceulle un día na clínica. Consultouno, facilitoulle que o operasen da vesícula e atendeuno cordialísimamente, sin que se coñeceran nin foran amigos con anterioridade. Figúrate si non te atendería con gusto a ti, que te conoce persoalmente e te estima.
Ora, vexo que estás un pouco abafado polas circunstancias que niste intre te fustigan. Non te deixes vencer polo desánimo. Ti eres aínda moi novo e tes un esprito de cerne rexo. Pouco importa que as circunstancias miúdas que te arrodean non esteñan ó teu nivel. Ti tes que crer en ti mesmo. No máis íntimo da tua concencia sabes que os reproches que che se fan teñen un valor puramente aparente. Sabes ben que, na verdade esencial das cousas, ti non fuches un trangalleiro irresponsábel.
A tua eisistencia ten un senso fondo e nobre, ó servicio dun ideal xeneroso. Certo que eso non se pode comprender no ámbito reducido e concretísimo do medio familiar. Pero ti sabes tamén que esa incompresión é forzosa, porque iles móvense nun nivel de problemas moi distinto. Pola superior perspeitiva do teu punto de vista na vida, tes que aceptar e perdoar esa incomprensión. Mais de ningún xeito che está permitido sucumbir a ela.
Ti estás, en conciencia, moi seguro da tua verdade. E, mesmo por eso, porque crés no valor supremo da verdade que sintes dentro de ti, tes que crér tamén en ti mesmo.
Terás, sin dúbida, unha sensación neboenta de soedade e de fracaso; pro esa sensación é puramente subxetiva. Non corresponde á realidade dos feitos. Ti non estás soio. Tes moitos e bós amigos que te conocen, que te comprenden e que te estiman. Ti eres unha parte viva, acesa e valiosa da Galicia aitual. As migalladas da vida familiar e cotián non poden anular a realidade i a siñificación dise feito.
Tes que vencer esta crisis íntima. Tes que ocupar o posto honroso que che corresponde na groriosa i esforzada empresa de facer que o noso sofrido pobo recobre a concencia de si mesmo e acade o nivel histórico propio do noso tempo. Temos moito que facer pra conquerir que os nosos campesiños e mariñeiros cheguen a vivir coa diñidade que lles compre como europeos do século XX. Ti ben sabes que si nós non nos entregamos á empresa, iles seguirán indefensos e abandoados e terán que seguir percurando na emigración a única posibilidade de redención. Somos poucos os que sentimos o imperativo moral da empresa. Ti eres un diles. Un dos millores.
Non podes sentirte vencido en plena mocedade.
Necesitámoste. A terra percisa de ti.
Desexo saber os teus sentimentos e pensamentos.
Agardo que me escribas.
Saúdos de Isabel. Unha aperta moi forte do teu amigo certo


Ramón Piñeiro


 

Compostela, 1-III-62



Benquerido e lembrado Avilés:


Non sabes canto me alegrou a tua carta. Eu preguntaba decote a todolos noieses que conozo qué noticias tuas chegaban. Pouco me decían. Mais ou menos o que eu xa sabía: que estabas en Bogotá. Agora xa sei que estás ben e matinando no retorno trunfante. ¡Gran cousa esa! Cando un guerreiro coma ti pensa rexamente na victoria, seguro que a acada. Celebrarémola xuntos eiquí na miña casa.
O panorama ambiental que me describes é abondo esterrecente. Non é que me solprenda moito, pro non deixa de me impresionar a sua realidade como esperiencia permanente.
Alégrome que bateses ahí con un escultor compostelán. A enerxía espritoal de dous artistas pode facer moitos milagres a prol da terra.
Os poetas están istes días moi enredados coas Minervales, que serán o sábado. Na poesía galega foron premiados Franco Grande, Arcadio e mais Bernardino Graña. Na castelán, Arcadio, Salvador e máis Pérez Fuentes. O sábado estarán de protagonistas na festa trovadoresca do Hostal. Salvador e máis Auricho pensan escribirche.
Xa sabes que o Caamaño veuse prá Cruña. Vai cáseque todolos sábados a Noia. O Paco, en cambio, foise pra México. Pola Merche sabemos dil.
Nistes días terá que se adxudicar o "Premio Galicia", establecido pola Fundación March para o escritor vivo cuia obra máis teña contribuído á eisaltación literaria de Galicia. Xa te podes supor que todo o país considera que ise premio correspóndelle, sin posibel discusión, a D. Ramón Otero Pedrayo.
Acabamos de sacar Cousas, de Castelao, que estaba totalmente esgotado, e preparamos o segundo tomo da serie de dibuxos titulada Cousas da vida. Nistes días estamos rematando co terceiro tomo do Diccionario de D. Eladio, ó que lle engadimos un Apéndice con cinco milleiros de voces vivas e localizadas e outro castelán-galego.
Xa nos terás ó tanto da tua vida e milagres.
Queremos saber de ti.
Moitos saúdos de Isabel e unha forte e cordial aperta do teu amigo e irmán.


Ramón Piñeiro


 

Compostela, 4-IV-1965


Benquerido Carlos ( Casares ):


De volta de Lugo, a onde fun pra asistir a un homenaxe que lle fixeron a Luis Pimentel, atópome eiquí coa tua carta. Non che contestei antes por mor da ausencia luguesa.
Xa vexo que estás mergullado nunha crisis anímica máis ou menos semellante a algunha anterior de que me tes falado. Non te alarmes. Mira, cando se ten unha vida interior moi intensa –como ti, de certo, tes–, de vez en cando prodúcense esta especie de crisis en que un se sinte como abatido e confuso. Eu tamén che teño pasado por esa esperiencia. Pro eso é pasaxeiro. Xa verás como a fe íntima, a que nace das raíces máis fondas do teu ser, acenderá de novo a sua chama e devolveralle a quentura do entusiasmo ó teu ánimo. Canto máis, que te necesitamos. Ti estás chamado a ser un dos grandes renovadores da prosa galega. Ademáis, pois que eres home de moi sinceira convicción relixiosa, tes que axudar á necesaria anovación espritoal do catolicismo galego. Entre outras cousas, por exemplo, traducindo á nosa língoa –á língoa do pobo– as principás oraciós da Liturxia. ¿Quén senón un poeta pode facelo acaídamente?
Fálasme, outravolta, da fascinación que che produce a "praxis" do marxismo. Non dubido que así é. Con todo, si non estou equivocado, non é ise o camiño que mellor cadra ó teu verdadeiro ser. Eu véxote a ti demasiado "humán", demasiado "cristián" pra te poderes identificar sin daño coa dialéitica impersoal da "praxis" marxista. A fascinación prodúcese por un erro de perspeitiva, pois reparas na súa "eficiencia" esterna máis que no seu costo en valores humás. Naturalmente, eu respeito os teus puntos de vista. Todo o que che digo non é por te contradecir nin por discutir as tuas opiniós, senón, máis ben, por che espoñer coa máis amistosa lealtade o meu parecer.
O importante, de momento, é que non te abandoes ó desánimo. Si pra o curso que ven ves a Compostela, como pensas, o mellor será que falemos co noso común amigo Nogueira e xa verás como che axuda a combatir esas crisis si é que voltan. Xa ves que tamén lle axudou ó Arcadio. Non tes porqué rillalas ti soliño.
Non sabes canto me alegrou a noticia de que matinas escribir catro contos. Debes escribilos, claro que si.
E publicalos.
Escríbeme e cóntame como vas de ánimos.
Lembranzas de Isabel. Unha aperta forte e cordial do teu amigo


Ramón