Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

CARLOS CASARES MOURIÑO

Carlos Casares Mouriño naceu o 24 de agosto de 1941 en Ourense, cidade que deixaría unha fonda pegada na Carlos Casares Mouriño súa obra. Estudiou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Exerceu a docencia desde 1969, en Viana do Bolo, Bilbao, Cangas do Morrazo e Vigo. Nesta cidade faleceu o 9 de marzo de 2002.

Comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. É xa tradición entre a crítica falar de dúas etapas na produción narrativa de Carlos Casares. Unha primeira, caracterizada no plano temático pola ambientación das obras no período franquista e a utilización de elementos autobiográficos, e no plano formal polo emprego de técnicas narrativas innovadoras (monólogo interior, ruptura temporal...). Debido a isto último algúns estudiosos encadran a súa obra dentro da denominada Nova Narrativa, aínda que Casares non parecía gustar desta adscrición. As obras máis representativas deste período son Vento ferido (1967), que é un conxunto de doce relatos, e a novela Cambio en tres (1969).

En 1975 publicou Xoguetes pra un tempo prohibido, novela pola que recibiu o premio Galaxia e mais o Premio da Crítica española. Esta obra, que reflicte a infancia e a adolescencia dos protagonistas na España franquista da posguerra, cerra a primeira etapa da súa produción e marca a transición á seguinte. Na segunda etapa, Casares abandona o experimentalismo formal e recupera formas tradicionais de contar, ao tempo que elimina as pegadas autobiográficas. Nas primeiras obras desta etapa recrea, tinxidos de humor e ironía, períodos históricos máis recuados no tempo: Os escuros soños de Clío (1979, Premio da Crítica galega) e a deliciosa noveliña Ilustrísima (1980). Porén, nas súas últimas novelas, Casares voltou sobre a nosa historia recente, sobre o ambiente das vilas galegas na guerra e na posguerra: Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996). Como narrador ocupa un lugar indiscutíbel na historia da literatura galega.

Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos con obras como A galiña azul (1968) ou a peciña dramática As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973, Premio "O Facho"). Tamén hai que salientar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enriquez, Ramón Piñeiro, Vicente Risco, Ánxel Fole... e como derradeira biografía doutro literato, a do Padre Sarmiento. Do seu labor como ensaísta podemos citar Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998). A Xunta de Galicia recoñeceu o seu enorme labor concedéndolle, en 1989, o premio á creación cultural.

Colaborador habitual, durante catorce anos, da prensa coa columna "A marxe", en La Voz de Galicia, Casares recibiu tamén os premios de xornalismo "Fernández-Latorre", en 1983, e o "Julio Camba", en 1995. Algúns destes artigos foron recompilados no volume Na marxe de cada día (1994).

Ingresou na Real Academia Galega en 1978, foi deputado polo PsdeG-PSOE en 1981, dirixiu a Editorial Galaxia, a revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996.

 

A FIGURA E A OBRA: A CREACIÓN COMO FILOSOFÍA DE VIDA 

 

Carlos Casares dicía que se sentía escritor dende neno. Contaba que un día mandáranlle escribir unha redacción na escola e narrou unha merenda que el e mais uns amigos fixeran na beira do río. Un profesor comentáralle que era moi bonita e a partir de aí el empezara a ser consciente de que podía escribir. Os seus amigos, dicía, comezaran a chamarlle "escritor". Non abandonaría este cualificativo, auténtica definición dunha filosofía de vida, nunca máis. El mesmo restáballe importancia: "un escritor non é máis que un señor que combina as palabras máis ou menos ben e que despois constrúe historias con elas" para logo mostrar a súa devoción polas palabras: "eu a literatura cuestiónoa como escribir o que me peta, fundamentalmente, e se despois iso lle gusta á xente, estás encantado". As súas palabras, recollidas nunha entrevista publicada pola revista Tempos Novos en xaneiro de 2001, demóstrannos a precocidade e orixinalidade da súa vocación literaria.

Así, se algo destaca na traxectoria vital de Carlos Casares é a súa faceta de escritor. En 1959, con a penas 18 anos gañou o primeiro premio do Concurso Provincial de Cuentos de Navidad, e a partir de aí iniciaríase un longo elenco de obras e recoñecementos literarios que se sucederían ininterrompidamente ata a súa morte. No prelo queda a súa última entrega biográfica sobre Ramón Piñeiro e, no escritorio, unha nova novela. Trátase dunha obra de ficción que transcorre nas proximidades de Ourense e na que o personaxe feminino ocupa un importante lugar. Dolores Vilavedra, profesora de Literatura galega da Universidade de Santiago de Compostela, califica como "unha obra profundamente coherente con toda a súa creación literaria anterior".

Narrador prolífico

Marcado profundamente por Vicente Risco e Ramón Piñeiro, o autor ourensán daríase a coñecer co conxunto de relatos Vento Ferido, doce historias caracterizadas polo fatalismo, que sacarían á luz unha das constantes da obra de Casares: a soidade do individuo fronte á senrazón. Cambio en tres (1969), a súa primeira novela na que reflicte o mundo da emigración supón unha obra de tránsito entre a Nova Narrativa e a novela posfranquista e o ratifican como unha firme promesa literaria. Aparecerían posteriormente as novelas Xoguetes para un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1980), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul (1996) ou Un país de palabras (1999). Non só o xénero novelístico atraería á capacidade creativa de Carlos Casares. O campo da literatura infantil seduciuno notablemente e proba desta atracción son títulos como A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas ou O can Rin e o lobo Crispín (1983) ás que hai que sumar a achega, Un polbo xigante. Ás obras propias, Carlos Casares engadiu diversas traduccións ó galego de autores europeos, entre as que destaca O principiño, traducción da obra de Saint-Exúpery ou Os escaravellos voan á tardiña de María Gripe.

Literatura infantil, periodismo e edicións críticas

A creación literaria non sería o único mundo no que Casares vertería palabras. A súa vocación de estudioso da Lingua e Literatura galegas e tamén xornalista encherían os andeis das librerías galegas e as páxinas periodísticas de diversas cabeceiras galegas. Dedicado ó ensaio e á crítica literaria, salientan títulos como a edición crítica de Aires da miña terra de Curros Enríquez (1975); a biografía de Curros Enríquez (1980), Vicente Risco (1980) e Otero Pedrayo (1981); o estudio e edición das Obras completas (1980) e da Poesía Completa de Curros Enríquez (1992); e as Conversas con Anxel Fole (1984) e Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia (1991). A última achega biográfica de Casares vén de ser publicada pola Editorial Galaxia e supón un percorrido pola vida do ilustre Padre Sarmiento, autor ó que este ano se lle dedica o Día das letras galegas, o vindeiro 17 de maio.

O seu labor xornalístico foi en parte recollido no volume Na marxe de cada día que reúne colaboracións súas na cabeceira coruñesa La Voz de Galicia.

Recoñecementos literarios e labor editorial

No apartado dos premios Casares salienta por ter recollido os máis importantes recoñecementos do público e crítica. Entre outros, o autor ourensán recibiu o Premio de novela do XXV aniversario da editorial Galaxia e Carlos Casares Premio da Crítica Española (1976); Premio da Crítica Galicia (1980); Premio Losada Diéguez (1987); Premio Xunta de Galicia á creación literaria (1989); Primeiro Premio Otero Pedrayo ou o Premio da Crítica Galega (1999). Nun dos andeis fundamentais da traxectoria vital de Carlos Casares figura o seu papel como editor xa que ocupou o cargo de dirección, dende 1986, da revista Grial e de Galaxia, editorial símbolo da resistencia cultural do galeguismo nos anos da dictadura franquista e clave da literatura galega contemporánea.

Carlos Casares, considerado unha peza clave do que na historia da Literatura Galega se denominou "Nova Narrativa" e ratificado polo devalar dos anos como un autor prolífico que traballou múltiples eidos da creación pasará ás páxinas da Literatura galega como un home entregado á escrita e, como el dicía con sorna e fonda humildade: "se partes de que a literatura é unha competición e cres que existe iso de ser o número un, debe ser desacougante. Moitos escritores preocúpanse se non os citan entre os mellores, cando realmente isto tanto ten, son gustos persoais e, ademais, se non te citan hoxe, xa te citarán mañá. Tamén pode ser que non me preocupe porque considero que me valoran e me len, e dáme igual ser o número un que o cinco. Eu creo que é unha filosofía de vida". Foi a súa filosofía de vida e como tal deberá ser lembrado


Fontes consultadas: Consello da cultura galega www.consellodacultura.org e Bibilioteca Virtual Galega.

 · VOLVER A : CARLOS CASARES MOURIÑO, SEGUNDO CABODANO