Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Cancións de avoa


 

Limiar, por Anxo Porto Ucha

Na literatura popular de tradición oral tiveron a súa orixe algúns dos grandes libros da historia da humanidade. Tal é o caso, por exemplo, dos libros máis importantes da Biblia. Grandes narradores da literatura culta escrita en lingua galega, como foron Alvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole, aprenderon da técnica do conto popular trazos valiosos da súa arte narrativa. Nas mellores pezas de literatura galega de tradición oral áchanse algunhas das notas máis apreciábeis na literatura culta moderna.

Con estas palabras comeza a Introdución, de Xesús Portas Ferro, á Literatura de Tradición Oral, unha simpática, pero non menos importante recolleita que os alumnos e alumnas do Colexio Público FROEBEL de Pontevedra sacaron á luz en xuño de 1995. Insístese naquel florilexío no valor de experiencia enriquecedora das mostras de tradición popular contadas polos máis vellos, que aínda teñen memoria do pasado; de recuperar a comunicación entre dúas xeracións, pais-fillos ou avós-netos, nun tempo en que a presa e a TV non deixan tempo para falar.

O traballo de compilación que hoxe presentamos aquí correu a cargo dos irmáns Patricia e Iván Vidal Regueira. Eles foron os encargados de recoller da súa avoa Albina uns textos de temática variada, cunha base musical, a xeito de cancións. A maior parte da recolleita correspondeulle a Patricia. Seu irmán Iván botoulle unha man tamén, trasladándoos ao ordenador.

Neste fermoso ramallete, que os xoves irmáns Vidal Regueira ganduxaron con moito amor e paciencia da experiencia acumulada da súa avoa paterna, hai ironía, enxeño e humor. Pero hai tamén afán de visibilidade feminina. Os que tivemos a honra de coñecer a Albina Groba Pexegueiro, sabemos de que estamos a falar. Neste legado musical hai dende coplas navarras (a número 1) e bercianas (a 4), reinterpretadas por varias xeneracións e adaptadas ao noso contexto, ata versións do famoso e tristísimo Romance del esposo (43) ou da popular habaneira Rosina del verde palmar (51).

E sabido que Segundo Vidal Rey, seu home, destacou na dimensión social, colaborando a miúdo, na electrificación da zona da Groba a mediados dos anos 50, nos enterros daquel tempo, nos que sempre se agradecía a proximidade dun veciño, ou mesmo no eido musical. O mestre Roxelio Groba recórdanos constantemente ñas súas publicacións autobiográficas como Segundo Vidal, e mais seu tío Eduardo Groba, estiveron na base da formación musical inicial do ilustre gulansés, especialmente nos estudos de solfexo. Así consta en Rogelio Groba, Meditacións en branco e negro, da man de Manrique Fernández (1999). Pero Albina non deixou de ter sempre un selo de querencia e un camiño propio nun tempo dominado por unha ideoloxía na que a muller permanecía na sombra. Tiveron catro fillos: Gabino, Carmen, Flora e Alberto, o pai dos nosos compiladores, que casou con Nieves Regueira, de Ribadetea.

Albina procede dun apelido con moita tradición en Guláns, os Groba. Seu pai, Manuel Groba Groba era irmán da miña avoa paterna, Filomena. Tiñan outro irmán, Antonio, que emigrou a Bos Aires. Como xa sinalamos en "José María Groba y Rodríguez (O crego "Gregoria")", no libriño editado con motivo das Festas na honra á Virxe da Saúde (2010), a saga dos Groba estivo dende sempre moi vinculada á Igrexa, en Guláns. Un antepasado seu, o Crego Gregoria, da Costa de Sequeiros, que finou hai agora cento dez anos, era tío bisavó de Albina, a través do seu avó Francisco Groba, "Francisquiño", que vivía no Casal. Súa nai, Angelina Pexegueiro, procedía de Angoares e familiares na Louriña.

Os netos de Albina Patricia e Iván encargáronse dun traballo en aparencia sinxelo, pero que non o é tanto: o tránsito de cultura oral á escrita, da palabra aos signos gráficos, un verdadeiro exercicio de aprendizaxe lingüística sobre contidos vinculados tamén ao musical, que, estamos seguros, os acompañará durante toda a vida, evocando a figura e o recordó da avoa.

Nos mesmos lles fixemos fincapé moitas veces na importancia de gravar tamén as cancións, coa posibilidade de incorporar posteriormente un sinxelo CD ao texto escrito. A Albina facíalle moita ilusión e cantou para nós en máis dunha ocasión nas visitas puntuáis ao lugar da Pena, en compañía de Alberto. Tina unha voz ben timbrada, non exenta dunha boa afinación. Non podía ser doutro xeito. Nunha parroquia como Guláns, a educación do oído e a tradición instrumental son algúns dos nosos máis importantes sinais de identidade. O da gravación, lamentábelmente non puido ser, por imperativos da existencia humana. Albina deixounos. Foi unha mágoa, privándonos dun bo testemuño para o futuro.

Non quixera rematar este modesto limiar sen referirme a outra laudábel dimensión da nosa protagonista. Albina tíñalle unha profunda devoción a San Cibrán, cuxo culto se celebra todos os anos en Guláns, dúas veces ao ano, no derradeiro domingo de maio e o 16 de setembro (ás veces hoxe trasládase ao domingo máis próximo). Na tradición, subíase tamén a San Cibrán, que conta coa súa ermida no alto do monte do mesmo nome, en tempo de rogativas. Pódese subir ao monte seguindo distintos roteiros. Ademáis do "camino do Santo", un deles arranca dende a Igrexa parroquial, polos lugares de Santa Baia (onde hai outra cápela), Penadouro (cos restos do seu antigo pazo), Barronda e o impresionante penedo rachado polas forzas da natureza. Na encrucillada co roteiro que vén dende o Confurco, pasando polos muíños de Couso e deixando á dereita os restos do Castelo de Mirabel, topamos cos restos da ermida de San Martiño, que hoxe nos sorprende coa riqueza histórica do seu importante pasado, no que se produciron incluso enterramentos. De acordo coa información que nos ofreceron os arqueólogos encargados da exploración do xacemento, conta cunha antigüidade de máis de mil anos. Estamos no conxunto do "Guláns feiticeiro", moi presente na composición do recoñecido e benquerido mestre Roxelio Groba.

Patricia e Iván levaron a cabo este traballo con moita ilusión. No texto que nos pasaron para a súa revisión, agás algunhas cuestións ortográficas, procuramos non desvirtúalo nos xiros lingüísticos, intentando conservar as formas léxicas e morfosintácticas transmitidas pola avoa. Nese labor, quero destacar a colaboración da profesora Raquel Vázquez Ramil, que nos brindou a súa desinteresada axuda e entendeu de alto valor educativo este exercicio interxeracional.

Con este traballo que elaboraron Patricia e Iván, sumámonos ás publicacións que van aparecendo na nosa parroquia. Unha das últimas, o libro de Arístides Carrera, Descubrindo Guláns. Rutas de sendeirismo para coñecer Guláns (2012). Animamos a outros xoves valores, que os hai na parroquia e moi bos, a sumarse a esta iniciativa.

Non nos resta, pois, máis que felicitar a Iván e a Patricia por este agarimoso traballo. Noraboa, amigos.

Anxo Serafín Porto Ucha
Mestre
Profesor da USC
Especialista en Historia da Escola en Galiza