Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Camiñando a Santiago por Galicia

por Teresa Márquez Sanmartín  ( Versión en castelán )


Fai pouco máis dun ano que fixen o Camiño e aínda sego falando, escribindo e revivindo esa experiencia. É que o Camiño meteuse debaixo da miña pel, calou tan fondo no meu corazón que non podo desprenderme del.

De regreso á miña casa, os primeiros tempos non quería falar moito do Camiño; ocorréuseme pensar agora que quizais era unha maneira de mantelo vivo dentro de min e que non se diluíra en palabras. Tiña tanto que elaborar, gozar, estrañar, comprender... O tesouro debía estar gardado por algún tempo. É un recordo que non se afasta co tempo, está sempre presente, coma ó alcance da man.

Cómo esquecer a miña primeira noite no Camiño, no albergue do Cebreiro, onde por primeira vez na miña vida durmín nunha bolsa de durmir. O chan era escorregadizo, frío e duro, pero iso non importaba. As emocións danzaban sen parar da risa ó pranto. Estaba na miña amada Galicia, tantos anos querendo estar debaixo dese ceo, deixando as miñas pegadas, sen présa, ulindo a terra, deluvando a alma, para ir sementando ese amor por tanto tempo gardado.

O serán en Triacastela, asolagando a paisaxe, a placidez, a satisfacción dos primeiros quilómetros percorridos. Camino de Santiago O desexo de que o novo día alborexara para continua-la marcha a pesares da calor, da mochila e das pernas doridas. É que xa se comeza a saborea-la emoción do imprevisto, do descoñecido, dos encontros non programados. Iso é o marabilloso do Camiño, un ábrese ó que suceda, sen previr, sen medos nin resistencias. Sinxelamente acéptase, sen queixa, porque en definitiva escollemos facelo, comprendendo que na vida tamén escollemos cada paso que imos dando. 

Seguín a marcha coas miñas dúas compañeiras, en silencio por moitos treitos, cada unha cos seus propios pensamentos. Por momentos sentímonos desfalecer; faltábanos o aire, o sol era abrasante, realmente había que buscar motivos moi importantes que nos estimulasen a continuar.

Eu sentía que me conectaba coas febras máis profundas do meu ser, que cada célula do meu corpo estaba presente nese momento, e nun intre toda a miña materia se esvaecía e o espírito era o único que continuaba camiñando. Chegando a Portomarín, a vista reconforta e xustifica o esforzo; o río Miño, coas súas augas quedas, falábame da miña infancia e amoreábanse na miña memoria imaxes que amosaban a miña nai, moza, traballadora, sempre cantando cancións da súa terra: "Río Miño, anda caladiño que espertas o meu meniño". O corazón se me estrulla pensando en canta morriña terían por aqueles tempos ela e meu pai. O Camiño ten a virtude de que agromen na conciencia lembranzas esquecidas, emocións esvaecidas no tempo, novas sensacións. Ás veces tiña a sensación de ir camiñando noutra dimensión.

Será que se ten moito tempo, o silencio, sentir que se está cara a cara cun mesmo e con Deus. Momentos de quietude, oración, compromiso e esperanza. Non existen as circunstancias externas que moitas veces nos fan mentírmonos, xustificármonos, adorna-las situacións para que non magoen tanto. Tamén as dúbidas fanse presentes: ¿para que estou a facer isto? Pero seguimos camiñando, co mesmo entusiasmo co primeiro día porque sempre se atopan motivos para prosegui-la marcha, e aínda hoxe sigo atopando respostas. Benditos bosques os da Coruña que invitan ó goce, ó goce dos sentidos e do espírito. A liberdade de vivir sen reloxo, sen compromisos, sen rutinas. Era como camiñar polo ceo, ese ceo que todos temos dentro e que na vida dámonos poucas oportunidades para descubrilo. 

Deus, Santiago, o Universo máis eu estabamos en sintonía.

A lentitude íase apoderando de nós. Todos nos pasaban, pero non nos importaba, seguiamos camiñando pousando cada paso rítmico e profundo amasado coa transpiración que percorría o corpo. Queriamos atrasa-la chegada, non queriamos deixa-lo Camiño, sabiamos que unha parte nosa ficaría impresa nel. Como esquece-las sestas debaixo das árbores, os encontros cos peregrinos con tantas historias, os almorzos e as ceas compartidas, as despedidas. 

Santiago xa estaba preto; estaba tan mobilizada coma ó principio do Camiño, a experiencia fora forte, xa non era a mesma, comezaba un novo camiño, quizais máis difícil do que estaba a rematar. Novamente as preguntas: ¿como volver á vida cotiá? ¿Como inserirse outra vez nos horarios, compromisos, responsabilidades, traballo, contas que pagar? Non foi doado, pero gracias á extraordinaria capacidade de adaptación que ten o ser humano máis o que aprendemos no Camiño, foi posible. 

Os derradeiros quilómetros maila entrada a Santiago xa nos van preparando; o tránsito, a xente, a cidade Peregrinos vannos anunciando o que virá. Entrabamos novamente ó mundo das restriccións, ás leis dos homes, á "civilización". O noso espírito que vagueara ceibe durante sete días debía volver o seu "estoxo". O conforto das costas e dos pés non se pode comparar coa sensación de expansión e liberdade que se ten durante o Camiño. Todo o relacionado co mundo material vólvese trivial e carecente de significado.

Aínda non atopo as palabras que poidan describir ese momento máxico, onde a Catedral emerxe diante da vista, o aperta o Apóstolo, o botafumeiro, a Compostela. Estréanse emocións. O tempo detense. O corpo non existe. Unha nova vida comeza. O meu querido amigo Tino lévanos no seu coche a Fisterra, agora sen mochila e comodamente sentadas; iso facía que xa comezásemos a estraña-lo Camiño. No Cabo Fisterra cumprimos cos dous ritos: o de queimar unha peza de roupa que usamos no Camiño e mira-la posta de sol. Outro momento máxico. O éxtase. As tres convimos volver a camiñar a Santiago. Isto faime lembrar outra época da miña vida, onde alguén me dixo: "Se gásta-las solas dun par de zapatos sobre un escenario, non poderás baixarte nunca del". 


- Queremos agradecer á profesora Teresa Márquez Sanmartín por achegarnos este material.
  Para contactarse coa autora podedes facelo a : peregrinosdelcamino@yahoo.com.ar


Volver a:  Experiencias do camiño