Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

CARLOS CASARES MOURIÑO

Escolma de artigos publicados trala súa morte na prensa galega en marzo de 2002

Carlos Casares Mouriño

Un escuro soño 

Editorial do Consello de Cultura Galega (11-03-02)

 

Este sábado, perdéronse moitas palabras no mundo. Son as de Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, ou como lle chamamos os traballadores, o Consello. Baixo o seu mandato como directivo da principal institución cultural do país -xunto coa Real Academia Galega, da que tamén era membro- o Consello incrementou de xeito espectacular as súas actividades. Casares, que foi o terceiro Presidente da institución, repetía habitualmente que o Consello debía ser "un lugar de debate, reflexión e de encontro" entre tendencias, ideoloxías e políticas. A apertura á sociedade era clave. Dende o seu nomeamento como Presidente, en 1996, Casares formou equipo sempre seguindo estas metas.

Parte diso viña do seu talante. Amigo da conversación e das posturas moderadas, Casares fixo que o Consello penetrara en novos ámbitos de cara a levar a cultura a toda a sociedade: entrou a ciencia, entrou a banda deseñada, entrou Internet, entraron numerosos campos novos. O Consello enriqueceuse de multitude de proxectos e de numerosas persoas novas e cheas de talento. A supervivencia da cultura está na vida que esta tivera, esa era a mentalidade de Casares. Estaba no traballo. En moitas horas de traballo. E na tolerancia.

E gracias a este talante, o 10 de outubro do 2001 creouse culturagalega.org. Foi unha aposta arriscada, cun custe económico alto para unha institución que conta cun orzamento anual de pouco máis de trescentos millóns anuais. El, e o resto da Comisión Executiva, sabían que a cultura galega debía estar presente en Internet, e debía facerse cun producto de alta calidade que permitira á nosa lingua e á nosa creación chegar a públicos inexplorados para a cultura dentro de Galicia, e presentar con dignidade e confianza a nosa cultura ó mundo. E confiou en nós, todos xornalistas mozos, con moita vontade, para levar a cabo este proxecto. 

Casares gostaba especialmente de vir polo portal. E cando viña, era como o tío mariñeiro cando chegaba de viaxe. Sempre viña con cousas entre as mans, formando parte directa do noso equipo. Estabamos a preparar unha exposición en liña sobre o Principiño de Saint-Exupery, que a el lle apaixoaba, en decenas de linguas. Hai pouco, tróuxonos tamén unha vella cinta de película en Super 8, acompañada dun proxector. Entregóunola e díxonos que alí tiña gravadas moitas cousas: dende un entroido nos anos 60 en Laza ata unha celebración do Primeiro de Maio en Portugal tres días despois da Revolución dos Craveis. "Algunhas delas teñen a voz en sueco", díxonos entre risos, "pero metédeas igual". Quería meter toda a obra de Sarmiento, dixitalizada, na rede, metido como estaba no Proxecto Sarmiento. Casares disfrutaba coa fusión entre tecnoloxía e cultura: compartiamos achados, explorabamos as posibilidades do libro electronico -un tema que a el lle apaixoaba, sempre pegado ó seu ordenador de man, que gardaba nun peto- e do multimedia e a narración oral a través de Internet. 

Adeus, Presidente: foi un pracer traballar con vostede. A súa vida é un rastro de fotografías, de conversas, de recordos. Agora mesmo estamos ollando as súas imaxes, preparando un álbum para o portal, e non parece que xa se teña ido, tan de súpeto, tan modestamente. O venres estivo aquí, connosco, na redacción. A súa morte foi como vostede foi: modesto, humilde, pragmático, sen fastos. Que teña unha boa viaxe de volta ó país de palabras.

(Extraído de http://www.consellodacultura.org )



COA DESAPARICIÓN DO ESCRITOR CARLOS CASARES, DE PALABRA PODEROSA E GRAN TERTULIANO, CREBA UNHA DAS COLUMNAS DO RECAMBIO XERACIONAL APONTOADO POLO GALEGUISMO HISTÓRICO IDEADO POR RAMÓN PIÑEIRO

 (Publicado en "O Correo Galego", 10 de marzo de 2002)

Orfandade das letras 


Pola súa man pasaban moitas das iniciativas que viñan definindo e apontoando o 'biorritmo' da cultura e as letras galegas: dende o Consello da Cultura Galega ou dende Galaxia, dende a RAG ou dende unha chea de institucións. Morreu Carlos Casares, de palabra poderosa e gran tertuliano, e con el creba unha das columnas dese recambio xeracional do galeguismo. Razóns sobran para definir como un auténtico 'totem' das letras galegas a quen foi presidente do Consello da Cultura Galega dende o 96 substituíndo a Filgueira Valverde. 

SANTIAGO. AFA 

Ben podería presentarse a Casares como un auténtico presidente da Cultura. Tamén "un gran xestor'', como o definía onte o presidente da RAG, Barreiro Fernández, cunha visión coa que afondou nas claves da súa propia herdanza: sobre todo, dende aquela perspectiva de Galicia do intelectual galeguista Ramón Piñeiro de quen Casares foi un dos seus discípulos, como xa antes o fora de Risco. O Casares risquiano, como tiña a gala autodefinirse, nacera en Xinzo da Limia (Ourense, 1941). Era licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e profesor do Instituto San Tomé de Freixeiro de Vigo, ocupando logo a cátedra de Literatura no Instituto de Cangas e máis tarde a docencia na Universidade de Santiago. 

Deputado independente no grupo parlamentario socialista tralas autonómicas do 1981, Casares era elixido catro anos antes membro da RAG, en substitución do historiador Ferro Couselo, pronunciando o seu discurso de ingreso sobre o Desastre de 1898 e os escritores galegos. Pero Casares, articulista, editor e escritor, levaba dende hai anos á fronte da editorial Galaxia —como custodio de boa parte do legado dos autores clásicos galegos— encetando, dende o 1967 e con Vento ferido, a súa carreira literaria. A esta primeira entrega seguíronlle Cambio a tres (1969), Xoguetes para un tempo prohibido (I Premio Galaxia de 1975 e Premio da Crítica 1976), Os escuros soños de Clio (premio da Crítica Galicia 1979) ou as novelas Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987, pola que foi nominado candidato ó Premio Nacional de Narrativa 1988) ou Deus sentado nun sillón azul (1996). 

Tamén cultivou Casares a literatura para os máis pequenos: A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), Lolo anda en bicicleta (1997) e a serie Toribio. Pero tampouco pasa desapercibido o seu traballo, diario, na prensa galega — faceta que lle valeu o premio Julio Camba de Periodismo— como tampouco o seu labor como traductor con obras como Petit prince, de Saint-Exupéry (1972) ou O Vello e o mar así como unha restra de ensaios biográficos e críticos: Aires da Miña Terra de Curros Enríquez (1976); Vida e obra de Otero Pedrayo (premio de ensaio Otero Pedrayo na súa primeira edición) ou os estudios sobre Ramón Piñeiro, Vicente Risco, Francisca Herrera ou Ánxel Fole. 

Auténtico cronista do século XX, Casares ofrece en obras como Un país de palabras (Galaxia, 1998) boa parte do seu universo: a literatura e os escritores, Deus, Santiago, costumes que envolven un universo creativo que mereceu, entre outros moitos galardóns, o premio de Creación cultural (1989), trala proposta da Fundación Otero Pedrayo— á que pertencía— e o Padroado Rosalía de Castro. 

Morre Carlos Casares, de visión europeísta, que vía a nova orde mundial, en cuestións como o desemprego ou a globalización, como un tinglado que non se axusta 


Carlos Casares, home leal. 

Por Darío Villanueva (O Correo Galego, 10 de marzo de 2002)




Se un lector perde a un dos seus autores preferidos sinte o valeiro insuperable das obras que de él agardaba, e que nunca poderá ler xa. Para algún comprometido persoal e institucionalmente con unha causa, por exemplo a cultura e o galeguismo, a morte dun dos seus líderes o deixa en dolorosa orfandade. Pero o máis terrible de todo é a perda dun amigo. Dun amigo querido e admirado. Sempre leal. Un amigo que coa súa presencia e a súa palabra axudaba, simplemente, a vivir. 

Ese era, para mín, Carlos Casares. Coñecino primeiro como lector de 'Xoguetes para un tempo prohibido', novela xeracional, dos xoves universitarios de Compostela e das súas inquedanzas políticas, intelectuais ou, sinxelamente, humanas. Logo veu o coñecemento personal, a simpatía mutua, a coincidencia de criterios non soamente literarios, as conversas, as longas conversas aquí e alí, en Ferrol, en Vigo, en Buenos Aires, en Verines, en Madrid... Carlos Casares era un dos mellores contertulios que coñecín. E digo ben contertulios, porque tanto como narrar e falar sabía escoitar, e festexar as lerias do outro. Tertuliano con outros, e non —como ás veces se adoita— expropiador sistemático do tempo que lle corresponde en boa lei á palabra allea. 

O liderado de Casares como home da cultura o aprecio persoalmente non tanto en Galaxia e Grial, onde, por certo, entrei a escribir da súa man, senón no Consello da Cultura Galega. Carlos facía as cousas cunha estrana facilidade, como se todo fose moi sinxelo e non significara nunca esforzo, nin moito menos agobio. Os seus escritos xornalísticos, a súa conversa e a súa mesma presencia era unha garantía de serenidade. Poucos coma él apreciaban a cortesía, e a practicaban, desautorizando así o comportamento dos que decote perden a compostura, as veces xustificándose en non sei qué firmezas de conviccións. 

Carlos Casares era un escritor dunha gran finura. Nunca perdeu tampouco o sentido de que a escrita literaria é máis cousa de cualidade que de cantidade. Non caeu nas trapelas da seudoescrita producida como pasto para a voracidade da chamada industria cultural. Deste xeito, cada obra súa era sempre un acontecemento, non unha rutina. 

Do Carlos Casares home cabal soamente fica lembrar, nestas breves liñas penosamente escritas, a súa fidelidade á figura e o pensamento de Piñeiro. O ricaz legado que don Ramón deixou a Galicia tivo en Carlos Casares o máis leal curador. 

 

O compromiso coa palabra

Miguel Anxo Fernán Vello (O Correo Galego, 10 de marzo de 2002)




Desde a súa primeira obra editada, Vento ferido (1967), a obra literaria de Carlos Casares é un paradigma de fidelidade ao idioma propio de Galiza. Cando agora a morte do escritor fende violentamente o noso ánimo, sentimos o pulso seguro da súa palabra escrita, eticamente comprometida con esta lingua nosa que en Casares foi fonte de creación permanente. Como novelista, o autor de Deus sentado nun sillón azul demostrou posuír unha sabedoría estructural e constructiva, unida a unha linguaxe de gran eficacia e poder comunicante, que o converte, sen dúbida, en referencia fundamental da prosa galega contemporánea. E desta maneira, en simbiose o seu compromiso cultural e lingüístico coa creación literaria —tamén concibida como materia estética de gran importancia e transcendencia polo autor-, Carlos Casares constitúese nun mestre exemplar das letras de noso entendidas como espazo independente e á vez universal. 

Conversador ameno, erudito amábel, culto observador da realidade e seductor de lectores —non poucos se iniciaron na lectura en galego a través dos seus diferentes escritos—, Carlos Casares levou a cabo como Presidente do Consello da Cultura Galega un importante labor de revitalización, modernización e proxección da entidade, prestando especial atención a todo o que atinxe á memoria histórica, á creación literaria actual e á comunicación cultural realizada a través de novas vías e soportes: velaí o magnífico "portal'' do Consello da Cultura Galega en Internet. 

Coa morte de Carlos Casares, o noso país —en certa maneira débil na súa estructura de acción e promoción cultural— perde tamén unha referencia emblemática de gran importancia no ámbito do que poderíamos denominar representación cultural. O editor, o conferenciante, o xornalista, o embaixador cultural que Casares era, deixan agora un oco difícil de cubrir. Vaia o seu exemplo, o seu compromiso coa palabra galega, de guía á hora de pensarmos o futuro, un futuro normalizado en galego, abertos ao mundo e donos de nós mesmos, como aberta ao mundo e dona de si mesma é a obra literaria monolingüe, en galego, que nos deixa Carlos Casares como agasallo e como orgullo do xenio creativo de Galiza.

 

Fontes consultadas: consello de cultura galega, o correo galego.

 · VOLVER A : C. CASARES MOURIÑO, SEGUNDO CABODANO